A tempada das velutinas adiántase este ano tras a onda de calor de xaneiro: xa apareceron as primeiras raíñas

"Na zona próxima á costa, a partir de mínimas mantidas sobre os 10 graos e máximas a partir dos 16 a raíña comeza a saír da hibernación, o que se dá no mes de febreiro en diante, normalmente, aínda que pode adiantarse (como din que aconteceu este ano) pola climatoloxía", explica José María Bello Santos dende a Asociación Galega de Apicultura, que destaca que, con todo, o pico debería chegar "na última semana de marzo ou nos primeiros quince días de abril".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/02/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O cambio climático está a causar estragos na natureza, en moitos aspectos, pero un dos principais é a influencia que este está a provocar sobre os animais, que ven alterados os seus ciclos biolóxicos como consecuencia da calor anómala que se vive en períodos do ano que adoitaban ser máis fríos. Só hai que botar a vista atrás un par de semanas para atoparnos as praias cheas de xente que, a mediados de xaneiro, cando tería que estar mesmo nevando, estaba paseando ao caloriño, cunha temperatura próxima aos 18 graos nalgunhas zonas de Galicia que mesmo animaba aos máis intrépidos a meterse na auga. Tamén os bares se atopaban escasos de persoal ao ver como as súas terrazas se enchían polas tardes de xente que quería desfrutar do bo tempo coma se do verán se tratase. Pero o que podería semellar ser algo bo, non o é, pois tamén trouxo consigo a volta dunha especie invasora inimiga por excelencia da nosa terra: a vespa velutina, bastante antes do esperado. Dende Galicia Confidencial, alertados pola aparición dos primeiros niños de raíñas, contactamos con expertos para que nos conten como está a situación.

Niño de vespa velutina nun castiñeiro
Niño de vespa velutina nun castiñeiro | Fonte: UGAM-COAG - Arquivo

Dende a Asociación Galega de Apicultura (AGA), o coordinador delegado na zona do Morrazo, José María Bello Santos cóntanos que "que haxa velutinas ou non xa nesta época vai depender moito do sitio no que nos atopemos". Pola súa experiencia, cóntanos que el mesmo atopou a pasada semana un niño de velutina con actividade, pero tratábase dun niño secundario, no cal só quedaban obreiras, non dun niño principal que estivese a ser construído pola raíña. Por iso, pide precaución á poboación ante a xeración de alerta, pois "pode ser que aínda se atopen niños secundarios con actividade residual". Aínda que, tamén pola súa experiencia, avisa de que atopou ao mesmo tempo a primeira velutina raíña na colmea. "Se estamos nunha zona de costa o máis probable é que a estas alturas e co calor dos días pasados si se trate dunha raíña, pero cabe a posibilidade, especialmente en zonas de interior, de que sexa unha obreira dando os últimos bandazos de vida do niño", especifica o experto.

Os datos de AGA son moi esclarecedores sobre os tempos de actividade que teñen as vespas velutinas. Tras unha campaña de trampeo, de recollida de datos, cotexando a información das fichas de capturas que se expoñía aproximadamente cada 15 días, observando as propias capturas e aparexando todos eses datos cos aportados por unha estación meteorolóxica da zona de Cangas pertencente á rede de MeteoGalicia, descubriron que ao longo dos anos as velutinas seguían unha serie de pautas comportamentais. "Na nosa zona (é dicir, próxima á costa, porque no interior xa estamos a falar doutros datos totalmente diferentes), a partir de mínimas mantidas sobre os 10 graos e máximas a partir dos 16 graos a raíña comeza a saír da hibernación, o que se dá no mes de febreiro en diante, normalmente, aínda que pode adiantarse (como din que aconteceu este ano) porque será a climatoloxía a que determine cando saian as raíñas", explica Bello. 

E é que este ano, ao igual que o pasado, fixo un mes de finais de xaneiro e comezos de febreiro moi bo, moi cálido, o que propiciou "a saída dunha parte das velutinas raíñas". Con todo, é importante saber que "elas saen escalonadamente, non saen todas de golpe", puntualiza Bello, que engade que agora que a temperatura mínima xa se mantén en torno aos 10 graos e que as máximas rondan os 16, 17 ou 18 graos, "nese abano xa van saíndo paulatinamente, e a medida que a temperatura máxima continúe aumentando, coa mínima manténdose por enriba dos 10 graos, sairán en máis cantidade". En concreto, apunta que "o pico máximo destas saídas, normalmente, é cando as mínimas rondan os 12 graos e as máximas os 22, 23 ou 24, máis ou menos, é dicir, na zona da costa, na última semana de marzo ou nos primeiros quince días de abril". Con todo, o apicultor confesa que "non é unha matemática, porque todo vai depender da climatoloxía" e, como pode verse, esta está a cambiar a pasos axigantados cada ano que pasa. "No interior de Galicia estes datos xa non son exactamente así, porque hai unhas condicións máis peculiares, cunha diferenza térmica entre mínimas e máxinas moi ampla: pode haber 5 graos de mínima de noite e de día chegar aos 25".

NA ZONA DE COSTA XA HAI VELUTINAS TODO O ANO, AÍNDA QUE SEXA CON ACTIVIDADE RESIDUAL

Vespas velutinas
Vespas velutinas | Fonte: SANDRA VERMELLAS - Arquivo

Sexa como fose, o certo é que tal e como está o tempo na actualidade, con escasos días de frío ao ano, na zona de costa xa practicamente non se pode dicir que haxa un mes en concreto no que non haxa actividade por parte das velutinas, e así nolo confirma Bello, que asegura que "contando a actividade residual hai velutinas todo o ano". E apunta a que pasa unha peculiaridade: "As raíñas que saen ou espertan no mes de febreiro, por exemplo o primeiro niño primario que se detectou no Morrazo o ano pasado foi sobre o día 9 debido a que a última semana de xaneiro e os primeiros dez días de febreiro fixo unha temperatura moi cálida, proveñen dun niño do ano anterior que finalizou o seu ciclo moi pronto, e moi pronto quere dicir que, na nosa zona, por exemplo, comezou a soltar raíñas na última semana de setembro e durante o mes de outubro", explica.

E precisa que "esas raíñas empezan a facer o niño primario moi cedo e van ser capaces, polo tanto, de xerar un niño moi grande, porque teñen un intervalo de tempo moi grande tamén para desenvolverse; pero, sen embargo, tamén vai haber raíñas que van seguir nacendo ao longo do mes de marzo, e que tamén van facer niños moi grandes; as que nazan nos primeiros quince días de abril, tamén farán uns niños de tamaño mediano tirando a grande; pero as raíñas que saen, por exemplo, nos últimos quince días de maio ou nos primeiros quince días de xuño farán niños pequenos, porque teñen pouco percorrido, teñen pouco tempo". Tal e como incide o experto de AGA, "digamos que a duración do seu ciclo biolóxico dependerá fundamentalmente da climatoloxía, das horas de luz dos días e das estacións" e "estas raíñas que saen moi tarde son as que non teñen tempo a facer niños grandes, quedándose pequenos, pero tamén son eses niños os que van chegar a finalizar o ciclo moi tarde".

Así as cousas, como confesa Bello, este problema "é a 'pescadilla' que se morde a cola: eses niños tardíos xerarán raíñas que van á hibernada moi tarde e espertarán tarde e volverán xerar niños tardíos". Polo xeral, "esas raíñas tamén adoitan ser máis pequenas, porque o diámetro do niño condiciona o tamaño da raíña ou das raíñas que nazan nel: canto máis fondo ten o niño, canto máis grande, maior diámetro terán as raíñas que nazan nel e, canto máis grande sexa a raíña, maior será a súa capacidade de posta", indica Bello. Sobre a súa experiencia, conta que o niño que el se atopou fai uns dez días atrás con actividade é un niño tirando a pequeno, non moito máis grande que un balón de rugby, cun pouco máis de diámetro, polo que sabe que se trata do niño dunha raíña tardía que xerará raíñas tardías e niños primarios tardíos e que, polo tanto, traerá consigo máis raíñas tardías para este 2024.

OS NIÑOS TARDÍOS TENDEN A SER MOITO MÁIS PEQUENOS

Como diferenciar un niño principal dun niño secundario? Bello teno claro: polo tamaño. "Se visualizamos, en primeiro lugar, que o niño ten actividade nestas datas, como o que eu atopei este mes de febreiro, estamos ante unha excepción á regra, porque se dán nunha porcentaxe moi pequena, pero debemos saber que estamos ante un niño que tardou en finalizar o ciclo e, aínda que teña actividade por parte de velutinas obreiras, moi probablemente xa soltou á raíña a finais de decembro", explica o experto. Ademais, apunta a que "hai niños que finalizan o ciclo en outubro, outros en novembro e os máis tardíos en decembro, pero finalizar o ciclo biolóxico non quere dicir que o niño careza xa de actividade, porque pode seguir tendo actividade residual por parte de velutinas obreiras, aínda que raíña como tal xa completase o seu ciclo biolóxico". "É algo complexo", evidencia Bello, que por iso se presta a ensinarnos un pouco máis sobre o asunto para que a xente non caia en confusións.

AGORA É SINXELO DIFERENCIAR UNHA RAÍÑA DUNHA OBREIRA POLO TAMAÑO

E, para aqueles que xa aseguran estar vendo as primeiras velutinas, chama a identificar se se trata dunha raíña ou dunha obreira, dunha forma moi sinxela tamén: polo seu tamaño. "Neste tempo, en principio, debería ser algo máis sinxelo de diferenciar, porque as únicas vespas que pode haber son as vespas medianas dos niños pequenos que aínda teñen actividade residual e as raíñas grandes dos niños que finalizaron ciclo o ano pasado pronto", apunta Bello, que destaca que, "despois, máis adiante, por exemplo aló polo mes de maio, haberá un tempo onde as trampas comezarán a encherse das primeiras obreiras e aí sí que resultará moi sinxelo diferencialas, porque as raíñas teñen case o dobre de tamaño que esas primeiras obreiras dos niños primarios, que son moi pequenas". A partir de aí diferencialas volverase máis difícil, porque "as obreiras irán medrando a medida que ese niño primario vaia crecendo, e serán máis grandes". Con todo, ata mediados de maio non debería haber problema, pois a diferenza entre unha obreira e unha raíña que acaba de saír é moi significativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta