BNG e PSdeG volven pedir "transparencia" sobre os contratos da covid: "Se non hai nada que ocultar, non hai nada que temer"

Pontón: "Que ten que ocultar o PP en Galicia? Por que se nega a que haxa unha comisión de investigación como a que piden en Madrid?".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

A líder do BNG, Ana Pontón, insistiu este martes na súa demanda dunha "auditoría externa" sobre os contratos da pandemia en Galicia. De feito, os nacionalistas xa advertiron que non descartan impulsar unha comisión de investigación parlamentaria se o PPdeG, con Alfonso Rueda á fronte, non accede a que haxa "luz e taquígrafos".

Tras a rolda de consultas, Pontón acusou ao PP de "opacidade e falta de transparencia" e suxeriu que non quere realizar a auditoría porque ten "algo que ocultar", coa convicción de que "cando alguén non ten nada que ocultar, non lle teme á transparencia". "Por que se nega a que poida haber unha auditoría ou por que non queren que aquí haxa unha comisión de investigación como eles reclaman en Madrid?", preguntouse, e lembrou que o BNG xa pediu no pasado mandato os contratos e "fóronlle negados ao Parlamento".

Por iso e tras coñecer novos datos que "fan saltar as alarmas con respecto do que se estivo facendo durante unha pandemia", Pontón insistiu na súa demanda de transparencia. "É o que pedimos neste momento", manifestou, sen aclarar se o Bloque estaría disposto a acudir aos tribunais no caso de que non se cumpra coa súa demanda. "É indecente que mentres miles de persoas estaban angustiadas loitando contra un virus, houbese xente que quixo enriquecerse, facer negocio con esa pandemia e mesmo poida que prácticas ilícitas", afeou.

"TRANSPARENCIA E CLARIDADE"

Pola súa banda, preguntado sobre se o PSdeG apoiaría unha comisión de investigación parlamentaria sobre este asunto, o portavoz parlamentario e secretario xeral electo, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou "transparencia e claridade" sobre a xestión do Goberno galego durante a pandemia.

Besteiro pediu que se clarifiquen tanto os contratos de material asinados durante aquela época como o destino dos 159 millóns de euros de fondos covid enviados polo Estado para sanidade que, conforme indicou, segundo sinalou o Consello de Contas, non se sabe onde foron a parar. Así, sostivo que a Xunta ten que facilitar información e dar todas as explicacións "motu propio" para que non sexa necesaria unha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia. "Se non hai nada que ocular, non hai nada que temer", dixo.

"A partir de aí", conforme indicou, será outra cuestión "se procede ou non unha comisión de investigación". Besteiro lembrou que estes órganos son "regulados" e que hai "un número determinado" para facelas durante unha lexislatura. "Por tanto, apelou a que a Xunta transparente eses contratos para que non sexa necesario ir a ese tipo de instrumentos de fiscalización do goberno", resolveu.

"CONTAS VALIDOU A CONTRATACIÓN"

En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, defendeu que os contratos foron "auditados" e "validados" polo Consello de Contas, quen só detectou algunhas cuestións "de forma", e insistiu en que non entende que o BNG insista nunha "auditoría externa". "Non nos dixeron quen queren que a faga", esgrimiu, antes de incidir en que os populares non van actuar "nunha campaña de desprestixio" contra o Consello de Contas. "Confiaremos no criterio de quen estatutariamente ten a competencia e que dixo que, máis aló de aspectos formais a contratación foi exemplar", esgrimiu. "O que ten que facer o BNG se quere ter coñecemento da auditoría é ler con atención o informe de Contas. O demais a estas alturas son unhas ganas de lear que ninguén a estas alturas pode entender", concluíu.

Máscaras
Máscaras | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta