Unións Agrarias, SLG e AGA acordan un decálogo de reivindicacións de face a protestas despois do 18F

Estas organizacións agrarias rexeitaron nos pasados días "mesturar mobilizacións e citas electorais".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2024 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia (AGA) pecharon un decálogo de reivindicacións de face a futuras protestas a celebrar despois das eleccións galegas do 18 de febreiro. Nun comunicado, asinado por estas tres organizacións agrarias galegas, apostan pola "unidade de acción para garantir a mellor defensa dos intereses do sector produtor". Anuncian que en próximos días pecharán o calendario de actuacións a seguir en próximas semanas.

A pasada semana, estas organizacións avanzaron o seu rexeitamento a "mesturar mobilizacións e citas electorais", polo que aprazan calquera acción ata pasar as eleccións autonómicas.

Deles desmárcanse algúns agricultores e gandeiros organizados a través de grupos de WhatsApp, que contan co respaldo a plataforma lucense Agromuralla, que prevé levar a cabo unha protesta este martes en Lugo, en plena campaña, a cal xa recibiu o apoio expreso do conselleiro do Medio Rural, José González.

Unións Agrarias, SLG e AGA pecharon un decálogo que pasa por cuestións como: prezos xustos, rexeitamento a tratados de libre comercio (Mercosur) que poñan en risco as producións, eliminar burocracia, adaptación da PAC a Galicia, importes suficientes de apoio a produtores ecolóxicos, recuperar terra agrícola, fomentar o acceso da poboación a alimentos saudables, manter redución de prezos do gasóleo agrícola, aumentar remuneracións por danos da fauna e crear a figura de mediador en negociación de contratos.

Varias vacas leiteiras pastorean nunha granxa
Varias vacas leiteiras pastorean nunha granxa | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta