Nais e pais do alumnado galego urxen unha nova lei de educación, mellorar o transporte e os comedores

Tamén reclaman modificar o mapa escolar, deseñar un plan específico para o rural e mellorar a formación dixital.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/02/2024 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

A Confederación de Anpas Galegas fixo público un documento, con motivo das eleccións autonómicas do 18 de febreiro, no que pide que a educación pública sexa unha "prioridade" para os partidos políticos, e na que urxen medidas como unha nova lei educativa galega, melloras no transporte, xestión directa dos comedores e outros cambios.

Así, Anpas Galegas subliñou a necesidade de que se elabore unha nova regulación completa do ensino público, porque a actual está dispersa en varias normativas menores, o que dificulta a súa comprensión e aplicación. Tamén reclaman que se traballe por unha "integración real" das familias na comunidade educativa; que se mellore a formación dixital, porque o actual sistema Edixgal "ten moitas carencias" e limítase a replicar, en computador, o modelo de ensino con libro de texto; que se elabore un plan integral de "galeguización lingüística", para que os centros educativos axuden a promover o uso do galego e salvagardalo; ou que se deseñe un plan integral para a educación no rural, atendendo tamén a outros ámbitos sociais.

COMEDORES E TRANSPORTE

Por outra banda, apostaron porque a Xunta asuma a xestión directa de todos os comedores escolares, que deben ser considerados como "un servizo educativo complementario e universal", e con recursos suficientes para que presten unha atención de calidade. Con respecto ao transporte escolar, reclamaron "unha abordaxe conxunta", porque o actual modelo está "cheo de carencias", e para poder asegurar "un traxecto máximo de 30 minutos de ida ou volta para calquera escolar galego".

A modificación do mapa escolar tamén é unha demanda "urxente", e propuxeron a creación de redes de unitarias para alumnos de infantil e primeiro ciclo, que sexan próximas aos domicilios, e poder salvagardar "a equidade na elección" de centros; así como a creación dunha rede de atención á diversidade que chegue a todos os centros.

No seu documento, a Confederación pide unha "urxente" revisión dos protocolos, para reforzar e axilizar a comunicación coas familias, formar aos profesores e eliminar trabas burocráticas; e un novo plan de atención aos alumnos con necesidades específicas, porque o sistema actual é "moi deficitario". Así mesmo, pediron que se reforme o actual bacharelato, para que teña contido educativo real e non sexa un mero trámite para chegar ás probas de acceso á Universidade.

Alumnos xogan no patio do colexio o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, a 8 de setembro de 2022, en Triacastela
Alumnos xogan no patio do colexio o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, a 8 de setembro de 2022, en Triacastela | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta