Desmontando 10 mitos falsos sobre como quedar embarazada

Noelia Amor, presidenta da Asociación Galega de Matronas, aborda esta cuestión.

Por Amanda Fernández | Compostela | 24/02/2024 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

A fertilidade é unha cuestión a orde do día para calquera parella e hai moitos mitos, sen base científica asociados ao proceso de quedar embarazada. O Instituto Bernabeu enumera dez mitos falsos que acaban calando na sociedade e desde o Galicia Confidencial, puxémonos en contacto con Noelia Amor, presidenta da Asociación Galega de Matronas. Con esta experta, analizaremos estes dez mitos. 

Noelia Amor, presidenta da Asociación Galega de Matronas
Noelia Amor, presidenta da Asociación Galega de Matronas | Fonte: Cedida

"Se te relaxas, quedas embarazada", primeiro falso mito que desmonta Noelia, que fai referencia a que todo mito "pode ter un compoñente que pode ser certo", neste caso recoñece que o estrés non vén ben para nada no corpo e que pode provocar alteracións no ciclo menstrual. "Se hai unha patoloxía de base, non vas quedar embarazada porque te relaxes, aínda que é algo que se di moito", comenta. Cando estás no proceso de querer estar embarazada e non podes, Noelia di que mensaxes de ánimo como "tranquila, reláxate, todo va ir ben" poden facer moito dano a nivel emocional. "Se a túa parella ten un déficit no semen ou ti tes unha trompa obstruída ao mellor non quedas embarazada por iso, hai moitas cousas, pero non con relaxarse, chega", sentenza. 

"Se xa tes un fillo, vas quedar embarazada sen problema". Resalta que tampouco é certo porque podes estar en momentos moi diferentes da túa vida, ter outra idade, desenvolver unha patoloxía,... "non ten nada que ver". Aínda así recoñece que, en xeral, si que pode ser que se xa tiveches un fillo, sexa más doado ter outro, "pero non é certo de todo". Existe a infertilidade secundaria que supón que a xente que tivo un fillo, logo non conseguira ter outro embarazo. Noelia fai fincapé en que as veces os falsos mitos poden ter certo compoñente de verdade, pero ao xeralizar, "non é certo ao 100%". 

"Os 40 son os novos 30". Ante esta afirmación, a experta expresa que pode ser que na "nosa vida pública social, si, que cos 40 de hoxe en día nos sentimos máis novas". Porén, destaca que a nivel reproductivo é moito máis difícil quedar embarazada, a partir dos 35 comezan certas dificultades, aos 38 xa son moi difíciles e a partir dos 40, é complicado. "A calidade dos ovocitos é menor, hai máis circunstancias, por exemplo se hai unha patoloxía de base como é a endiometrose pode ser que empeorara e iso fai máis difícil quedar embarazada", asevera e engade que se a intención é ter fillos, agardar aos 40 supón un risco para non poder e se cadra ter que recorrer a unha fecundación en vitro. "Non quere dicir isto que con 40 non haxa mulleres que quedan embarazadas á primeira, hai excepcións", afirma. 

O seguinte mito di: "Estás sá, tes a regra todos os meses, non terás problema". A experta sinala que podes ter a regra todos os meses, pero iso non quere dicir que estés ovulando, por exemplo. "Ti podes ter unha fase lútea corta e que isto che impida que, aínda que ao mellor si que ovules e quedes embarazada, ao mellor ese embrión non implanta. Ou que teñas un sangrado pola baixada de hormonas, como coa píldora anticonceptiva, pero realmente se non hai ovulación, non vas quedar embarazada aínda que vexas todos os meses a regra", afirma e engade que a regra dá moita información sobre a saúde. 

Unha muller embarazada
Unha muller embarazada | Fonte: Instituto Bernabeu

O quinto mito vai sobre a infertilidade asociada ás mulleres e Noelia di que é totalmente falso porque a infertilidade sábese que hai un 10 ou 20% aproximádamente, que é un compoñente que non saben que pasa, xa que aparentemente todo está ben e non se coñece a causa para determinar que non poidan ter un fillo. Hai un 40% que é causa das mulleres e un 40% causa dos homes. "O tema da reproducción asistida é moi patriarcal e habitualmente fixámonos máis nas mulleres, por desgracia, pero non é certo porque a infertilidade é cousa de ambos. Nas últimas décadas o semen dos homes está empeorando moitísimo, por exemplo", comenta. 

OUTROS CINCO FALSOS MITOS 

"Hai posturas sexuais coas que é máis doado lograr o embarazo". Nega esta afirmación e di que non hai evidencia científica ningunha. "Da igual a postura que utilices porque ao final se o semen chega ao útero vai chegar, polo impulso na saída e porque as condicións da vaxina estean ben para que se poida capacitar o semen que é un proceso que ten que pasar para chegar ao óvulo en condicións", explica. 

"Se tes cancro non poderás ser nai", neste mito fai especial fincapé en que depende moito do tipo de cancro, do tratamento, do que consideren os especialistas sanitarios, así como da idade cando o teñas. "Se todo está ben, e tras consultar ao equipo de oncoloxía, é posible que poida quedar embarazada", expón. Considera que este falso mito, exposto polo Instituto Bernabeu, "é moi ambiguo e depende moito de diferentes cuestións". 

O séptimo mito aborda a cuestión de donar óvulos ou tomar anticonceptivos como factor que dificulta lograr o embarazo. Noelia ten claro que non hai evidencia científica que avale isto. "Cando tomas a píldora, unha vez que deixas de tomala, volverás ser fértil como eras antes. Cal é o problema da píldora? Que moitas veces non se utiliza como método anticonceptivo senón como tratamento para certas patoloxías. Fai unha función de tirita porque unha vez deixas de tomar a píldora ese problema volverá estar na palestra porque nunca se fai", conta. Sobre donar óvulos tamén afirma que os estudos científicos aseguran que non hai problema para a fertilidade. "Eu aí xa teño máis dúbidas, pero non hai evidencia científica". 

Hai formas de favorecer que sexa neno ou nena? "Non, iso é un 50% de probabilidade e xa está aínda que hai moitas teorías. Está o calendario chino, o calendario azteca, pero non terían evidencia científica ningunha", expón. 

Finalmente, o último mito a desmontar "Fumar antes do embarazo non afecta" e Noelia responde con firmeza "si, vai afectar tanto á fertilidade en xeral, á calidade dos óvulos e na saúde". O máis recomendable, sostén, é non fumar. "Nos ovocitos para que haxa cambio ten que ser tras varios ciclos, sempre se recomenda mínimo tres meses para cambios en dietas ou no consumo de tabaco". Apunta un dato sobre os fumadores pasivos: "Nos nenos o risco de morte súbita aumenta moito cando viven nun ambiente de fumadores cos seus pais", asevera. 

Noelia Amor traballa no centro de saúde de Marin e a súa consulta acoden por motivos moi variados entre os que destaca a preocupación da xente nova polas ETS, os métodos anticonceptivos, a revisión do solo pélivoco, as molestias nas relación sexuais ou sobre os cribados de cancro de cérvix. "O que se debería de facer, antes de quedar embarazada, é unha planificación coa matrona,  para tomar certas vitaminas ou facer analíticas para ver como está todo", recomenda. 

Unha muller embarazada
Unha muller embarazada | Fonte: Instituto Bernabeu
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta