A diabetes, a enfermidade silenciosa, que se prevé teñan máis de 643 millóns de persoas en 2030

A diabetes afecta a un 10,5% da poboación adulta a nivel mundial e convivir con ela convértese nun reto para moitos pacientes polo control constante que implica. Imos coñecer algunhas das principais características desta enfermidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/02/2024 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

Elena Moure, estudante de 4º de Xornalismo na USC realizou unha reportaxe exhaustiva sobre esta enfermidade con fins informativos e educativos que Galicia Confidencial decide reproducir.

Infografía realizada por Elena Moure
Infografía realizada por Elena Moure

A diabetes afecta a un 10,5% da poboación adulta a nivel mundial e convivir con ela convértese nun reto para moitos pacientes polo control constante que implica. Esta cuestión está abordada por Elena Moure, estudante de 4º de Xornalismo, que fixo unha reportaxe sobre esta enfermidade en detalle. Imos coñecer algunhas das principais conclusións que saíron do seu traballo. 

Segundo a Federación Internacional de Diabetes (FID) na actualidade máis de 537 millóns de persoas conviven coa enfermidade crónica da diabetes. A súa incidencia é cada vez maior, sobre todo tendo en conta os cambios no estilo de vida que se están a producir (sedentarismo, aumento da obesidade, etc.). A diabetes é unha das enfermidades máis comúns na actualidade e prevese que para o ano 2030 a padecerán 643 millóns de persoas. Definida pola Organización Mundial da Saúde coma “unha enfermidade crónica que se presenta cando o páncreas non secreta suficiente insulina ou cando o organismo non utiliza eficazmente a insulina que produce”. 

Esta patoloxía pode presentarse de tres xeitos diferentes e cada un destes ten unhas características similares, pero moi características: diabetes mellitus tipo 1, diabetes mellitus tipo 2 e diabetes mellitus xestacional. A diabetes mellitus tipo 1 é a menos común é aquela na que o páncreas non produce insulina ou moi pouca. A diferencia da tipo 2, esta pode darse en persoas de calquera idade e require dun tratamento de insulina e control glicémico diario, é autoinmunolóxica. 

A diabetes mellitus tipo 2 é a máis común a nivel mundial (un 90% das pacientes téñena) e pode previrse. É diagnosticada normalmente en adultos e trátase dunha resistencia á insulina, polo que é tratada mediante medicación oral na maioría dos casos. Finalmente, a diabetes mellitus xestacional é aquela que se desenvolve durante o embarazo e que pode afectar tanto á nai, coma ao bebé que espera. Pode producir complicacións relacionadas coa xestación, pero soe desaparecer despois do parto.

Infografía realizada por Elena Moure
Infografía realizada por Elena Moure

TRATAMENTO E COIDADOS DIARIOS 

O que teñen en común as tres tipoloxías da diabetes é que todas precisan un control dos índices de glicemia en sangue, se non de xeito diario, de xeito regular. Tamén é necesaria unha consulta recorrente con especialistas para o seu correcto tratamento. No caso da diabetes tipo 1 os pacientes precisan tratamento con insulina artificial, xa que o seu páncreas non é capaz de producila por si mesma. Para poder facer isto é preciso un control dos niveis de azucre en sangue antes de cada comida, o que permite calcular a insulina dependendo do que inxira a paciente.

En canto á diabetes tipo 2, o que se administra na maior parte dos casos son os denominados “antidiabéticos orais”, que teñen como función principal regular a glicosa en sangue e que son combinados con exercicio e dieta. A diabetes xestacional pode contar cun tratamento farmacolóxico e sempre será insulina, porque está contraindicado para as embarazadas tomar fármacos orais.

A propia persoa con diabetes é a que ten na maior parte do tempo o control total sobre a súa enfermidade. Segundo o Hospital Clinic de Barcelona, estímase que un 90% das decisións que se toman en canto o tratamento dependen da propia persoa. Isto fai que teñan que tomar moitas máis decisións que unha persoa que non a ten, Mario Rivas, enfermeiro, psicólogo e investigador experto en diabetes confirma que “teñen que tomar, teoricamente, 46500 decisións máis que unha persoa non diabética”.

Os piares para unha correcta xestión da enfermidade son, segundo o que investigou Elena, son: alimentación saudable, exercicio de xeito regular, controlar os niveis de azucre, tomar a medicación correspondente, saber actuar ante as hipo ou hiperglicemias, reducir os riscos de complicacións agudas e crónicas a longo prazo e adquirir hábitos saudables. 

Persoa medindo niveis de glicosa
Persoa medindo niveis de glicosa | Fonte: Fotografía da reportaxe de Elena Moure
Infografía realizada por Elena Moure
Infografía realizada por Elena Moure
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta