18F.- Un dispositivo de 7.400 axentes garantirá a seguridade na xornada electoral en Galicia

Estará composto por efectivos da Policía Nacional, Garda Civil, Policía Local e Adscrita á comunidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/02/2024 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Un total de 7.364 efectivos das forzas e corpos de seguridade estatais, autonómicos e locais velarán pola seguridade no exercicio ao dereito ao voto este domingo, día 18 de febreiro, con motivo das eleccións ao Parlamento de Galicia.

En concreto, a Garda Civil despregará 4.178 axentes e a Policía Nacional, contando coa Unidade de Policía Adscrita, outros 2.182 axentes. Pola súa banda, os distintos corpos de Policía Local mobilizarán 1.004 axentes. Por provincias, na Coruña, o dispositivo estará formado por 2.617 axentes (1.454 da Garda Civil, 792 da Policía Nacional e Policía Adscrita e 371 da Policía Local); 1.133 na provincia de Lugo (774 da Garda Civil, 266 de Policía Nacional e Policía Adscrita e 93 da Policía Nacional); 1.132 en Ourense (770 da Garda Civil, 267 de Policía Nacional e Policía Adscrita e 95 da Policía Local), e 2.481 en Pontevedra (1.180 da Garda Civil, 857 da Policía Nacional e Policía Adscrita e 445 da Local).

Diso informou a Delegación do Goberno nun comunicado, no que lembra que ten as competencias en materia de seguridade nos procesos electorais. Entre as súas funcións está a de garantir a seguridade cidadá no exercicio dos dereitos e liberdades no día da votación, a vixilancia e protección de infraestruturas críticas, así como a ciberseguridade de todo o proceso e os dispositivos dos colexios electorais e as súas inmediacións. Ademais, tamén coordina as forzas de seguridade do Estado cos corpos autonómicos e locais.

O dispositivo, que estará operativo desde primeira hora da mañá e ata que se faga público o reconto de votos, velará por que a xornada electoral transcorra sen incidencias nos 2.346 colexios electorais repartidos pola comunidade.

Neles poderán exercer o seu dereito ao voto 2.217.029 persoas electoras residentes en Galicia das 2.696.177 que compoñen o censo electoral na comunidade. As restantes 476.544 corresponden ás persoas electoras residentes no estranxeiro (CERA).

Arquivo - Unha mesa electoral.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Unha mesa electoral.. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta