CC.OO. afea a Fabiola García que só visite residencias en campaña, mentres Galicia ten as segundas pensións máis baixas de España

A responsable de Emprego e Política Social de CC. OO. en Galicia, Maica Bouza, esixiu á conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, que sente nunha mesa de diálogo para analizar co sector a situación da dependencia e implementar medidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2024 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

A responsable de Emprego e Política Social de CC.OO. en Galicia, Maica Bouza, esixiu á conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, que sente nunha mesa de diálogo para analizar co sector a situación da dependencia e implementar medidas. Así, lamentou que "non se ve máis aló de fotos cando hai campaña electoral visitando residencias, as bonitas, porque as feas non as visita".

Comisiones Obreras (CC.OO.) presentou este luns en Santiago as conclusións do seu estudo sobre a calidade de vida das persoas maiores 'Observatorio social das persoas maiores', nunha rolda de prensa na que o responsable emprego e política social de CC.OO. en Galicia lamentou que "a conselleira de Política Social non queira sentar a analizar a situación do sector de atención á dependencia".

Así, no que respecta a dependencia, "pode parecer que a situación galega é moito mellor que a do conxunto do Estado" pola alta porcentaxe de resolución de solicitudes, pero "a realidade dista deste dato", declarou Maica Bouza. Así, ao redor de 70.000 persoas son titulares en Galicia dunha prestación de dependencia, pero "hai máis de 400.000 persoas maiores de 65 anos susceptibles de ser dependentes".

A pesar disto, CC.OO. afirmou que 17 de cada 100 persoas dependentes estarían a obter unha prestación, cando no conxunto do estado a porcentaxe é do 30 %, algo que reflicte a "necesidade de atender e revisar a situación do sistema de atención á dependencia en Galicia". En CC.OO. defenden a desinstitucionalización para que as persoas dependentes que o desexen poidan permanecer na súa casa atendidas por persoal dos servizos públicos que traballen en condicións dignas, unhas condicións que "preocupan enormemente a CC.OO.".

Bouza concluíu que "queda moito por mellorar na atención á dependencia en Galicia", e que o bo horizonte existente no ámbito estatal no que existe unha mesa de diálogo social, non se dá en Galicia, pois "non se ve á conselleira de Política Social máis aló de fotos cando hai campaña electoral visitando as residencias bonitas, porque as feas non as visita", e "non quere sentar a analizar o sector da atención á dependencia en Galicia".

Así as cousas, Comisiones Obreras demandou ao novo Goberno da Xunta que a persoa que leva as responsabilidades de Política Social "abra un ámbito de diálogo social cos axentes sociais de forma urxente", para analizar e pór medidas no sistema de atención á dependencia, "para que non volvan repetirse situacións como as ocorridas na pandemia".

DATOS DO ESTUDO

Segundo trasladou en rolda de prensa Maica Bouza, este estudo realizouse para "defender os intereses e necesidades das persoas maiores en diversos ámbitos, así como as súas condicións de vida e repasa a situación do Estado de benestar en España". No relativo ao sistema de pensións, Galicia presenta as segundas pensións máis baixas de España, só por detrás de Estremadura, "unha situación peor que a do conxunto do Estado".

Así, no ano 2022, a pensión media en Galicia era de 935 euros, e coa revalorización polo IPC pasan a 1.080 euros, o que quere dicir que hai un incremento de 77 euros/ao mes, "algo moi diferente ao incremento que terían as pensións se se aplicase o índice do 0,25 que sería de tres euros", polo que a reforma das pensións supuxo "un cambio substancial para as condicións de vida de máis de 700.000 galegos".

FENDA DE XÉNERO

En canto á fenda de xénero, "a reforma laboral mellorou as condicións de acceso ao mercado laboral das mulleres con condicións máis precarias" e levou á modificación dos modelos de contrato para favorecer o emprego de calidade, o que contribuirá a que as mulleres teñan mellores salarios e en consecuencia mellores pensións.

Outras medidas como a subida do SMI mellorou as condicións salariais das mulleres, que son as que adoitan estar nas categorías laborais máis baixas, o que mellorará tamén as súas pensións. Ademais, entre o ano 2024 e o 2027 incrementarase a contía das pensións mínimas para que non existan pensións por baixo do 60 % do salario medio. Bouza destacou a importancia do complemento para reducir a fenda de xénero, que en Galicia percibiron en 2022 unhas 40.000 mulleres que verán melloradas as súas contías e á súa vez as súas futuras pensións.

Presentación das conclusións do estudo sobre a calidade de vida das persoas maiores 'Observatorio social das persoas maiores'
Presentación das conclusións do estudo sobre a calidade de vida das persoas maiores 'Observatorio social das persoas maiores' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta