Maruxa, especializada na construción en altura: "Tiven que escoitar 'muller tiñas que ser, non queres igualdade? Pois súbeo ti'"

O Galicia Confidencial comeza hoxe unha nova serie de entrevistas con motivo do Día da Muller o próximo venres 8 de marzo. "Custoume entrar no sector; sempre me dicían 'eres muller e non quero problemas'", lembra Maruxa que ao longo da súa traxectoria profesional tivo que escoitar moitos comentarios machistas. "Eu creo que chega un momento, ás veces, no que normalizamos comentarios que non temos que normalizar", di.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Con esta serie de entrevistas, o GC quere coñecer de primeira man a mulleres que traballan en profesións que estiveron e seguen a estar, en moitos casos, asociados os homes. Son mulleres valentes e botadas para adiante que non tiveron medo a rachar cos roles de xénero e cos estereotipos para loitar por aquelo que querían e que lles facía felices. Cada día ás 22.00 lanzaremos unha nova entrevista, para darvos a coñecer a mulleres do mundo da construción, da pesca, da minaría, do boxeo, do transporte e mesmo a unha bombeira. Non te perdas ningún capítulo, pois entre todas están a mudar a visión dos seus oficios!

Maruxa co arnés nun traballo en altura
Maruxa co arnés nun traballo en altura | Fonte: Cedida

Maruxa é unha muller que traballa na construción, unha profesión que tradicionalmente estivo asociada aos homes. Alegábase que o oficio requiría de forza física, de aguante e dunha rudeza que as mulleres non tiñan. Así, non foi ata fai ben pouquiño, a comezos da década dos 2000, cando mulleres como Maruxa deron o paso e introducíronse nun 'traballo de homes', que adoitaba dicirse. Ademais, no caso desta profesional, a súa fazaña é dobre: por unha banda entrar pola porta grande nun oficio dominado por homes e, por outra, estar especializada en traballos en altura e traballos verticais, é dicir, é esa persoa que se pendura dunha corda cando hai que realizar un cambio de tellado, de cubertas ou fixacións de pedras, reparacións de fendas ou pintura en fachadas entre outras... "É habitual verme colgada dunha corda", moitos compañeiros e compañeiras xa fan deste un chisto, polo de estar 'colgada', aínda que "para min este é o día a día", sorrí mentres chancea con nós Maruxa.

Gústalle moito o deporte e, en concreto, é espeleóloga. "O meu ámbito é a espeleoloxía e a competición", explica a Galicia Confidencial. "Encántame o mundo da construción e da espeleoloxía, as técnicas que se usan para facer traballos verticais son semellantes ás do ámbito deportivo, un día ofrecéronme un traballo disto e, dende entón, fago as dúas cousas que máis me gustan: as técnicas verticais e o traballo en construción". Ademais, está encantada de "traballar fóra, ao aire libre", xa que "a maior parte do tempo estamos fóra pendurados de cordas en fachadas, tellados e cubertas ou onde toque". 

"AÍNDA QUE PRESENTEI MOITOS CURRÍCULOS, CUSTOUME ENTRAR NA PROFESIÓN"

Leva poucos anos adicándose a construción, non porque non quixese, senón porque "cando me iniciei no mundo da construción foi aló polo 2009, e naquel tempo a construción estaba nun mal momento", ao que se sumou que, "aínda que presentei currículos, era muller e sempre me dicían o mesmo: 'eu non quero ter problemas', 'eres muller'; e eu dicía: 'si, claro, son muller'". Maruxa, con todo, aínda que "non o xustifico", sabe que "eran outros tempos". Deste xeito, confesa que "custoume entrar no mundo da construción", pero, unha vez o logrou, xa nunca o deixou. E asegura que hoxe por hoxe traballa rodeada de homes, pois "todos os meus compañeiros son homes".

Maruxa co arnés nun traballo en altura
Maruxa co arnés nun traballo en altura | Fonte: Cedida

Isto tamén fixo que ao longo da súa traxectoria profesional tivese que escoitar moitos comentarios machistas. "Eu creo que chega un momento no que normalizamos comentarios que non temos que normalizar, porque hai comportamentos ou frases que nos están prexulgando polo feito de ser homes ou mulleres, pero as normalizamos por non estar en pé de guerra todo o día, xa que resulta cansino", conta Maruxa, que nos pon o exemplo de frases como 'vai vir o teu xefe?', 'quen vai facer o traballo?', 'es a secretaria da empresa?, 'non podes subir iso ti soa', 'déixame o min', estereotipando o feito de ser muller ca capacidade ou habilidade para realizar o mesmo traballo. "Ao mellor eles tampouco poderían facelo, pero dincho así". Tamén apunta que "che din moito 'non queredes igualdade? Pois súbeo ti soa', é unha frase moi normalizada". Moitas veces mesmo se di con sorna, como se fose algo gracioso e outras coma se fose un castigo.

"O ESFORZO FÍSICO PÓDESE SUPLIR CON MAQUINARIA E TRABALLO EN EQUIPO"

Para Maruxa, se ben é certo que "a construción é un traballo que require de esforzo físico, ese esforzo hoxe en día pódese suplir con maquinaria e traballo en equipo", pois, "como eu digo moitas veces, non traballamos sós, e cada vez estamos acompañados de máis maquinaria que nos facilita a vida". Con todo, esta traballadora da construción opta por "non tomarme as cousas á tremenda", aínda que "cando teño que dicir algo o digo e xa che soltan a típica de 'muller tiñas que ser'". E é que Maruxa é a única muller dun equipo de traballo que, dependendo da obra que haxa que realizar, pode estar formado por uns cinco ou seis homes.

Antes de chegar ao sector da construción, e tendo en conta que tardaron moito en abrirse esas portas por ser muller dentro do mesmo, Maruxa tamén traballou no mundo da estética case 20 anos, e considera que "igual que se tipifica o mundo da construción co home, o mundo da estética tamén se tipifica coa muller". Deste xeito, apunta a que "hai desigualdade nos dous sentidos". E cre que a educación, os roles de xénero estereotipados, a desigualdade de xénero, de raza ou idade e todo o que non nos custionamos inflúen nas nosas eleccións, entre elas a de escoller a profesión. "Somos nós mesmas e nós mesmos os que pensamos que traballos son para homes ou mulleres", cando, "ao meu xuízo, o traballo non ten xénero".

"HAI MOITAS RAPAZAS QUE NON SABEN QUE HAI MULLERES NA CONSTRUCIÓN"

"A día de hoxe, hai moitísimas rapazas que non teñen nin idea de que poden traballar no ámbito da construción", por que?, "porque somos algo raro", cando "non debería ser así, tería que ser algo normalizado". Para Maruxa, "como non hai unha normalización social das mulleres neste traballo, elas tampouco queren entrar no sector porque non nos vén, cren que non é para elas, e elas mesmas pensan que non poden entrar a traballar nestes postos, porque non son para elas". Maruxa, que tamén colabora co programa 'Ti elixes' da Consellería de Emprego e Igualdade, conta que "cando vou a algunha clase e lles pregunto se coñecen a algunha muller do ámbito da construción sempre me din que non, elas e eles din que son a primeira muller que coñecen no sector, por algo se empeza, a pesares de que, aínda que non somos moitísimas, cada vez somos máis, aínda que como non somos visibles e coma se non existísemos". A visibilidade é importante para que as mulleres queiran achegarse ao sector da construción.

Maruxa tamén dá formación na Fundación Laboral da Construción e asegura que, "no ámbito da formación as cousas son diferentes", pois nel "vense igual de válidos homes e mulleres, aos docentes se lles respecta sen importar tanto o seu sexo, ou esa é a miña impresión". Ademais, cre que "aínda que inicialmente poida saír algún sesgo, este pensamento acaba mudando". Tamén asegura que "nos traballos verticais non atopa ese problema, porque o consideran un traballo de risco, te respectan máis". Sen embargo, "cando traballas en interior, ás veces a xente non se dirixe a ti, diríxense aos teus compañeiros, ou pensan que es a muller do xefe, e por iso estás aí".

"AS MULLERES PODEMOS ENTRAR NESTE SECTOR E NO QUE QUEIRAMOS"

Así mesmo, e a pesares de que sempre se fala de teito de cristal, Maruxa considera que nesta hai moitas mulleres arquitectas e enxeñeiras, así como no sector da prevención, pero bótanse en falta máis en postos de directivos, xefas de obra ou encargadas. Dende o seu punto de vista, "sexamos homes ou mulleres, a oportunidade debemos tela todos". Por iso apunta á sorte que teñen agora os traballadores que se achegan a empresas que elixen aos seus profesionais mediante currículos cegos, nos que non se sabe o sexo da persoa: "Se naquel 2009, cando eu presentei tantos currículos, existise isto, cantas oportunidades podería ter tido, pois ser home ou muller creo que non é prioritario para saber facer un traballo, só que sexas un bo profesional".

Por iso, o seu consello para as nenas que a día de hoxe están interesadas polo mundo da construción é que "estean convencidas de que as mulleres podemos entrar neste mundo e en calquera outro que queiramos, que non teñan en conta os condicionantes sociais, o importante é telo claro, e ás veces as cousas tardan en chegar, pero chegan, só temos que querer". Así que, Maruxa anímaas a que "se acheguen a coñecer o sector da construción dende calquera ámbito, tanto dende cursos de formación profesional, os certificados de profesionalidade ou calquera outro tipo de formación que as leve a traballar no que elas queiran no futuro, pois sempre vai ser un acerto". Ademais, asegura que no sector da construción sempre serán benvidas, pois "fai falta moitísima man de obra".

Maruxa co arnés nun traballo en altura
Maruxa co arnés nun traballo en altura | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta