Buscan nun cemiterio de Narón os restos de 51 vítimas do franquismo

Serían membros do acoirazad 'España', do que se prevé atopar os restos de ata 32 homes, do buque de transporte de guerra 'Contramaestre Casado' e a embarcación 'Dómine', do que esperan achar dez tripulantes.

Por Europa Press / Redacción | Narón | 06/03/2024 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

Un equipo de arqueólogos e investigadores da USC, o Imelga e a Asociación Memoria Histórica Democrática traballan no cemiterio do Val, en Narón, para tratar de localizar os restos de 51 vítimas da represión franquista.

Os investigadores estiman que alí poderían estar enterrados os restos dos integrantes das tripulacións de tres embarcacións do bando republicano asasinados entre 1936 e 1939.

Trátase do acoirazado 'España', do que se prevé atopar os restos de ata 32 homes, do buque de transporte de guerra 'Contramaestre Casado' e a embarcación de vapor 'Dómine', do que se esperan achar os restos doutro dez tripulantes. Nun primeiro momento, os traballos de escavación centráronse na zona dos nichos habilitados no cemiterio no ano 1964, onde foron achados restos óseos que non se corresponden coas vítimas.

Con todo, as últimas indagacións están a redirixir a procura á zona máis próxima da tapia do cemiterio, onde se acharon restos con signos de violencia e munición dun fusil 'Mauser' da Guerra Civil.

VISITA DA SUBDELEGADA DO GOBERNO

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse na mañá deste mércores ata o camposanto para comprobar o avance dos traballos. Alí, destacou o esforzo do Executivo por "restituír a merecida memoria das persoas represaliadas e por permitir ás familias dar sepultura aos seus seres queridos como se merecen".

Os traballos comezaron o pasado luns, 4 de marzo, coa participación de membros da Universidade de Santiago (USC) e do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) coa colaboración da Asociación Memoria Histórica Democrática.

María Rivas asegurou que este tipo de labores constitúen "un acto de reparación da xustiza e dignidade de todas as vítimas do franquismo, así como das súas familias" e son "un símbolo da liberdade e valores democráticos" que o Goberno plasma en textos como a 'Lei da Memoria Democrática'. Así, lembrou que desde o ano 2020 ata a actualidade, a Secretaría de Estado de Memoria Democrática financiou actividades por máis de 435.000 euros en Galicia.

Casa do Concello de Narón
Casa do Concello de Narón | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta