Medio Rural defende que os gandeiros lácteos en Galicia "facturan cada vez máis"

A Consellería apunta que "en ningún caso" comparten que "o leite galego teña un prezo máis baixo que outras comunidades" e subliña que "Galicia cada vez produce máis leite".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2024 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural defende que traballa para "seguir potenciando os niveis de prezo" do leite que producen os gandeiros galegos despois de "recortar o diferencial coa media estatal nos últimos anos". "En ningún caso compartimos que o leite galego, tanto pola súa excelente calidade como polas súas condicións hixiénico-sanitarias, teña un prezo máis baixo que outras comunidades", afirma.

Así se pronuncia este departamento despois de que o ano 2023 se pechase cun prezo medio de 49,5 céntimos por litro de leite pagado a gandeiros en Galicia, a cifra máis baixa de España e única comunidade que non alcanza os 50 céntimos. Sufriron unha caída no último ano de case 10 céntimos respecto dos 58,6 céntimos que cobraban a peche de 2022.

No entanto, Medio Rural traslada a Europa Press que os prezos medios dos 12 meses do ano arroxan unha cifra de 52,6 céntimos por litro en Galicia, un 16% máis que a media de 45,4 céntimos de 2022 e un 58% máis que en 2021.

Tamén pon en valor que aumentou a produción un 1% ao superar os 3 millóns de toneladas de leite, ademais de que avanza que haberá un aumento de facturación "a falta de datos definitivos". "Galicia, en definitiva, produce cada vez máis leite, e os gandeiros galegos facturan cada vez máis", subliña este departamento.

Os produtores con entregas seguen á baixa en 2023, un ano no que se perderon 362 gandeiros lácteos, ata quedar nun total de 5.655. Con todo, Medio Rural apunta que "isto non ten porque traducirse no peche dunha granxa", posto que "poden, por exemplo, pasarse á produción de carne, entre outras casuísticas".

Tamén defende, con datos neste caso de 2022, que en rendemento lácteo por vaca Galicia "supera á media estatal e só estaría por baixo de tres países da UE: Dinamarca, Estonia e Suecia".

Un gandeiro xunto a vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, a 7 de agosto de 2023, en Chantada / Carlos Castro - Arquivo / Europa Press
Un gandeiro xunto a vacas dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, a 7 de agosto de 2023, en Chantada / Carlos Castro - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta