Santalices cualifica de "película de terror" o clima político nacional, que cre que non se estenderá a Galicia

Non ve motivos para que Baltar dimita se é condenado por exceso de velocidade, pero recoméndalle: "Vai máis amodo".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/03/2024 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, lamentou o clima político a nivel nacional dos últimos días, que cualificou de "película de terror" con "ataques ás parellas dos líderes", algo que considera "impropio dun Parlamento". "Iso faille moito dano á política, desapega á xente de participar e é unha traxedia, porque a xente ten que participar na política", manifestou nunha entrevista na Cadena SER recollida por Europa Press.

Cuestionado sobre se o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, debería baixar o ton, Santalices sinalou que "non se trata dun ou doutro", pero "deberían de tomar conciencia de que están aí coa máxima confianza que lles deu a xente dándolles o voto". "Creo que o que teñen que facer é demostrar que están á altura e tratar de abordar os temas que lle preocupan á cidadanía", defendeu. Nesta liña, aínda que se mostrou "preocupado" con que esa "tensión" se poida trasladar ao Parlamento galego, Santalices asegurou que non lle "angustia".

Así mesmo, valorou a suba de deputados do BNG, con parlamentarios "cunha traxectoria importante" e que, na súa opinión, "veñen coa idea de traballar" e non con "a misión de facer a vida imposible ao presidente". En canto á situación do PSdeG, o presidente da Cámara galega recoñeceu que non esperaba "unha perda tan importante de escanos" e apuntou que é un tema que non lle agrada, xa que considera que é "un partido constitucionalista". "Desde logo gustaríame un PSOE que non estivese neses niveis nos que está no Parlamento galego", sinalou.

TAREFAS

Tras tomar posesión de novo como presidente da Cámara galega, o ourensán manifestou a súa "emoción" e asegurou que estará no cargo durante o tempo no que "siga sendo útil".

Entre as tarefas que se propón para esta lexislatura, desexou acabar coas obras no Pazo do Hórreo para ter "un Parlamento máis aberto e accesible", consolidar o "proceso de apertura do Parlamento á sociedade" e o Panteón de Galegos Ilustres. Sobre isto último, Santalices recoñeceu que se trata dun tema "complexo", pero destacou que "por primeira vez tres grupos independentemente rexistran unha proposta para que isto salia adiante".

MÁSCARAS E BALTAR

Por outra banda, preguntado por unha posible comisión de investigación no Parlamento polos contratos da compra de máscaras durante a pandemia, Santalices afirmou que os partidos "poderán exercitar ese dereito se o consideran oportuno", pero, en todo caso, insistiu en que os contratos que se fixeron en Galicia se axustan "á necesidade e á legalidade", polo que non cre "que haxa moito que investigar".

En relación coa situación de Baltar, se finalmente resulta condenado polo seu caso de exceso de velocidade, tampouco cre que sexa un motivo para que teña que dimitir. "Eu non o vexo así", expresou despois de sinalar que se lle tivese que facer unha recomendación ao expresidente da Deputación de Ourense sería: "Vai máis amodo". En todo caso, reiterou que se trata de "un problema que xulgará o Supremo", pero que, na súa opinión, "é unha situación administrativa que terminará nunha retirada de carné ou unha multa".

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, intervén tras a Constitución da Cámara /  ÁLVARO BALLESTEROS / Europa Press
O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, intervén tras a Constitución da Cámara / ÁLVARO BALLESTEROS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta