Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2024 | Actualizada ás 13:32
A alcaldesa da Coruña e secretaria xeral da Agrupación Socialista coruñesa, Inés Rey, reiterou o seu apoio a José Ramón Gómez Besteiro para liderar o PSdeG ao ser preguntada polo proceso que se abre no partido. E é que este luns comeza o prazo de presentación de precandidaturas para as primarias dos socialistas galegos, que serán o 7 de abril.
"É un proceso normal e natural onde os militantes decidirán quen é o mellor candidato para dirixir o PSdeG", sinalou a alcaldesa a preguntas dos medios de comunicación tras asistir á presentación do Encontro Mundial do Humorismo, que se celebrará na cidade.
De novo, e ante as primarias, expresou o seu apoio a Besteiro, candidato á presidencia da Xunta nas pasadas eleccións autonómicas. "Creo que é a persoa indicada", expuxo ao aludir á súa decisión de ser deputado no Parlamento galego tras o seu paso polo Congreso.
Con todo, incidiu en que se inicia agora un traballo "entre todos, militantes e cidadáns" para que o PSsdeG sexa unha "alternativa real" fronte ao PP e tamén de "cambio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.