Rueda integra a todos os conselleiros na Deputación Permanente

Ningún membro do goberno de Rueda forma parte de comisións parlametarias

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2024 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

Ningún dos dez conselleiros que integran o actual Executivo en funcións de Alfonso Rueda, tras a saída de Ethel Vázquez para a Secretaría da Mesa do Parlamento, forma parte na listaxe inicial de membros das comisións que se constituirán o luns na Cámara autonómica, e todos eles están na Deputación Permanente, o órgano que substitúe ao pleno en períodos non hábiles ou que permanece de garda en períodos non lexislativos.

Así se constata na listaxe de nomes rexistrado polos populares este martes e que, en todo caso, ten un carácter provisional. De feito, por movelos en bloque, Rueda evita pasos que poidan ser considerados 'pistas' en relación á composición do seu novo Goberno --a especulación podería xurdir con maior facilidade se optase, por exemplo, por meter a algún conselleiro e outro non nas comisións--.

En canto á Deputación Permanente, a decisión de conformar o órgano de garda do Lexislativo con 25 membros (o habitual é que o 'núcleo duro' das direccións parlamentarias se inclúan no mesmo) plasmouse por rexistro coa rúbrica de todos os partidos.

Inicialmente foron propostos 23 membros, pero na xunta de portavoces o BNG considerou que esta cifra non se axustaba á proporcionalidade da Cámara e apostou por incluír un membro nacionalista máis, que tamén implica outro máis para o PPdeG (en aras de que preserve a maioría absoluta), o que calculados as porcentaxes aproxímase máis á realidade do hemiciclo autonómico actual.

Con 25 membros, 13 son para os populares, oito para os nacionalistas, tres para o PSdeG e un oco para o deputado de Democracia Ourensana (DO), Armando Ojea, que como dita o regulamento ten dereito a formar parte de todas as comisións, aínda que na pasada xornada este apuntou á posibilidade de renunciar á que se ocupa de asuntos pesqueiros, ao ser Ourense unha provincia sen mar.


CALENDARIO

De acordo co calendario aprobado, o vindeiro luns quedarán constituídas as comisións parlamentarias. Xa o martes, arrincarán as consultas do presidente do Parlamento cos representantes dos grupos parlamentarios para designar a un candidato a presidir a Xunta --que será Alfonso Rueda, quen revalidou o 18F unha maioría absoluta de 40 deputados--.

A sesión de investidura, segundo o ratificado este luns na xunta de portavoces, comezará o luns 9 de abril coa presentación do programa de goberno a cargo de Rueda, e dous días despois serán as votacións. O calendario pecharase coa toma de posesión como presidente da Xunta o sábado 13 de abril. Se o mandatario autonómico decide actuar en termos similares a anteriores ocasións, o domingo podería nomear ao seu novo Goberno, que se reuniría o luns 15 por primeira vez.

Vista xeral da sesión de constitución do Parlamento de Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Vista xeral da sesión de constitución do Parlamento de Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta