Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2024 | Actualizada ás 15:07
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, formará parte durante os próximos seis anos da rede de centros acreditados como Unidade de Excelencia María de Maeztu. O recoñecemento para o IGFAE, que neste ano 2024 cumpre 25 anos de historia, abre unha nova etapa na consolidación do centro.
Segundo destaca a entidade, esta distinción da Axencia Estatal de Investigación supón un financiamento de 2,6 millóns de euros durante os próximos catro anos, o que permitirá desenvolver o proxecto estratéxico do Instituto e continuar coa evolución iniciada durante o anterior período da acreditación (2017-2021).
Entón, o IGFAE converteuse no primeiro centro galego en recibir este recoñecemento de excelencia. Segundo reivindica nun comunicado, este fito xerou unha profunda transformación e impulsou o crecemento do centro, tanto na súa organización como na estrutura e rendemento científico.
O director do IGFAE, Carlos Salgado, destacou que a renovación como Unidade de Excelencia María de Maeztu "é un recoñecemento ao traballo realizado nos últimos anos, nun ciclo iniciado pola primeira acreditación, que produciu unha transformación completa do IGFAE, e un impulso ao ambicioso proxecto estratéxico proposto para os próximos anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.