Sobre alcaldes, cargos públicos e salarios

Hai uns días, nunha desas tardes de verán de choiva gastadas diante do ordenador, atopei por casualidade o blog de Pepe Luis López Bulla. Case ninguén a estas alturas, e por estes pagos, saberá quen é esta persoa.

Por Emilio Martinez | Vigo | 07/09/2015

Comparte esta noticia
Moi resumidamente, López Bulla foi entre 1976 e 1995 secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO en Catalunya. Este andaluz do rural granadino afincado en Mataró sofreu a represión do franquismo pola súa actividade no mundo obreiro. En 1999 foi elexido deputado por Iniciativa per Calalunya Verds (ICV), deixando a política activa ao final daquela lexislatura. Pouco despois de ser elexido parlamentario, Manuel Vazquez Montalbán escribía na edición catalana de El País: “Cando ICV inscribeu a José Luis López Bulla na lista de candidatos … sen dúbida era a gran nova desa lista. López Bulla significaba non xa a radicalidade histórica e historificada, senón a nova radicalidade. Unha lista electoral é un código de sinais e nela o ex secretario xeral de CCOO de Catalunya emite a dunha esquerda convicta e confesa, que non ten medo da palabra esquerda porque non é unha esquerda de mercadoctenia”. Poño fin á cita pero recomendo a quen estea interesado que busque en internet o texto completo, xa que de Montalban apréndese moito, incluído o que Pepe Carbalho narraba nunhas novelas que ademáis que magníficas son un excelente retrato do seu tempo
 
López Bulla dedica unha entrada do seu blog “Metiendo bulla” ao salario fixado polos políticos que dende as candidaturas de unidade popular teñen acadado cargos en concellos e deputacións logo das pasadas eleccións municipais (Madrid, Barcelona, Cádiz, Santiago de Compostela ou A Coruña por poñer uns poucos exemplos). Cito do blog: “Con estes salarios de hoxe, sexamos serios, impídese que participen na política persoas de alta formación e profesionalidade. ¿Quen deixará unha cátedra ou un oficio altamente remunerado para gañar a metade na política?. ¿E canto tempo, caso de facelo, durarán no cargo aqueles que o teñen feito?”. 
 
Fago miñas as reflexións e as dúbidas de López Bulla. 
 
No caso galego, en Santiago de Compostela, en Coruña ou en Ferrol, creo que unha das razóns que propiciou os bos resultados das candidaturas alternativas foi a convición por parte da cidadanía de que era preciso poñer fin ao esperpento que do mal facer do Partido Popular nos concellos citados. Desmáns na forma dunha xestión municipal nefasta, en conformidade co guión de desmantelamento do Público, e outros tipos de desmáns sobre os que os xulgados deberán pronunciarse (en linguaxe da rúa: amiguismo, enchufismo, corruptelas grandes e pequenas…). As candidaturas de carácter unitario presentáronse como a opción do cambio, a opción que podería poñer fin, de forma tallante, á desvergonza que aniñara nos pazos municipais.
 
Unha forza política transformadora que chega ao poder ten que significarse cun programa transformador e con novas formas de facer política. A cercanía ás persoas, aos seus problemas é, desgraciadamente, unha nova forma, e digo desgraciadamente porque debería ser o habitual na clase política e nos cargos públicos. A falta desa cercanía debería ser o extraordinario, o inusual. A fixación de salarios para os cargos públicos aprobados polos concellos gobernados polas mareas ou candidaturas abertas, tal e como López Bulla recolle no seu blog só se pode entender como unha reacción aos desmáns do pasado recente, non tanto no que atinxe á fixación dos salarios dos equipos de goberno senón respecto a outra serie de cuestións que son simplemente comportamentos delictivos. 
 
Teño que dicir que si os salarios que se aprobaran en Coruña, Ferrol ou Santiago, por citar cidades galegas, fora de 80.00, 100.00 euros ou de 120.000 estaría lonxe de escandalizarme. Moi lonxe. Fixar como salario para o alcalde dunha cidade de mais de 250.000 habitantes 40.000 euros brutos, ou 50 ou 60.000 para a alcaldesa de Madrid, iso si que me escandaliza. 
 
¿Por que me escandaliza? Será a pregunta que se farán moitos e moitas. En primeiro lugar porque comparativamente é un salario baixo respecto ao salario de traballadores municipais cun nivel de responsabilidade bastante menor: ¿Canto cobra un xefe de servizo  en Coruña ou Santiago?. ¿Ten menor responsabilidade un alcalde que dito funcionario?. ¿Ten menor responsabilidade que o director dun instituto por moito que valoremos, e o facemos, a profesores e mestres?. 
 
En segundo lugar: supoño que os salarios fíxanse, ou candos menos así debería ser tanto no sector público como no privado, en conformidade cunha serie de parámetros: a responsabilidade, a dificultade, o compromiso, a dedicación, a produtividade, o grado de penosidade… A xornada dun alcalde, a xornada dun concelleiro, que son cargos públicos, non ten horario, non ten días libres, do mesmo xeito que non a ten a do directivo dunha empresa, pública ou privada. E iso debe pagarse. Seguramente o exercicio dun cargo público aos máximos niveis como o de alcalde, conselleiro, ministro, presidente… nunca poderá ter unha remuneración similar á do directivo dunha empresa mediana ou grande en postos de menor responsabilidade, pero 40.000 euros non é un salario xusto para quen durante o seu mandato será obxecto de exame permanente, para quen ao longo dos meses terá que enfrontarse a innumerables situacións moi pouco agradables, que terá que tomar decisións difíciles e que perderá unha boa parte da súa privacidade.
 
E teño que diferenciar estes cargos públicos, con responsabilidades executivas importantes, daqueles nomeamentos para postos sen ningün tipo de contido e cometido e sen ningún tipo de responsabilidade, para os cales calquera salario sobra.
 
Aos cargos públicos hai que esixirlle dedicación, hai que esixirlle honestidade, esixirlle compromiso co público, valor para tomar decisión, e tamén resultados... e remuneralos conforme ao que lle pedimos, ao que lle esiximos. Non facelo priva á xestión pública de valiosos profesionais, dos seus coñecementos e das súas capacidades. Un baixo salario non fai ás persoas mellores, renunciar a unha parte do mesmo para exercer un cargo público non fai a un alcalde mellor xestor, nin sempre hai que presupoñer que o faga por amor ao público, por convicións de cambio social ou por solidariedade cos menos favorecidos: persoas como De Guindos ou o ministro de Defensa Pedro Moreneses renunciaron a enormes salarios no sector financeiro e na industria da guerra, para ser ministros con Rajoy… por paixón pola xestión pública ou como investimento no seu futuro beneficio a costa do Público?. Reducir os salarios dos políticos non é unha política de esquerdas. Reducir o salario dos deputados autonómicos foi o que fixo Dolores de Cospedal en Castilla-La Mancha co obxectivo de silenciar para sempre á oposición e perpetuarse no poder. As políticas de pretendida austeridade agochan non poucas veces intentos de garantirse maiorías. ¿Que estaba senón detrás das propostas de Feijoo-Rueda de reducir o número de parlamentarios?.
 
As mareas deberían fuxir do populismo como argumento. Ler no programa da Marea Atlántica que era obsceno o salario do ex alcalde de A Coruña pola razón de que na cidade había, e hai, unha elevada taxa de paro e precaridade, é pouco máis ou menos como dicir que os salarios dos médicos do CHUAC son obscenos porque na cidade hai enfermos… 
 
As alcaldías da esperanza van ser xulgadas pola cidadanía polo ben que fagan as cousas nos próximos anos, pola capacidade para mellorar os servizos públicos e dinamizar a economía, pola limpeza das rúas, polo incremento da vida cultural, polas políticas de participación real… Os salarios destes alcaldes e doutros cargos serán simplemente anécdotas irrelevantes á hora de valorar a súa xestión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.