Os principais líderes políticos en cifras: Marta Lois, lonxe de Yolanda Díaz; Isabel Faraldo, condicionada por Belarra

A enquisa preelectoral do CIS correspondente ao mes de xaneiro, deixaba ás líderes galegas de Sumar e Podemos moi lonxe de ser opcións tidas en conta pola maioría dos galegos. De feito, un 35,1 % dos galegos dicían nin coñecer a Marta Lois, e un 55,8 % dicían tampouco coñecer a Isabel Faraldo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/02/2024 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Máis aló do PP, do BNG e do PSdeG, hai outras catro formacións políticas que se presentan a estas eleccións ao Parlamento de Galicia. Trátase de Sumar, Podemos, Vox e Democracia Ourensana. As enquisas non lles auguran moi bos resultados, estando en xogo apenas un escano dos 75 totais. Sen embargo, non deixan de ser importantes ante un hipotético cambio de cor no goberno galego, pois se Alfonso Rueda non alcanza a maioría absoluta e se abre a veda dos pactos, quizáis BNG e PSdeG xuntos non cheguen a superar os escanos do PP, de maneira que teñan que xuntarse con algunha destas formacións que lograse sacar un escano para poder formar un tripartito e poñerse á fronte da Xunta (nese caso, todo apunta Galicia pasaría a estar gobernada pola nacionalista Ana Pontón). 

Marta Lois, á esquerda, candidata de Sumar Galicia; e Isabel Faraldo, á dereita, candidata de Podemos Galicia
Marta Lois, á esquerda, candidata de Sumar Galicia; e Isabel Faraldo, á dereita, candidata de Podemos Galicia | Fonte: RTVE

MARTA LOIS É MENOS COÑECIDA ENTRE OS GALEGOS QUE O CANDIDATO DE VOX

Tendo en conta este escenario (máis preto que nunca nestes comicios do 18F), repasemos cal é a opinión dos galegos sobre cada unha destas formacións, comezando pola encabezada en Galicia por Marta Lois, Sumar. Antes de nada cabe lembrar que Sumar naceu como partido político a nivel nacional da man da vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz, como unha gran coalición de esquerdas que agrupou a 20 partidos políticos de ámbito estatal e autonómico para presentarse ás xerais de 2023. Agora, tras pouco máis dun ano de vida, preséntase aos comicios galegos liderado por Marta Lois (Vigo, 1969), quen comezara a súa carreira en política no ano 2015, tras ser elixida concelleira en Santiago pola candidatura de Compostela Aberta que encabezaba Martiño Noriega. No 2022 sumaríase ao concepto de partido que se estaba xestando por parte de Sumar.

Hoxe por hoxe, e segundo os resultados da enquisa publicada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Marta Lois aínda debe facerse un oco entre a sociedade galega. De feito, hai un 35,1 % de galegos que non saben quen é (mesmo o candidato de Vox, Álvaro Díaz-Mella, é coñecido por máis xente: din non coñecelo un 23,2 % dos galegos). Polo que respecta a aqueles que si a coñecen, un 12,6 % dos votantes na enquisa valóraa 'moi mal' (dándolle un 1 como nota), sendo a candidata á Xunta de Galicia que obtivo máis votos negativos, só superada por Rueda (15,2 %). Pero tamén hai que dicir que entre os que lle deron o aprobado (un 5), obtivo un 12,2 % dos votos (só por detrás do 19,5 % de Besteiro e do 14,7 % de Pontón, e superando a Rueda, que quedou no 11,9 % dos votos). Ademais, un 2,6 % dos votantes lle dan un notable (un 8), sendo a única que supera o 1 % dentro de todas as forzas minoritarias. Finalmente, entre os que consideran que o está a facer 'moi ben' (un 10), é a forza máis votada detrás das tres grandes, cun 0,7 %.

Á hora de preguntar aos galegos enquisados por quen preferirían que fose presidente da Xunta, Marta Lois sitúase tamén detrás das tres grandes forzas (PP, BNG e PSdeG), aínda que moi lonxe, cun 2,1 % (Rueda recibiu o respaldo do 28,1 % dos participantes na enquisa, Pontón o do 28,5 % e Besteiro o do 13 %). De feito, esa porcentaxe foi superada polo 3,4 % que dixeron que ningún e polo 3,8 % que dixeron que outro dos que non se presentan. Na mesma liña, ao preguntar por que partido votaría cada enquisado este 18F, Sumar quedou moi por detrás dos tres grandes partidos, cun 2,8 % (fronte ao 14,1 % do PSdeG, ao 26,5 % do BNG ou ao 35,9 % do PP). Iso si, máis que dobrando en porcentaxe a obtida pola seguinte forza minoritaria: Vox (1,3 %). Ademais, en caso de que os que xa teñen decidido o seu voto tivesen que elixir outro partido, Sumar sairía gañando: un 10,6 % dos enquisados a elixirían de ter que modificar a súa papeleta (o PSdeG obtería o 20 % e o BNG o 20,1 % dos votos do cambio, pero o PP só o 4,2 %). 

SUMAR GALICIA SAIRÍA BENEFICIADA COMO ALTERNATIVA DE ESQUERDAS

Por outra banda, se falamos de simpatía e non de intención de voto, semella que Sumar non o está a facer tan mal, pois o 3,6 % dos enquisados din que é o partido que lles xera máis simpatía (fronte ao 12,4 % que din que é o PSdeG, ao 15,1 % que din que é o BNG e ao 18 % que din que é o PP). Máis que duplica a cifra de Vox (1,5 %) e multiplica por sete a de Podemos (0,5 %). E, de feito, ao preguntar non por a quen se vai votar, senón por quen lle gustaría aos enquisados que gañase os próximos comicios, hai un 2,9 % de galegos que asegura que lle gustaría que fose o Sumar de Marta Lois (sería a cuarta forza por detras do PP, BNG e PSdeG). Como pode ser que haxa un 2,8 % de enquisados que din que a van votar pero un 2,9 % que din que lles gustaría que fose presidenta? Pois polo que se coñece como 'voto útil', xente que apoia ideolóxicamente a Sumar, pero que deciden votar finalmente a outra forza afín (como pode ser o PSdeG ou o BNG) porque consideran que votar por Sumar sería darlle votos ao PP, ao ver lonxe a posibilidade de que puidese obter representación no Parlamento de Galicia.

E como obviamente a política galega non é allea á nacional, para saber como pode estar valorada Marta Lois en Galicia é importante ver como o está Yolanda Díaz en España. E os enquisados polo CIS, en caso de que mañá mesmo se celebrasen novamente eleccións xerais, votarían a Sumar nun 9,1 % dos casos. Isto supón unha porcentaxe moi próxima á que sería a terceira forza máis votada, o BNG, cun 9,4 %, e máis que duplicando a porcentaxe obtida por Podemos, que se quedaría no 1,7 % (o PP obtería o 37,5 % dos votos e o PSOE o 25,8 %). Agora ben, en caso de que os enquisados tivesen que cambiar o seu voto, Sumar sairía enormemente beneficiada (como en Galicia), pois Yolanda Díaz recabaría para si o 19,1 % dos votos, sendo a forza que máis obtería con diferenza, seguida polo PSOE co 13,8 % e polo BNG co 10,6 %. O que supón que Sumar é unha alternativa de esquerdas que, en caso de que os principais contendentes á loita fallen (PSOE e BNG), podería tomar o relevo, iso si, só a nivel nacional, polo momento, onde Yolanda Díaz sería elixida presidenta mañá mesmo polo 11,8 % dos enquisados (fronte ao 30 % que elixiría a Sánchez e ao 36,9 % de Feijóo).

O PODEMOS DE FARALDO SÓ SUPERARÍA POR UNHA DÉCIMA OS VOTANTES DE DO

Pola súa banda, a candidata á presidencia da Xunta de Podemos Galicia-Alianza Verde, Isabel Faraldo, tal e como amosan os resultados da enquisa do CIS, aínda non foi quen de gañarse a confianza de gran parte do electorado. E é que hai un 55,8 % dos galegos enquisados que din non coñecela, o que supón que máis da metade da poboación galega non sabería situala. De feito, é a candidata máis descoñecida de todos, só superada polo de Democracia Ourensana, Armando Ojea (60,2 % de galegos di non coñecelo). Entón, quen é verdadeiramente esta muller? Isabel Faraldo non é nova no movemento. Foi candidata da Marea Atlántica xa nas eleccións municipais de 2019 pola Coruña, pero non resultou elixida. É militante do partido morado dende 2014, é dicir, dende a súa mesma formación. E en 2005 protagonizou unha folga de fame para que se equiparasen as condicións das administrativas da sanidade galega ao resto de administracións da Xunta.

Hoxe por hoxe hai un 12,2 % de galegos que din ter 'moi mala' valoración dela (danlle unha nota dun 1 na enquisa do CIS), quedando só por detrás do 12,6 % de Marta Lois á fronte de Sumar e do 15,2 % do actual presidente Rueda. Cantos a sitúan no aprobado (5)? Un 7 %, a terceira cifra de votantes máis baixa, só empeorada polo 5,8 % de Armando Ojea liderando Democracia Ourensana e polo 2,1 % de Álvaro Díaz-Mella á fronte de Vox (Marta Lois situaríase moi por diante no número de enquisados que a aprobarían, chegando ao 12,2 %). De aí en diante, tanto o notable (7 ou 8) como o sobresaínte (9 ou 10) para Faraldo gañaron poucos adeptos, non chegando nin ao 1 % (un 1,4 % dos enquisados daríalle un 7; un 0,6%, un 8; un 0,3 %, un 9; e un 0,4 %, un 10).

Ao preguntarlle aos enquisados polo CIS a súa intención de voto nos vindeiros comicios, para os que resta xa menos de semana e media, só o 0,4 % ten a Podemos como opción preferida. De feito, hai unha maior porcentaxe de enquisados que mesmo asegura que votará a Vox (1,3 %, o que multiplica por tres a porcentaxe de Faraldo). Ademais, a súa competidora directa, Marta Lois por Sumar, obtería nestes comicios do 18F un 2,8 % dos votos dos enquisados (sete veces máis). E só se quedaría por diante, aínda que por moi pouca diferenza, de Democracia Ourensana, co 0,3 % dos votos. No seu caso, nin sequera preguntando á xente cal sería a súa alternativa en caso de que non puidese votar ao partido que pensa votar, obtén mellores resultados. De feito, recibiría tan só un 2,6 % dos votos, mentres que Sumar pasaría do 2,8 % da intención de voto ao 10,6 %; e Vox do 1,3 % ao 4,2 %. Democracia Ourensana, pola súa banda, quedaríase co 0,3 %.

A CAÍDA DE PODEMOS A NIVEL NACIONAL EN 4 ANOS: DE CUARTA FORZA Á NADA

Polo que respecta á simpatía que Podemos esperta entre os enquisados, esta é moi pouca, pois so din que é o partido que máis simpatía lles esperta o 0,5 %. Xa non é que se vexa amplamente superada esta formación por Sumar (3,6 %), senón que tamén se ve superada por Vox (1,5 %). Ademais, ao preguntar aos participantes na enquisa quen lles gustaría que gañara as eleccións, Podemos segue estancado no 0,5 % das respostas (chegando Vox ao 1,4 % e Sumar ao 2,9 %). Algo que resulta sorprendente tendo en conta que fai tan só catro anos, nos anteriores comicios galegos (2020), Galicia En Común (o que poderiamos asimilar hoxe a Podemos) obtivo liderado por Antón Gómez-Reino o 3,94 % dos votos totais dos galegos, sendo a cuarta forza máis votada (por detrás do PP, o BNG e o PSdeG), pero quedándose sen escano. De feito, os seus resultados mesmo serían mellores que os que as enquisas lle auguran a Sumar hoxe por hoxe.

E pasando a analizar a valoración de Podemos a nivel España, se mañá mesmo se celebrasen as eleccións ao Parlamento español, esta forza sacaría menor representación que Vox, obtendo o 1,7 % dos votos por parte dos enquisados fronte ao 4 % de Vox. Sumar e o BNG estarían xa moito máis lonxe, cun 9,1 % e un 9,4 % dos votos, respectivamente. E no caso de que os enquisados non puidesen votar tampouco en España ao partido que lles gustaría, tampouco subirían moito as posibilidades de Podemos, que chegarían de ser así ata o 3,1 % (Vox faríao ata o 7,7 %, o BNG ata o 10,6 % e Sumar ata o 19,1 %). Iso si, a nivel nacional espertan algo máis de simpatía que Vox, chegando a ser o partido que máis simpatía esperta entre o 1,4 % dos enquisados fronte ao 0,7 % de Vox, pero lonxe aínda do 4,2 % obtido por sumar ou do 5 % do BNG. De feito, Ione Belarra, a candidata nacional, se mañá se celebrasen as eleccións xerais só sería elixida para presidir o país polo 0,5 % dos enquisados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta