O PPdeG defende os prazos de investidura de Rueda "regulamentarios e axustados"

Alberto Pazos, lamentou que os nacionalistas incorporen debates "máis propios de programas do corazón".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O PPdeG, cunha maioría absoluta obtida o 18F de 40 dos 75 escanos que conforman o hemiciclo do Parlamento de Galicia, propiciará a semana próxima que Alfonso Rueda sexa investido por segunda vez presidente de Galicia. Farao, segundo defendeu este martes o seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos, no marco duns prazos "regulamentarios e axustados".

Así o defendeu, en declaracións aos medios tras reunirse co xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, no marco da rolda de consultas preceptiva para que continúe o arranque da XII Lexislatura e que terá como seguinte paso a comunicación ao propio Rueda de que será o candidato proposto para presidir a Xunta.

Antes del, a líder do BNG, Ana Pontón, avanzara que os 25 deputados nacionalistas votarán en contra da investidura de Rueda, á vez que censuraba "atraso" nos prazos e vinculábao coa voda do alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida. A apreciación foi criticada por Alberto Pazos, quen lamentou que os nacionalistas incorporen debates "máis propios de programas do corazón".

"Iso é o que a min me parece rechamante", advertiu, antes de defender que os prazos son "axustados" e de recalcar que introducir "outro tipo de variables" resulta "ridículo". "Non se se alguén tiña un calendario alternativo que expor, pero nos órganos regulamentarios non o fixo ninguén", remarcou, a continuación.

Máis aló, Pazos remarcou que para el é "unha honra" exercer como "instrumento da maioría dos galegos que o 18 de febreiro decidiron que o grupo maioritario da Cámara fose o PP". Ratificou que Rueda terá o respaldo dos 40 deputados populares e que, "nos prazos previstos", arrincará o mandato, conformarase o novo Goberno autonómico e traballarase "pola vontade dos galegos".

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, reúnese co xefe do Lexislativo.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, reúnese co xefe do Lexislativo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta