Lupe Martínez, historiadora da guerrilla: "Fixen o libro que eu querría atopar na libraría"

A autora do traballo Guerrileir@s antifranquistas da provincia da Coruña, que achega un catálogo de combatentes antifranquistas que actuaron na provincia.

Por Amanda Fernández | Compostela | 01/03/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Viaxamos no tempo para situarnos no fenómeno das guerrillas na provincia da Coruña tras o final da Guerra Civil. Na investigación deste marco histórico está centrado o libro Guerrileir@s antifranquistas da provincia da Coruña da Lupe Martínez. A autora parte da Historia dos homes e mulleres que fixeron que aquela idea de que en Galicia a sublevación dos militares franquistas foi un paseo sen resistencia, virase nunha falsidade perfectamente constatada. Recóllense biografías individualizadas e un amplo contexto. 

Fotografía inédita do guerrilleiro Teodoro Franco, asasinado pola Garda Civil o 8 de agosto de 1948
Fotografía inédita do guerrilleiro Teodoro Franco, asasinado pola Garda Civil o 8 de agosto de 1948 | Fonte: Cedida

"Creo que o máis atractivo do libro é o traballo arquivístico, a obra de referencia da guerrilla antifranquista é do ano 1980, este libro non pretende sustituilo nin moito menos, pero quero dicir que hai poucos traballos e moita información por expurgar e exhumar", conta a autora que destaca o Arquivo Militar de Ferrol, pero tamén en Guadalaxara, Ávila,... Recoñece que iso achegou moita información dos guerrilleiros antes de botarse ao monte, aínda que o groso do libro é a súa etapa no monte. "É un traballo máis que outros complementarán e mellorarán seguro". 

Da súa pescuda, expón que atopou algún dato moi concreto na investigación de cousas que se tiñan moi claras e e evidentes. "Houbo unha caída en Teilán onde morreron tres guerrilleiros aparentemente, sempre se contou a historia como que faleceron o coronel Benito, Elías López Armesto e Bernardo Álvarez Trabajo, e achei fai pouco nunha causa, un certificado de liberación definitiva dun tal Elías López Armesto que ten a mesma sinatura desde Elías que supostamente morrera no ano 49", contaAnte isto, Lupe experimentou unha sensación de dúbida ao ver que historias que parecen claras, xa non o son tanto. "Por un lado, é unha emoción atopar ese tipo de datos e poder achegar luz ou novas versións ou visións, pero por outro, entran moitas dúbidas porque se cadra o que estás trasladando non é realmente o que pasou", comenta. 

O LIBRO NUNHA PALABRA: "SISTEMÁTICO"

Que levou a Lupe a realizar este libro? Transmite paixón ao responder esta pregunta e declárase unha gran fan e seguidora do tema por desde nena ter conciencia da vida do monte, da vida da guerrilla ."Fixen o libro que eu querría atopar na libraría e como ninguén o fixo ata o de agora, fíxeno eu. Encántame o tema e pescudar. O traballo de revisar causas e sumarios é moi laborioso, precisas moita concentración e tempo. Para min non é un traballo, é un xeito de vida", afirma sobre unha obra na que leva traballando desde o fin do confinamento na pandemia. Cabe destacar que a idea inicial foi cambiando e que ao final se lanzou a abordar todos os guerrilleiros. 

Imaxe da portada do libro de Lupe Martínez
Imaxe da portada do libro de Lupe Martínez

Sobre os posibles lectores fai referencia a que "hai moita xente que viviu esa época e está interesada, que aínda lembra por ser nenos ou escoitar na casa, xente que o mamou na súa familia, por exemplo". Neste sentido, fai fincapé en que na zona de Ordes houbo moita actividade guerrilleira, bastante presente coa figura de guerrilleiros como Ponte ou Foucellas. Tamén incide no perfil de xente á que lle gusta a memoria histórica ou a pescuda sobre representación franquista. "Eu sempre digo que non nos podemos esquecer que os guerrilleiros son unha póla máis da árbore represiva, ninguén dubida que Alexandre Bóveda foi un represaliado, con Foucellas ou con Ponte, algún di: pero a onde vas? Foi un represaliado, o que pasa é que venderon cara a súa vida", recoñece a historiadora. 

O libro está a venda nas librarías e plataformas galegas. Nunha frase, Lupe definiriao como "sistemático" porque está moi organizado e ordenado, vén sendo libro que clarifica moito, a modo de enciclopedia no que "se queres mirar algo dun guerrilleiro en concreto, vas a súa entrada e tes toda a información sobre o mesmo". 

A autora do libro, Lupe Martínez
A autora do libro, Lupe Martínez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta