Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/02/2024 | Actualizada ás 21:00
San Valentín ou o Día dos Namorados é unha festividade de orixe católica que se celebra cada ano o 14 de febreiro, como conmemoración das boas obras realizadas por San Valentín de Roma, relacionadas co concepto universal do amor e a afectividade. Con todo, a festa en si foi gañando importancia ata chegar aos nosos días cunha perspectiva máis laica, como un día no que os namorados agasallan á parella unha rosa ou uns chocolates para celebrar a súa unión. E, aínda que a nivel comercial as tendas enchen estes días os seus escaparates de decoración como se se tratase dunha festividade ao nivel do Nadal ou do Día de Defuntos, o certo é que xa hai moita xente que decide non sumarse ao que consideran 'unha festa para enfatizar o consumismo'. Dende Galicia Confidencial saímos ás rúas de Compostela para preguntar á xente se celebran San Valentín ou non e, en caso de que si, que é o que deciden agasallar. Para ter a visión de maiores e novos, collemos xente de todas as idades.
Camiñando pola Alameda atopámonos cunha parella de avanzada idade que camiña collida de ganchete. Véndoos, non cabe dúbida de que están namorados, así que decidimos achegarnos a eles para preguntarlles que opinan de San Valentín. A muller dinos que si o adoitan celebrar, aínda que simplemente se regalan "un ramiño de flores e un libriño". A iso suman "moito cariño". Porque ambos consideran que "o segredo do amor é aguantar un pouco un e ceder un pouco o outro". E tendo en conta que nos confesan que levan 28 anos xuntos, xa se pode crer que é verdade, pois a eles funcionoulles a receita. Un pouco máis adiante vemos a outra parella, aínda de máis idade, que vén falando depois de facer as compras. Sen pensalo, abordámolos para que nos conten o que é para eles o Día dos Namorados. "San Valentín para nós é todos os días, non é un día específico", dinos sen pensalo a muller, que asegura que "en 51 anos casados e 3 máis de noivos" non lles fixo falta agasallarse nada por este día para saber que se querían.
Coa visión dos máis maiores pasamos xa a ver o que nos din os máis novos sobre a cuestión. Na contorna da Praza Roxa unha parella que vai collida da man pasea pola rúa. Cando lles preguntamos semella que non queren falar moito porque para eles o San Valentín non é un día no que celebrar: "celebrámolo todos os días", dinnos. Ela asegura que, "como moito, igual saímos a comer ou así, como outro día calquera", pero máis nada, nada de agasallos nin cousas grandilocuentes. E ao preguntarlles se cren que nun futuro, tras "3 anos de mozos", cambiaran a súa opinión ao respecto desta festividade, amósanse convencidos de que "non". No outro lado da praza hai dúas amigas que se prestan a contarnos. Unha non celebra o San Valentín a pesares de ter mozo, porque asegura que "non me dá xeito celebralo, como moito pedimos unha pizza e vemos unha peli pero non hai ningún tipo de plan especial". E a outra dinos que si que o celebra, pero non con mozo, senón "cos amigos", cos cales "facemos unha comida e sempre lle agasallo flores".
E nunha tenda da zona do Ensanche atopámonos co caso máis curioso de todos: unha francesa que coñeceu ao seu marido galego en París. "A miña historia é unha historia de amor completa, porque namoreime nun avión, el era auxiliar de voo, pero volvímonos cruzar por pura casualidade dous días despois en París, en Francia, e levamos xa 17 anos e dous fillos", cóntanos. E para ela San Valentín é unha data marcada en vermello no calendario, xa que, segundo nos di, "San Valentín é un día que hai que lembrar". "É verdade que é un día moi comercial, pero no que hai que lembrar que a chama do amor se ten que manter, e hai que lembrar sempre ao teu namorado, facerlle un detalle", aínda que confesa que "non ten por que ser en San Valentín, pero é o xesto de 'acórdome do día' e 'tráiche un detalle'". E sobre o que agasallar, asegura que iso xa dá máis igual: "Aínda que sexa un post-it, unha declaración, unha carta, o importante é manter a chama".
Como vemos, a resposta case unánime tanto de mozos como de maiores é que San Valentín non é unha data de obrigada celebración para os namorados, pois pode un estar moi namorado e non agasallar nada á súa parella, e non por iso significa que se queira menos. Ademais, tamén se pon de manifesto que hai quen cambia o Día dos Namorados polo Día da Amizade (algo que cada vez se está a facer máis, sobre todo noutros lugares de Europa, onde tamén se toma como referencia a San Valentín para ensalzar a amizade), celebrando a data con amigos, aos que se lle agradece o feito de estar aí todo o ano. Sexa como fose, o certo é que a sociedade está cambiando e estas celebracións tradicionais tamén teñen que adaptarse a ela se non queren caer no esquecemento.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O pacto con Jácome provoca divisións no PP e a dimisión dun dos seus edís, Miguel Michinel
- A CNMC investiga ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra por recomendar aplicacións dixitais
- Paula Prado (PPdeG): "Apostamos pola mocidade e por iso a mocidade elixe sempre a nosa papeleta"
- Investigan un intento de estafa de máis de 60.000 euros á Diocese de Ourense
- O 90% dos falecidos en incendios sobrevivirían se soubesen como actuar
- Buscan á ex parella da muller atopada morta en Baiona: "Eu non vou comerme ese marrón"