Aurora Marco, investigadora: "Carmiña Sierra abriu paso a máis mulleres facéndose socia do Seminario de Estudos Galegos"

A investigadora Aurora Marco é autora do libro 'Carmiña Sierra. A primeira muller no Seminario de Estudos Galegos'. Nel describre a vida e obra dunha muller que foi pioneira en varios aspectos, estudos universitarios, involucrarse no Seminario de Estudos Galegos como socia, militante do PCE con todas as consecuencias, presa política e finalmente emigrante-exiliada en Venezuela. Con todo, o legado de Carmiña Sierra é unha viaxe polos pasos que deu unha muller no medio da intelectualidade galega e logo na política desde a clandestinidade.

Por Moncho Mariño | Santiago | 06/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Preséntenos a Carmiña Sierra, a súa infancia e mocidade antes de entrar na universidade.

A investigadora Aurora Marco
A investigadora Aurora Marco

Foi unha muller adiantada ao seu tempo. Procedía dunha familia da burguesía cesureña, católica e conservadora, moi ben situada desde o punto de vista económico e social. Carmiña era a terceira de nove irmáns, cinco mulleres e catro homes. Pasou unha infancia feliz no seu Pontecesures natal, entre os xogos da rapazada e o agarimo familiar: subía ás árbores, ía coller amoras, desfrutaba moito nadando, escoitaba as historias da nai, de Rosalía Eiras e de Juana Rego, as dúas criadas que vivían no lar familiar, que estiveron moitos anos con aquela familia. Era ademais unha ávida lectora, desde moi nova. Aos 10 anos marchou a Compostela para estudar bacharelato e regresaba ao seu pobo en períodos vacacionais. Ela tiña as ideas moi claras sobre o que quería facer: “quero estudar e quero ir á Universidade de Santiago”, dixo na casa. E foi.


-Houbo algún tipo de oposición familiar a que realizase estudos universitarios?

Contra todo prognóstico, non houbo. O pai secundouna nas súas ideas e, finalizado o bacharelato, matriculouse en Filosofía e Letras. Foi a única das cinco irmás que pisou as aulas universitarias, polas que tamén andarían posteriormente dous irmáns máis novos. Para as mulleres do seu estatus social había a chamada educación de adorno, con vistas a preparalas para o matrimonio. Non foi o caso. Aquel foi para Carmiña un tempo de saída ao mundo, uns anos intensos do punto de vista académico e cultural, de relacións con figuras destacadas da historia de Galiza. Santiago foi a súa nai intelectual. E, no que di respecto á situación das mulleres, que ían avanzando moi amodiño, esa é a verdade, a cesureña tamén tivo o seu papel porque foi pioneira, por exemplo, no Seminario de Estudos Galegos ao ser a primeira socia que ingresou na entidade.


-Entrou no Seminario de Estudos Galegos en 1923, se non estou errado, antes de licenciarse en Filosofía e Letras na rama de Historia. Cales foron os detonantes da súa entrada e sobre todo, como foi recibida polo feito de ser muller nunha época que aínda era hostil á presenza feminina en institucións culturais e doutro tipo?

Carmiña Sierra
Carmiña Sierra

Así é. Entrou cando comezaba o 2º curso de Filosofía e Letras, e fíxoo ao mes de se constituír o SEG. Tiña 17 anos e algúns seminaristas duplicábanlle e triplicábanlle a idade: Cotarelo Valledor, profesor seu de Literatura e presidente da entidade, leváballe 27 anos e Cabeza de León, que tamén presidiría a entidade, era 42 anos máis vello. Claro que estaban os seus compañeiros de estudos, algúns fundadores do Seminario, como Lois Tobío (que estudara con ela todo o bacharelato) ou Filgueira Valverde. Teño para min que naqueles anos en que todo o estudantado se coñecía, a presenza, o talento e as inquietudes de Carmiña non pasaron desapercibidas entre os compañeiros e tampouco entre o profesorado. O que, unido ao seu amor pola Terra, o afán que tiña por aprender, por saber máis, talvez explican a súa entrada no SEG. Difícil precisar cen anos despois como foi recibida. Pola información que proporciono no libro, entendo que ben.   

Tiña as ideas moi claras sobre o que quería facer: “quero estudar e quero ir á Universidade de Santiago”, dixo na casa. E foi.

-Cales foron as aportacións de Sierra ao Seminario e onde se poden consultar?

Ela participou, sen dúbida, naqueles primeiros traballos colectivos de preparación de fichas sobre bibliografía e iconografía galegas que, semanalmente, levaba cada seminarista ás xuntanzas. Reuníanse nun local da facultade e alí preparaban fotos de monumentos, de obras de arte, paisaxes, imaxes de personalidades. Foi un labor inicial de acopio de materiais no que todos traballaron, tamén ela. Hai constancia da presenza de Carmiña nalgunhas reunións e eventos. As súas achegas foron, como digo, en traballos colectivos. As fontes documentais que nos chegaron daqueles momentos iniciais son escasas. Por outra parte, ningún dos seminaristas que publicaron memorias citaron ás compañeiras, si aos compañeiros.

-Durante os anos trinta vaise para Andalucía como profesora, como mantivo o contacto co Seminario e se seguiu traballando con el?

Carmiña Sierra encamiñou o seu futuro pola docencia e, tras aprobar as oposicións, exerceu como catedrática de Literatura en Sanlúcar de Barrameda e Linares, despois en Ciudad Real e finalmente no Instituto Obreiro de Madrid, igual que o seu home, Carlos Díaz Rodríguez, catedrático de Xeografía. Alí finalizou a experiencia docente de ambos os dous. Non me consta que mantivese o contacto co SEG nen que seguise traballando nel. Da consulta do seu arquivo, que puxo ao meu dispor a familia, non hai nada que o confirme.

-Era membro do PCE, cando e por que ingresou neste partido? Influíron persoas na súa decisión? Era seguidora dalgunha liña concreta dentro do PCE?

Aínda que nas actas do consello de guerra que se seguiu contra ela declarou ser militante do PCE desde 1937, a militancia hai que adiantala á etapa da República, sen poder consignar data. Período en que se relacionou moito con amigas afiliadas a este partido e dirixentes como Dolores Ibárruri, feito que aparece como un cargo na súa contra. Por outra parte, pola documentación consultada, sabemos que na etapa dos catro institutos en que exerceron Carmiña e o seu home levaron a cabo actividades políticas que se acentuaron, é certo, unha vez iniciada a guerra. Desde os anos en que preparaba oposicións tivo unha grande amizade con Gabriel León Trilla, dirixente do PCE nun determinado período e loitador antifranquista, que foi asasinado por orde do propio partido en setembro de 1945. Todos os pormenores daquel período están desenvoltos con vagar no ensaio.

Teño para min que naqueles anos en que todo o estudantado se coñecía, a presenza, o talento e as inquietudes de Carmiña non pasaron desapercibidas entre os compañeiros


-Como foi a súa vida en Andalucía durante a guerra, que repercusións tivo para ela ser membro do PCE? 

No período 1936-1939 xa non estaban en Andalucía. O levantamento militar colleunos en Madrid, despois de finalizaren o curso en Linares, a cuxo instituto xa non regresaron.  Posteriormente, tanto nos centros de Ciudad Real como no de Madrid, seguiron coa actividade política. As solicitudes para entraren no Instituto Obreiro tiñan que ir avaladas por unha organización política ou sindical: Carmiña e Carlos pertencían ao PCE e á FETE-UGT. Naquel centro, inaugurado na primavera de 1938, houbo un sector considerábel de docentes que foron represaliados de diferentes formas: fusilamento, separación da cátedra, persecución, cárcere, como aconteceu coa cesureña e o seu home. Naquel instituto houbo enfrontamentos entre o profesorado marxista e un sector que os combatía.

-Logo da guerra volve a Pontecesures, foi isto un acto de represalia ideolóxica?

Efectivamente, o matrimonio regresou a Pontecesures mais non por represión ideolóxica senón por teren evitado (non sei como puideron facelo!) o expediente de depuración que tiñan que cumprimentar, unha exhaustiva declaración xurada sobre a súa actuación política e sobre a doutros compañeiros/as, o que constituía unha denuncia en toda regra. De tela cumprimentado, serían detidos con seguridade. Cun salvoconduto que utilizaron ambos conxúxes, puideron viaxar a Pontecesures, primeiro ela, dous meses despois faríao el.

-Seguía na estrutura clandestina do PCE. Que labor desenvolvía para o partido?

Seguía, si. O traballo na ambiciosa e moderna explotación agraria que montaron ela e o seu home, a Granxa María Dolores, compaxinárono cunha intensa actividade política na que o seu compromiso foi decisivo, en colaboración con militantes galegos do seu partido e con dirixentes de Madrid. O lugar en que estaba a granxa, a  dous quilómetros de Cesures, prestábase ben para o traballo clandestino e alí ocultaron algúns compañeiros que estaban perseguidos. Alén das achegas económicas, Carmiña facía viaxes a Madrid, a Compostela, Pontevedra con misións políticas, para se entrevistar, axudar, solucionar problemas cos demais compañeiros; actividades que están documentadas, como tamén os encontros con outros camaradas seus aos que atendía e cubría as súas necesidades. O seu grao de implicación foi forte. Colaborou coa guerrilla antifranquista galega para levar a cabo a Operación Termópilas, consistente en matar o ditador, descrita con detalle no libro, con feitos, nomes e datas. Operación que, finalmente, non se levou a cabo.  A vixilancia era moita.

Aínda que nas actas do consello de guerra que se seguiu contra ela declarou ser militante do PCE desde 1937, a militancia hai que adiantala á etapa da República

-Sábese que foi detida e que estivo presa, sabe se a súa detención foi motivo dalgunha delación? Como foi o decorrer dos seus anos na cadea?

Foi detida en xaneiro de 1946 e trasladada a Madrid. Estivo presa tres anos porque un indulto librouna dun ano máis. Aínda que xa andaban detrás daquela rede comunista clandestina, a presenza dun home en Pontecesures que se fixo pasar por antifranquista e tivo certa amizade co matrimonio, talvez acelerou a detención. Ventas era naquel momento a prisión de mulleres máis e mellor politizada de España, e isto dito por presas que escribiron as súas memorias. Como xa non había monxas e as funcionarias non se preocupaban moito pola vixilancia, as actividades políticas podían desenvolverse con certa liberdade. O traballo de Carmiña na estrutura do PCE foi moi grande: estaba na dirección do PCE dentro do cárcere, dirixía un xornal e tiña ao seu cargo o aparato de lecturas de prensa e propaganda e preparación de cursiños de capacitación para a educación política doutras presas.


-Logo de saír da prisión instálase en Madrid, uns anos depois vaise a Venezuela. Cales foron os motivos detrás destas dúas decisións?

De ficar en Pontecesures todo sería máis doado para recomezar a vida tras a paréntese de tres anos de cárcere, e co seu home en Venezuela. Pero entre Carmiña e a familia había naquela altura unha distancia ideolóxica considerábel, aínda que a súa axuda, cando a precisou, e o afecto familiar non lle faltaron. Recolleu os fillos que estaban coa avoa e marchou a Madrid, onde estivo algo máis de dous anos traballando na libraría dun amigo que se portou moi ben con ela. Alí tamén estaban amigas moi queridas coas que partillaba militancia e coincidira no cárcere. Na decisión de marchar a Venezuela pesou igualmente o empeño da filla que quixo reunir a familia, porque Carlos xa fuxira antes ao país caribeño. En Madrid, cos seus antecedentes, tampouco podería estar moi tranquila.


-Cal é o legado de Carmiña Sierra co seu paso polo Seminario de Estudos Galegos e que queda aínda por recoller da súa figura e traballo?

Como outras mulleres da nosa historia, tan esquecidas ou ignoradas, Carmiña foi abrindo o camiño para as que viñeron despois. Muller libre, independente, profesional, cunha liña de pensamento coherente ao longo da súa vida, entregada á defensa da xustiza e a liberdade. Do seu paso polo SEG fica constancia da súa teima por ocupar un espazo tradicionalmente masculino. Foi a primeira de moi poucas socias activas. A segunda entrou o ano seguinte, foi xustamente unha profesora súa na carreira, Luísa Cuesta, a primeira en exercer de bibliotecaria na USC e a primeira en impartir aulas na carreira de Historia. 
Con humildade pero con franqueza, creo que, se queda algo por recoller da súa figura e traballo, é ben pouco ou nada. Porque dispuxen dunhas fontes, orais e documentais, absolutamente imprescindíbeis.

Foi detida en xaneiro de 1946 e trasladada a Madrid. Estivo presa tres anos porque un indulto librouna dun ano máis

-Cal foi o motivo polo que decidiu traballar sobre esta muller e sacar adiante un libro sobre ela?

No meu libro anterior, Irmandiñas (2020) dediquei un capítulo ás mulleres do Seminario de Estudos Galegos e andei moito tempo na procura de datos sobre Sierra Domínguez. Quedei insatisfeita porque o parágrafo que lle dediquei estaba moi incompleto. Afortunadamente en 2022 encontrei as persoas axeitadas, as súas netas, que me proporcionaron abundante información e puxeron ao meu dispor o seu arquivo. Que saíse o libro en 2023 era lóxico por se celebrar o centenario do SEG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta