Reparada a avaría na liña AVE Ourense-Madrid, aínda que houbo atrasos a primeira hora

Renfe espera que o servizo recupere progresivamente a normalidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2024 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

A incidencia técnica que, nas últimas horas, afectou á liña de AVE entre Ourense e Madrid, quedou resolta á primeira hora da mañá deste luns, segundo informou Renfe, que espera que, ao longo da xornada, se recupere progresivamente a normalidade no servizo.

A incidencia, unha avaría eléctrica localizada no tramo entre Miamán (Baños de Molgas, Ourense) e Otero de Bodas (Zamora), afectou este domingo a 4 servizos en sentido Ourense-Madrid, e outros tantos que circulaban entre Madrid e Galicia.

Adif comunicou a Renfe que, sobre as 6,30 horas deste luns, a incidencia quedaba reparada, aínda que á primeira hora sufriron demoras outro catro trens que circulan pola liña AVE Ourense-Madrid. Con todo, fontes da compañía incidiron en que o servizo volverá á normalidade nas próximas horas e, tras reiterar o seu compromiso de informar os usuarios, lembrou que os afectados polos atrasos teñen dereito a reclamar.

Tren AVE
Tren AVE | Fonte: RENFE - Arquivo

DESCULPAS

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro BLanco, pediu desculpas aos usuarios que este domingo se viron afectados por estas incidencias e asegurou que se investigan as causas. 
En declaracións aos medios este luns, Branco sinalou que ao estar a traballar "con 100% de recursos", cando hai algún tipo de incidencia "salta desta maneira". En todo caso, analizan "cal foi a incidencia" para "liquidala" e reiterou as súas desculpas aos usuarios e usuarias que se viron afectados. "Ás veces pasa e non podemos facer moito máis que detectar que pasou para tentar dalgunha maneira evitar que volva pasar", xustificou o delegado do Goberno. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta