Xa hai datas para a IX edición do FIC Vía XIV de Verín

Desenvolverase do 29 de agosto ao 8 de setembro e presentará moitas novidades, segundo afirma o seu director, Carlos Montero.

Por Galicia Confidencial | Verín | 27/03/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Fic Vía XIV de Verín desta edición 2024 presentará novidades importantes. Como primeiro fito máis representativo da axenda de actividades que os membros da Asociación Cultural Vía XIV, que promove o certame, van desenvolver proximamente destaca a colaboración que se vai manter co recén creado Festival Entre Curtas de Chaves. Un foro que terá lugar no mes de maio da man da entidade Teatro Experimental Flaviense. Neste sentido, o FIC Vía XIV de Verín vai apadriñar a edición deste novo festival, que comeza a andar na vila lusa, e para iso vanse poñer en marcha iniciativas de colaboración e establecemento de sinerxías entre os dous espazos culturais. Así se acordou nunha xuntanza recente mantida polos integrantes da Asociación Cultural Vía XIV con membros do Teatro Experimental Flaviense.

Reunión da organización. Foto: Comunicación Vía XIV FIC de Verín.
Reunión da organización. Foto: Comunicación Vía XIV FIC de Verín.

RECEPCIÓN DE CURTAMETRAXES

A organización do FIC Vía XIV de Verín admite a recepción de curtas a concurso ata o vindeiro 1 de xuño (data limite ampliada para a súa achega a través da plataforma Festhome, á que se pode acceder desde a web do festival). Coma sempre, “agardamos atraer ata o Auditorio da vila os mellores traballos que se teñan desenvolvido recentemente en formato curtametraxe, así como a un bo número de directores”, afirman dende a organización.

As actividades paralelas que se están a planificar serán “de calado” e dende a organización “animan a toda a poboación de Verín e contorna a estar atentos á comunicación dos diferentes fitos informativos que se irán facendo públicos en relación co certame”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta