Novidades no transporte público de Santiago: bus nocturno, liña lanzadeira ao aeroporto e máis conexións co rural

O goberno local inicia os trámites para a licitación do servizo coa aprobación do estudo de custos do novo contrato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2024 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O novo contrato de transporte público no que traballa o Concello de Santiago incluirá como novidades un servizo de bus nocturno na cidade de mércores a sábado, unha liña lanzadeira que unirá a estación intermodal co aeroporto, o reforzo das conexións coas zonas empresariais e máis servizos no rural.

A xunta de goberno deu este martes o primeiro paso de cara á próxima licitación do servizo coa aprobación do estudo de custos do contrato, tal e como informaron en rolda de prensa a alcaldesa, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro; e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera.

O informe será agora publicado na Plataforma de Contratación e despois dun prazo de exposición de vinte días será remitido á Oficina Nacional de Avaliación. Deste xeito, o goberno local indicou que empeza o procedemento para que Santiago teña unha nova rede de autobuses na que se introducirán as citadas novidades para mellorar o servizo.

Na rolda de prensa, a rexedora lembrou que o goberno tivo que suspender o procedemento de licitación iniciado o pasado mandato tras as recomendacións dos informes técnicos, unha circunstancia que o Concello quere aproveitar para introducir melloras atendendo ás demandas dos veciños.

Sanmartín mostrouse convencida de que deste proceso sáese cuns pregos que reforzan o servizo e que reflectirán a aposta do goberno local por unha mobilidade sustentable na que o transporte público xogue un papel fundamental. "Falamos dunha concesión por 13 anos, e a nosa prioridade foi garantir que Compostela teña o mellor servizo non só no inmediato senón tamén dentro dunha década", apuntou.

ESTUDO DE CUSTOS E TARIFAS

O estudo de custos aprobado este martes contempla unha licitación do servizo de transporte por un período de 13 anos, o mesmo prazo que estaba previsto na licitación iniciada no pasado mandato. O custo estimado do contrato sitúase en 286 millóns de euros, fronte aos 225 millóns da anterior licitación; e o importe base para a licitación fíxase en 137 millóns de euros, fronte aos 56 millóns contemplados no anterior procedemento.

O concelleiro de Mobilidade explicou que este incremento responde "tanto á actualización do anterior estudo de custos que os informes técnicos consideraron obsoleto e que foi obxecto de recursos ante o TacGal, como ás melloras introducidas nos pregos por este Goberno". "Esta actualización do custo non vai supor incrementos notables nas tarifas a abonar polas persoas usuarias, porque o goberno vai aumentar a achega municipal ao contrato, que pasará dos 5 millóns de euros anuais previstos no pasado mandato a algo máis de 8 millóns" no mesmo período.

PREZOS POR BILLETE

O concelleiro, que sostivo que esta decisión é o resultado dunha clara aposta do transporte público como servizo municipal fundamental, destacou que, aínda que o estudo de custos fixa a tarifa de equilibrio do contrato en 1,75 euros, conseguiron que o prezo real do billete ordinario que paguen as persoas usuarias quede fixado en 1,25 euros, e que mesmo se poidan rebaixar os prezos dalgunhas das modalidades de abonos.

Deste xeito, o prezo da viaxe co bono ordinario pasará dos 60 céntimos actuais a 0,56 euros; e no bono mensual pasará de 0,56 a 0,51 céntimos. O estudo tamén prevé unha tarifa específica para a liña de bus ao aeroporto, neste caso non bonificada, que será de 6 euros para o billete de ida e de 10 euros para o de ida e volta. En canto aos pensionistas, mantense a previsión da licitación aprobada no pasado mandato, de maneira que haberá 100 viaxes gratuítas ao ano, e a partir de aí o prezo do billete será de 0,50 euros.

RENOVACIÓN DA FROTA E NOVAS LIÑAS

O concelleiro de Mobilidade explicou que o estudo de custos prevé a renovación da frota cun total de 67 autobuses, dos que 18 serán eléctricos e os demais de cero emisións. "Temos 18 autobuses máis que na actualidade, e tamén prevemos nove vehículos máis que nos anteriores pregos, un incremento que está motivado no reforzo das liñas e dos horarios", indicou.

O goberno local simplificou o mapa de liñas actual para evitar solapamentos de autobuses con percorridos coincidentes, de forma que as 24 rutas actuais pasarán a 15, pero "mellorando a cobertura territorial actual". Ademais, contémplanse catro liñas que non existían na anterior licitación: a denominada liña Transantiago e as tres liñas alimentadoras do rural. A primeira irá desde o límite de Santiago con Milladoiro ata o límite de santiago con Sigüeiro e terá unha frecuencia de 30 minutos.

En canto ás liñas alimentadoras do rural, optouse por establecer circuítos unicamente nos núcleos do rural, establecendo puntos de conexión coas liñas da rede principal "de forma que se necesitan menos autobuses e menos persoal para atender estas liñas que se foron liñas completas desde as parroquias ata o centro urbano".

A primeira das liñas alimentadoras cubrirá os lugares de Barciela, Busto, Nemenzo, Bardía, Marzo de Abaixo, Son, A Graza e Bálsoma; a segunda irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces; e a terceira daralle servizo ás parroquias de Marrozos e O Eixo. Prevese que cada liña teña 11 frecuencias diarias, e os seus usuarios terán dereito a dous transbordos gratuítos para poder completar as súas viaxes desde as parroquias ata o centro urbano.

OUTRAS NOVIDADES

Ademais, mantense a liña lanzadeira ao aeroporto que estaba prevista na anterior licitación, que conectará a terminal Rosalía de Casto coa intermodal pasando polo Palacio de Congresos, e que terá unha frecuencia de 30 minutos, desde as 7 da mañá ata as 00.30 horas. Tamén se reforza o servizo aos polígonos industriais, con diferentes liñas que atenden as áreas empresariais desde as 7.00 horas ata as 23.00 horas.

Outras das novidades será a introdución do bus nocturno. En concreto, haberá dúas liñas circulares, que cobren o traxecto Fontiñas, Hospitais, Campus Sur, Vite e Campus Norte e que de mércores a sábado farán servizos de 23.00 horas a 5.00 horas, con parada na Praza de Galicia. A frecuencia será de 60 minutos pero, ao tratarse de dúas liñas, haberá buses cada 30 minutos e a tarifa será a mesma que a do billete ordinario.

O concelleiro explicou que, tras a publicación do estudo de custos na Plataforma de Contratación do Estado, ábrese un prazo de 20 días para a presentación de alegacións e, a partir de aí, a documentación poderá ser remitida á Oficina Nacional de Avaliación. O organismo ten de prazo un mes para informar, aínda que este período pode alongarse se decide solicitar información complementaria.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e o xerente de Tussa, José Ramón Mosquera | Fonte: CONCELLO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta