O noivo de Nerea Añel declárase inocente e asegura que "se separaron" e "nunca máis" soubo dela

Fiscalía ve un "homicidio por omisión", mentres a acusación particular cre que a matou e ocultou o seu corpo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2024 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense acolle durante toda esta semana o xuízo, con tribunal xurado, polo homicidio de Nerea Añel, unha moza ourensá que desapareceu a principios de xaneiro do 2020 e cuxo cadáver apareceu en setembro do mesmo ano. No banco senta como único acusado por estes feitos o que era noivo da moza no momento da súa desaparición. Este luns, na súa comparecencia ante o tribunal, o procesado só respondeu a preguntas da súa avogada e declarouse inocente, alegando que se separaron cun bico e "nunca máis" soubo dela.

Así, subliñou que é drogadicto desde os 15 anos, e consome cocaína, heroína e haxix, mentres que a que era a súa parella sentimental "consumía coca e porros", motivos polos que, dixo, el furtaba "entre dous mil e tres mil euros" case diarios para poder custearse tales gastos. Segundo o seu relato, a tarde do 15 de xaneiro de 2020 ambos saíron xuntos dun motel en Barbadás, no que consumiran " de todo", e fixérono fuxindo porque subtraeran a carteira esa mesma tarde a un taxista. Á súa saída, requiriran os servizos doutro taxi e temían que a recepcionista alertase ao chofer e tamén á Garda Civil.

Na súa declaración manifestou que se marcharon pola estrada nacional ata que se separaron ao chegar a unha curva. "Díxome que ela se comía o da carteira porque non tiña antecedentes e sairía nun ou dous días, así que nos demos un bico e non souben máis dela, non a volvín a ver", manifestou esgrimindo que, escondido, viu pasar un coche da Garda Civil en dirección ao motel e regresar pouco despois en sentido contrario, polo que supuxo que a súa parella "fora detida".

Segundo relatou, chamou a varias comisarías para comprobar se Nerea estaba detida e, xa en Covadonga, unha reclusa que saíra de permiso informoulle de que entrara a prisión unha muller que encaixaba na descrición da súa noiva, polo que se convenceu de que era ela e continuou drogándose. "Dáme pena pola súa nai, iso ante todo", expuxo na súa declaración, na que tamén esgrimiu que buscou a Nerea "a moreas". "Tiven moitos problemas por axudar a esa nena, mira onde estou", valorou.

"HOMICIDIO POR OMISIÓN"


Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, na crenza de que a recepcionista do motel avisara á Garda Civil, o acusado e a súa parella fuxiron á carreira a través dun carreiro que bordea o edificio, paralelo á estrada e á beira dun arroio. A acusación sostén que, na fuxida, a vítima sufriu unha caída que "lle produciu un grave traumatismo cranio vertebral con lesións que lle ocasionaron un estado de inconsciencia" e que "determinaron a súa morte", pero sinala tamén que, no caso de recibir "unha pronta asistencia médica, podería sobrevivir".

Así pois, para a Fiscalía trátase dun "homicidio por omisión" porque "a falta de auxilio foi determinante" e porque o acusado "puido prestarlle axuda", ao atoparse a só 200 metros de distancia do motel, pero non o fixo, "tendo a obrigación moral e legal de facelo porque era a súa parella".

"É a manifestación máis extrema da violencia de xénero, a morte dunha vítima a mans da súa parella cando podía salvarlle a vida, non o fixo deliberadamente", manifestou o representante do Ministerio Público, engadindo que "Nerea non tivo unha morte instantánea", senón que faleceu "por hipotermia ou polas importantes lesións sufridas na caída".

ATAQUE E OCULTACIÓN DO CORPO

Para a acusación particular, o procesado atacou á vítima e despois tentou ocultar o cadáver. "Non é posible que se producise un accidente no camiño e que chegase ao río no que apareceu", manifestou o letrado da acusación particular- que exerce a nai da nova-, que considera que o acusado "tratou de eludir a súa responsabilidade" escondendo o corpo "nun sitio de dificilísimo acceso, nun río encajonado".

O letrado quixo pór o foco na "natureza violenta" do acusado, quen se atopa en prisión condenado por múltiples roubos, aínda que o presidente da Audiencia, Antonio Piña, advertiu ao xurado de que "non debería ter consideración" os antecedentes e replicou ao avogado que se explicación é "improcedente". Tanto acusación particular como Fiscalía solicitan 14 anos de prisión, así como que indemnice aos pais de Nerea Añel con 100.000 euros.

LIBRE ABSOLUCIÓN

Pola súa banda, a defensa, que pide a libre absolución, solicitou aplicar os principios de presunción de inocencia e de 'in dubio pro reo'. Respecto diso, subliñou que tanto vítima como acusado eran persoas drogodependentes e "o seu razoamento lóxico non é o mesmo" que para outras persoas, posto que "actuaban baixo os efectos das drogas".

Para a avogada defensora, a morte "foi unha desgraciada fatalidade". Segundo a súa versión non se pode acreditar a participación do seu cliente nos feitos porque "el non baixou por ese camiño" e non puido intervir no falecemento nin na ocultación.

Na súa versión, o acusado marchouse por unha estrada e non polo camiño mentres que Nerea regresou soa para entregarse pola subtracción da carteira. Nese momento, o acusado, escondido, viu pasar á Garda Civil e regresar minutos despois, polo que, crendo que foran chamados pola traballadora do motel convenceuse de que arrestaran á vítima.

Audiencia provincial de Ourense
Audiencia provincial de Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta