Profesionais da dobraxe de Galicia piden "respecto" e mobilizaranse a partir do 17 de marzo

Esixen que se cumpra o convenio colectivo e critican a diferencias que existen na dobraxe en galego e en castelán.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/02/2024 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

Os profesionais do colectivo da dobraxe en Galicia denuncian a "situación insostible e ilegal" que padecen desde hai anos polo incumprimento do convenio colectivo e as condicións laborais no sector. Por iso, anunciaron mobilizacións a partir do 17 de marzo e esixen respecto á súa dignidade profesional e o cumprimento do asinado".

Rolda de prensa dos profesionais da dobraxe de Galicia
Rolda de prensa dos profesionais da dobraxe de Galicia

Así o avanzaron este xoves nunha rolda de prensa, en Santiago, onde declararon que "non darán un paso atrás" ata que se cumpran as súas reivindicacións. Segundo apunta CC.OO., entre outras anomalías , aseguran que a dobraxe en lingua galega se está pagando integramente, mais cun salario que leva sen actualizar desde o 2006, mentres que en lingua castelá se paga moi por baixo do estipulado no convenio.

Culpan da situación a patronal do sector, que leva incumprindo durante dúas décadas as xa obsoletas condicións salariais do convenio colectivo. Tamén poñen o foco sobre as ameazas das empresas de non contaren con aqueles intérpretes que non acepten traballar por baixo do recollido no convenio colectivo. Ademais do cumprimento do acordado, esixen a revisión das tarifas do 2006 para axeitalas á situación actual e que non se discrimine os actores e actrices de dobraxe segundo se o seu traballo for nunha ou noutra das linguas cooficiais de Galicia.


A presidenta da asociación de Artistas da Dobraxe Asociados (ADA), Desi de Pillado, indicou que contan co respaldo dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, así como da xente do seu sector e dos compañeiros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. O convenio de dobraxe, explicou a presidenta de ADA, ten un ámbito autonómico e acolle os dous idiomas oficiais de Galicia. No caso do galego, engadiu, cóbrano integramente --co salario de 2006--, pero a patronal "decidiu facer máis competitivo" o traballo en castelán, polo que "deixaron de retribuír" o que "está establecido legalmente".

"Para iso, determinaron non respectar o convenio e pagar, no mellor dos casos, un 25% menos do que deben", criticou, á vez que lamentou que é un "25% menos" do que establece un convenio "que non revisan" desde 2006 e que "incumpren" desde que se creou. Tras "varios intentos" de negociación, "non chegaron" a ningún acordo, polo que "ven obrigados" a "denunciar publicamente" a súa situación.

REIVINDICACIÓNS

Desta forma, entre as súas reivindicacións reclamaron cobrar o convenio colectivo de Galicia, xa que, a dobraxe ao castelán, "debe pagarse" como "dita a lei". Tamén, esixiron "transparencia" nos datos, que as empresas "deixen de amañar" as contas para que "pareza" que lle pagan por convenio cando "non é así". Piden unha actualización do convenio de 2006 que afecte ás dúas linguas e permítalles " vivir dignamente" e esixiron "respecto" para a profesión.

MOBILIZACIÓNS A PARTIR DO 17

Pola súa banda, o tres sindicatos fixeron un chamamento á patronal para que "cumpra co pactado" e "poder negociar" un novo convenio que "dignifique" aos traballadores. Ademais, fixeron un chamamento á sociedade e ás administracións públicas para que "os apoien" e reivindicar un "traballo digno". Neste contexto, avanzaron que realizarán varias mobilizacións a partir do día 17, onde estarán acompañados por compañeiros da rama técnica e produción, e proximamente anunciarán en que consistirán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta