Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/04/2024 | Actualizada ás 22:00
"Comprender, escoitar e incorporar á sociedade galega". Iso é o que pide parte da militancia socialista galega cansa da "perigosa" deriva que o seu partido leva desde hai anos. Unha deriva que din, en parte, está provocada polos “condottieros locais", máis preocupados do poder local ou provincial que por fortalecer a estrutura galega do PSdeG para conseguir un "verdadeiro cambio" na Xunta de Galicia.
Así, cren que o PSdeG abandonou fai moito tempo o obxectivo de" comprender, escoitar e incorporar" á sociedade galega para poder desenvolver a capacidade de influir nela. "Encapsulado na súa vida orgánica, con elites e familias políticas que impiden a súa modernización e se perpetúan no poder, é incapaz de incorporar valor e permeabilizarse, e tras un tempo, afiliados, simpatizantes e votantes rematan tomando a opción exit", critican. Por iso, piden un cambio. Un cambio que pasa por escoitar á militancia, facer autocrítica e cambiar o enfoque actual deste parido.
Baixo a idea de "Gañar o futuro, por un congreso de unidade, galeguismo e modernización para Galicia", este grupo de militantes socialistas está movendo un manifesto para "anovar o proxecto socialista galego". Un manifesto, ao que tivo acceso Galicia Confidencial, con importantes referencias ao "piñeirismo" -- a base galeguista do PSdeG-- e no que se escollen títulos de obras tan importantes como Sempre en Galiza, de Castelao; Merlín e Familia, de Álvaro Cunqueiro e de Catro a Catro, de Manoel Antonio para encabezar destacados apartados do mesmo.
Este escrito que non está asinado por ningún dirixente, nin militante, nin grupo de persoas, tenta servir de reflexión "crítica" de cara ao congreso do PSdeG. Non tanto para o congreso exprés que terá lugar este 28 de abril, que tamén, senón para o congreso ordinario que este partido celebrará o vindeiro ano. Fontes consultadas por GC din que este manifesto non ten nada que ver co sector crítico de Gonzalo Caballero, senón con militantes, concelleiros, alcaldes e ex cargos públicos socialistas sen "familias" dentro do PSdeG.
"SITUACIÓN CRÍTICA"
Estes militantes recoñecen que o socialismo galego "entra nunha situación crítica". "É un feito indiscutible que os continuos fracasos electorais e a deriva errática da organización obrigan a adoptar cambios profundos que a sociedade demanda dende hai moito tempo", sinalan e apuntan a "unha militancia exhausta de batallas intestinas, decións difícilmente explicables sobor do seu liderado e conformación de equipos e liortas vertidas a diario sen apenas filtros nos medios de comunicación". "Moitas fendas no casco dun proxecto que fai anos renunciou á batalla do discurso cultural ou político en Galicia, máis aló de axitar conceptos como o galeguismo sen unha auténtica actualización do discurso", engade.
O obxectivo final é tentar que o PSdeG se mova cara un "novo enfoque estratéxico (liderado, xestión interna, planificación política)", un novo enfoque na sociedade galega (economía, emprego, cultura e lingua galega, mar, medio ambiente...), así como "mellorar a súa praxe (contacto social, traballo sectorial, estratexia) e a súa mensaxe e marketing".
Non hai críticas directas a José Ramón Besteiro, nin se lle fai responsable da actual situación, aínda que si se critican as mensaxes e a campaña das pasadas eleccións galegas. Para os impulsores deste manifesto os principais responsables da actual situación son os "condottieros" do PSdeG, é dicir, os grandes alcaldes e presidentes das deputacións provinciais.
"CONDOTTIEROS"
"O PSdeG lembra, desde xeito, á Italia do renacemento, nas que diferentes “condottieros” locais pugnan por maximizar a súa influencia galega pero non para favorecer o proxecto galego, senón a súa influencia local - provincial. Concellos de Deputacións seguen un proceso de retroalimentación nun equilibrio de poder onde élites orgánicas das vilas-cidades máis grandes xestionan os recursos públicos para favorecer as xestións dos gobernos,locais en vez de favorecer un modelo de xestion alternativo ao do Partido Popular, xerando estratexias diverxentes en cada provincia e non un modelo reconocible pola cidadanía", recolle o texto.
Por iso, destaca que "a metáfora dos localismos supera sempre a dos liderados autonómicos" e lembra que a existencia de fortes liderados sociais en Galicia soe ter como contrapartida liderados autonómicos febles, agás na época de goberno de Fernando González Laxe ou Emilio Perez Touriño. Unha situación na que os problemas internos resolvense desde arriba, sen ter en conta a opinión da militancia. "Os síntomas dun partido fallido por tanto, repousan nun incompleto proceso de institucionalización, Esta feble institucionalización redunda na perda de auctorictas sobre a organización, o que deriva en que a resolución de conflictos interna remata solventándose en termos de estrica potestas”, recolle.
Entre as causas que promoven esta feble institucionalización do PSdeG en Galicia, o manifesto insiste nas que teñen que ver coa súa "enxeniería organizativa". Entre elas, o abandono da estructura comarcal pola "adopción do modelo provincial", o que significou a fin da organización comarcal, "unha poliarquía que exercía de contrapeso co poder das grandes urbes". Isto provoca que estes "poderes" controlen os acordos do partido "e con elo o sistema de elección de cargos". "O verdadeiro poder no PSdeG por tanto pasa polas provincias e non polas agrupacíóns, deixando ao comité nacional galego e á executiva galega nun plano secundario de poder e ao seu lider autonómico, nunha situación de ampla dependencia dos liderados locais, e polo tanto dos seus intereses localistas", sinala.
VOLTA AO PIÑEIRISMO
Unha situación que provoca que non haxa "unha auténtica renovación discursiva". "O proxecto galeguista cívico socialdemócrata e europeísta esbozado por figuras como Ramón Piñeiro, que exerce como reserva espiritual do galeguismo socialista precisa unha clara actualización á sociedade na que vivimos, a tecnoloxización, o cambio climático, a cultura...".
E, neste escenario, este grupo de militantes pide novas ideas e discursos, potenciar os cauces internos de participación, aglutinar o “capital social” da organización e a posta en marcha de ferramentas para reforzar a identidade do PSdeG, " un auténtico Think Tank pensado por e para Galicia cun enfoque progresista, galeguista e europeísta de xeito serio, analítico e continuadamente".
Así, cren que o PSdeG atópase "lonxe non só da realidade galega, dun proxecto con identidade propia", senón tamén dos grandes debates a nivel nacional e internacional sobre o futuro da socialdemocracia, o federalismo ou das correntes de pensamento, cultura e arte que están a configurar a nova realidade social. "Abandonou aos seus propios referentes de pensamento como Piñeiro, Rodríguez Pardo, Quintanilla, Casares sen anovar o proxecto político galeguista socialdemócrata renunciando a anovalo", din.
FUTURO
Pero, a pesar desta situación, os impulsores deste manifesto cren que existen solucións que poden axudar a reverter esta tendencia. Entre elas, "traballar na unidade real do partido, máis aló de sectarismos ou estructuras de poder, valorando a capacidade de persoas e equipos por riba do reparto de poder territorial" ou poñer en marcha unha estructura sectorial que "permita desenvolver un verdadeiro faro programático e analítico que forneca o traballo institucional".
Tamén piden que haxa un contacto máis fluído co tecido social para "identificar as súas arelas, inquedanzas e posicionamentos" e fortalecer a estructura e proxecto galego "por riba de liderados locais, provinciais e mesmo estatais" para devolver ao PSdeG á posición na que debe estar para poder asumir o reto da alternativa.
Os militantes impulsores deste texto cren que o congreso do PSdeG-PSOE debería ser un congreso para "por os cimentos" deste novo proxecto compartido, "onde todos teñan cabida, pero sobre todo onde se dispoñan os medios, equipos e propostas que o devolvan a onde debe estar". "Se esto non se entende, seguirá perdendo posicións de catro en catro anos", advirten.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.