Así foi o voto dos concellos máis avellentados de Galicia

O PP sumou apoios en 3 dos 18 concellos máis avellentados, mentres que noutros 15 perdeunos. Pero o PSdeG perdeu unha gran porcentaxe de votos en todos estes pequenos municipios, que marcharon directamente ao BNG. En 10 destes municipios Democracia Ourensana foi a cuarta forza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 26/02/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Cos datos na man, as eleccións deste 18F son sinxelas de interpretar, con todo, é preciso ter en conta as diferencias territorios e a gran diversidade da comunidade galega para poder entender quen saiu gañador e quen saiu perdedor nestas eleccións. Nesta ocasión facemos un repaso polos votos emitidos polos concellos con poboación máis envellecida de Galicia (os que contan con máis poboación maior de 65 anos), todos eles de moi pequeno tamaño, menos de 1.000 habitantes ou algo máis, e todos agás un pertencentes ao rural ourensán. Trátase de Lobeira, Parada de Sil, San Xoán de Río, O Bolo, Chandrexa de Queixa, Calvos de Randín, Avión, Vilardevós, Gomesende, Beariz, A Peroxa, O Irixo, Melón, Navia de Suarna, Porqueira, Larouco, Bande e Muíños. Estas localidades apoiaron historicamente ao PP (excepto nos casos de Parada de Sil e Calvos de Randín, onde a primeira forza era o PSdeG) e, contra o que sucedía no resto do territorio galego, poñían como segunda forza ao PSdeG (agás en Beariz e Porqueira), en lugar de ao BNG. Así foi nos pasados comicios autonómicos do 2020.

Varios anciáns nunha das salas da Residencia de maiores de Carballo
Varios anciáns nunha das salas da Residencia de maiores de Carballo | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Nestas eleccións do 18F, sen embargo, e botando unha ollada aos resultados, podemos ver que algo está cambiando. Ese conservadurismo que facía que a maioría destes concellos, irremediablemente, puxesen aos socialistas como segunda forza, semella que se está a esvaecer, pois de catro anos cara esta parte o transvase de votos cara os nacionalistas foi brutal: en moitos o PSdeG perdeu ao redor de 10 puntos porcentuais de voto que se trasladaron directamente ao BNG. Pola súa banda, o PP, que segue a ser o rei nestas pequenas poboacións, perdeu algúns apoios en moitas delas, aínda que neste caso non se pode observar un transvase directo dos votos ao BNG, pois ben poderían ir cara formacións como Vox ou Democracia Ourensana (candidatura só na provincia de Ourense). Esta última irrumpiu nova no panorama autonómico nestes comicios, pois nos anteriores non se presentou, o que sempre resta votantes doutros partidos que apoian a esta nova forza (máis asociada á dereita).

CALVOS DE RANDÍN, ÚNICO DOS 18 CONCELLOS QUE NON ESCOLLEU AO PP COMO PRIMEIRA FORZA

Vaiamos analizando o que sucedeu concello a concello. Paga a pena comezar polo caso de Calvos de Randín, un pequeno municipio da provincia de Ourense con só 735 veciños. É o único dos 18 que non escolleu ao PP como primeira forza, senón que optou, como xa fixera nos pasados comicios, polo PSdeG. Con todo, vendo os datos, ata neste lugar os socialistas perderon apoio en favor do BNG. En concreto, o PSdeG obtivo 194 votos fronte aos 208 que sacara no 2020 (-1,84 puntos); o PP sacou 159 votos fronte aos 171 dos pasados comicios (-1,63 puntos); e o BNG creceu dende os 41 votos do 2020 ata os 53 (+3,10 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana, que conseguiu 13 votos; e a quinta foi Vox.

O PP PERDE VOTOS CON RESPECTO A 2020 EN SAN XOÁN DE RÍO, VILARDEVÓS E BANDE

Sabendo que todos os demais concellos elixiron como primeira forza ao PP, coñezamos cales foron os únicos tres nos que os populares non perderon votos con respecto aos comicios do 2020, senón que os gañaron: San Xoán de Río, Vilardevós e Bande. O caso de San Xoán de Río é o máis chamativo, pois neste pequeno municipio ourensán de só 518 habitantes, o PP colleitou neste 2024 un total de 202 votos, fronte aos 144 dos pasados comicios, o que supón un incremento de 8,54 puntos porcentuais. De onde saíron? Pois o PSdeG, que fora no 2020 segunda forza con 47 votos, quedouse nesta ocasión con 32 (-8,56 puntos), deixando o segundo lugar para un BNG que pasou de 38 votos a 43 (+1,19 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (9 votos) e a quinta foi Vox.

En Vilardevós, municipio ourensán de 1.802 habitantes, o PP pasou dos 583 votos do 2020 aos 596 colleitados no 18F (+2,19 puntos). Neste concello o PSdeG logrou manterse como segunda forza, pero perdeu votos a favor das outras dúas forzas. En concreto, nestes comicios os socialistas lograron 306 votos, cando no 2020 foran 361 (-4,23 puntos); e o BNG sacou 190 votos fronte aos 164 de fai catro anos (+2,59 puntos). A cuarta forza neste caso foi Vox (13 votos) e a quinta Democracia Ourensana (6 votos). E no caso de Bande, concello ourensán con 1.498 habitantes, o PP subiu dende os 661 votos do 2020 ata os 680 neste 2024 (+0,26 puntos), mentres que o BNG arrebatoulle a segunda posición ao PSdeG: os nacionalistas creceron dende os 94 votos ata os 152 (+5,63 puntos); e os socialistas desplomáronse dende os 156 votos ata os 112 (-4,85 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (16 votos) e a quinta foi Vox.

O PSDEG CAE COMO SEGUNDA FORZA DE 15 A TRES DESTES CONCELLOS: VILARDEVÓS, PARADA DE SIL E NAVIA DE SUARNA

Seguindo coa desfeita dos socialistas, cabe lembrar que nos comicios de 2020 alzáranse como segunda forza en 15 destes 18 concellos envellecidos. Neste 2024, só lograron manter a segunda posición en 3, e perdendo moitos apoios en dous deles (nos 12 restantes adiantoulles o BNG e nos outros 3 os nacionalistas xa foran a segunda forza máis votada fai catro anos). En concreto, o PSdeG foi neste 18F a segunda forza máis votada en Vilardevós (como xa vimos), e tamén en Parada de Sil e Navia de Suarna. En Parada de Sil, concello ourensán de 546 veciños, a caída foi alarmantemente acusada. Se no 2020 lograran sacar 130 votos, este ano caeron ata os 79 (-17,09 puntos); mentres que o BNG pasou dos 34 votos de fai catro anos aos 64 deste 18F (+10,18 puntos); e o PP baixou dende os 120 ata os 115 votos (-1,55 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (26 votos) e a quinta Vox.

Sen embargo, no municipio lucense de Navia de Suarna, de 1.063 veciños, o PSdeG logrou manterse como segunda forza e subir en votos, un caso totalmente atípico dentro das tendencias. Así, o PP experimentou neste concello unha importante caída, de 6,55 puntos, que se foron directamente ás esquerdas. O PSdeG pasou de 151 votos no 2020 a 193 neste 18F (+3,37 puntos) e o BNG creceu dende os 75 votos de fai catro anos ata os 115 dos comicios deste domingo (+4,76 puntos). É dicir, os socialistas mantívose como segunda forza e creceu en votos, pero máis o fixeron os nacionalistas. Como se nota que estamos a falar dun concello da provincia de Lugo, onde os socialistas se aferran. A cuarta forza máis votada foi Vox.

O PSDEG TIVO MELLORES RESULTADOS QUE NOS COMICIOS DE 2020 EN NAVIA DE SUARNA E O IRIXO

A maiores de Navia de Suarna, onde os socialistas lograron mellorar este ano os resultados dos pasados comicios, tamén o fixeron noutro destes 18 concellos envellecidos: O Irixo, pobo ourensán de 1.420 habitantes; aínda que non lles bastou para conservar a segunda posición. En concreto, no Irixo o PP caeu en picado nestas eleccións, pasando dos 611 votos conseguidos no 2020 a 513 (-11,60 puntos), que se foron á esquerda. O BNG logrou subir dende os 80 votos de fai catro anos ata os 143 deste 18F (+7,81 puntos) e, o PSdeG, alo menos, pasou de 87 votos a 91 (+0,56 puntos). Ambos os partidos creceron a costa do PP, pero os socialistas fixérono moi pouco. A cuarta forza foi Vox (25 votos) e a quinta Democracia Ourensana (23 votos). 

O BNG SUBIU EN MÁIS DE 10 PUNTOS EN VOTOS EN PARADA DE SIL, GOMESENDE E MELÓN

E cales foron os concellos envellecidos onde o BNG experimentou maiores subas de votos? Un deles xa o comentamos, Parada de Sil, onde creceu en 10,18 puntos. Pero tamén noutros dous superou os 10 puntos de crecemento: Gomesende (714 veciños) e Melón (1.156 habitantes). No caso de Gomesende, o BNG pasou de 19 votos nos comicios de 2020 a 77 nos do pasado domingo (+15,53 puntos). Os nacionalistas roubáronlle votos tanto ao PP, que pasou de 295 votos fai catro anos a 249 agora (-8,04 puntos); como ao PSdeG, que caeu dos 63 votos que o tiñan como segunda forza no 2020 ata os 36 que o relegaron a terceira este 2024 (-6,24 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (9 votos) e a quinta Vox. E en Melón tamén o BNG se beneficiou da caída estrepitosa do PP e do PSdeG, logrando subir dos 81 votos de fai catro anos aos 173 (+12,74 puntos). O PP caeu 2,04 puntos e o PSdeG fíxoo en 10,77. A cuarta forza foi Vox (11 votos) e a quinta Democracia Ourensana (11 votos).

A PEROXA, LOBEIRA, O BOLO, CHANDREXA DE QUEIXA, AVIÓN, BEARIZ, PORQUEIRA, MUÍÑOS E LAROUCO

No caso do concello ourensán da Peroxa, de 1.810 habitantes, destaca a gran caída do PP, que pasou de colleitar 757 votos no 2020 a 672 neste 2024 (-9,65 puntos); o BNG subiu dende o 119 ata os 189 (+5,82 puntos); e o PSdeG caeu dos 177 ata os 150 (-2,88 puntos). Democracia Ourensana alzouse como cuarta forza cuns nada desdeñables 94 votos; e a quinta forza foi Vox. No concello ourensán de Lobeira, de 768 veciños, o BNG experimentou unha notoria subida, pasando dos 49 votos que colleitara no 2020 a 72 nestes comicios (+5,84 puntos); o PP caeu dos 295 ata os 263 votos (-4,70 puntos) e o PSdeG baixou en 5,55 puntos. A cuarta forza máis votada foi Democracia Ourensana (25 votos) e a quinta Vox.

Por outra banda, no concello ourensán do Bolo, de 850 veciños, o BNG tamén tivo un gran crecemento, pasando dos 42 votos recolleitos no 2020 aos 75 do pasado 18F (+6,51 puntos); o PP caeu de 307 a 309 votos (-5,01 puntos) e o PSdeG baiou de 50 a 49 votos (-1,1 puntos). A cuarta forza foi Vox (8 votos) e a quinta foi Democracia Ourensana (7 votos). No municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, de 472 veciños, o BNG tamén subiu, pasando dos 31 votos de fai catro anos aos 47 obtidos o pasado domingo (+5,96 puntos); o PSdeG caeu dos 45 aos 30 votos (-4,05 puntos) e o PP baixou dos 236 aos 212 votos (-3,09 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (9 votos) e a quinta Vox.

No concello ourensán de Avión, de 1.736 habitantes, o PP non perdeu tanto nin o BNG gañou demasiado (aínda que si o fixo). O PP caeu dende os 691 votos recabados no 2020 ata os 661 deste ano (-1,42 puntos); o BNG subiu dende os 29 ata os 50 (+2,78 puntos); e o PSdeG caeu dende os 44 ata os 27 votos (-1,51 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (9 votos) e a quinta Vox. E no concello ourensán de Beariz, de 970 veciños, o BNG logrou subir dende os 29 votos obtidos fai catro anos ata os 48 deste 2024 (+4,70 puntos); o PP baixou dende os 457 ata os 395 (-2,69 puntos) e o PSdeG caeu dos 26 aos 13 votos (-2,16 puntos). A cuarta forza foi Vox (6 votos), a quinta Sumar (5 votos) e hai que irse ata a sexta posición para atopar a Democracia Ourensana (3 votos).

Así mesmo, no concello ourensán de Porqueira, de 823 veciños, o BNG gañou votos e o PP caeu moi lixeiramente. O PP baixou só 0,40 puntos; o BNG subiu dende os 66 do ano 2020 ata os 100 deste 18F (+5,03 %); e o PSdeG baixou dende os 58 ata os 39 votos (-3,94 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (5 votos) e a quinta Vox. No concello ourensán de Muíños, de 1.466 habitantes, o BNG roubou os votos ao PSdeG, subindo dende os 78 de fai catro anos ata os 124 da actualidade (+4,48 puntos), mentres os socialistas caeron dende os 160 votos ata os 116 (-4,12 puntos); e o PP baixou dos 792 ata os 772 (-1,06 puntos). A cuarta forza foi Democracia Ourensana (20 votos) e a quinta foi Vox. Finalmente, no concello ourensán de Larouco, de 417 veciños, o BNG subiu moito, pasando dos 25 votos de 2020 ata os 51 deste 2024 (+9,72 puntos); o PSdeG caeu dende os 49 ata os 31 votos (-8,41 puntos); e o PP perdeu 0,59 puntos. A cuarta forza foi Vox (4 votos) e a quinta Democracia Ourensana (3 votos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta