Denegan ao Concello de Sanxenxo o pago fraccionado de 9,6 millóns pola expropiación dunha leira

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestima o recurso presentado polo concello sobre o abono da compensación económica polas expropiacións desta leira situada nas proximidades do paseo de Silgar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2024 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volveu a denegar ao Concello de Sanxenxo o pago fraccionado da indemnización recoñecida en sentenza xudicial firme á familia Rocafort pola expropiación dos terreos das Cunchas.

Nun auto facilitado este mércores polo goberno que encabeza o popular Telmo Martín, o Alto Tribunal galego desestima o recurso presentado polo concello sobre o abono da compensación económica polas expropiacións desta leira situada nas proximidades do paseo de Silgar.

Nun comunicado, o goberno local avanzou a súa intención de manter aberta a vía xudicial e recorrer ante o Tribunal Supremo para "evitar recorrer a un préstamo" para poder afrontar un pago que piden fraccionar en oito anualidades.

"Nunca entendemos que Sanxenxo teña que pagar por unha zona verde que, debido á alta edificabilidade lograda pola familia Rocafort, debería ser de cesión obrigada", afirmou Telmo Martín sobre unha cuestión na que o concello chegou ata o Supremo, que ratificou a sentenza en primeira instancia.

Segundo defende o goberno local de Sanxenxo, o pago fraccionado "é a acción menos lesiva para as arcas municipais" e defende que "exista precedentes, nesta mesma expropiación" que resolveron de forma "satisfactoria" aos intereses do municipio.

Despois de subliñar que o concello ten "débeda cero" o que permitiría "asumir o pago do total da expropiación" a través dun crédito, engade que "nos próximos días" abonará máis de 1,2 millóns de euros "como demostración demostración da intención en todo momento de pago e de acatamento da sentenza".

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta - Arquivo

NOVO XULGADO PARA OURENSE

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde, visitou este mércores Ourense para coñecer as demandas dos xuíces da Audiencia Provincial e dos órganos unipersoais da localidade, aos que informou de que a Sala de Goberno do TSXG trasladou ao CGPJ a necesidade de crear de forma prioritaria un novo xulgado de Primeira Instancia en Ourense, especializado en Familia.

O alto tribunal galego expuxo a posibilidade de que sexa exclusivo, é dicir, que asuma só asuntos de Familia, pero non excluínte --polo que tamén se encargaría doutros casos da xurisdición civil--.

Esta petición realizouse tendo en conta o elevado número de asuntos que na actualidade soporta o xulgado de Familia que xa existe en Ourense, pois a entrada de asuntos supera o indicador establecido polo CGPJ para determinar a carga de traballo dos órganos xurisdicionais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta