O Concello de Santiago asegura que o alleamento de parcelas para financiar investimentos "é un mecanismo habitual"

A alcaldesa compostelá censurou o envío dunha carta a medios asinada polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, na que afirma que o concello santiagués ten intención de vender cinco parcelas destinadas a vivenda protexida

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

O goberno municipal de Santiago defendeu que o alleamento de parcelas municipais "para financiar obras e investimentos" é un "mecanismo habitual" que tamén empregaron equipos á fronte do concello en etapas anteriores, polo que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, pediu á Xunta "seriedade" á hora de afrontar o problema da vivenda na capital galega en lugar de "buscar unha confrontración que nada achega a resolvelo".

En declaracións difundidas este mércores, a rexedora compostelá censurou o envío dunha carta a medios asinada polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, na que afirma que o concello santiagués ten intención de vender cinco parcelas destinadas a vivenda protexida.

Despois de pedir "seriedade" e a apertura de "vías de colaboración e diálogo aberto" entre administracións, Sanmartín expresou a súa "sopresa" pola "repentina preocupación" do IGVS pola situación da vivenda na cidade, dado que, desde o ano 2009, "só entregou 54 vivendas de promoción pública de nova construción" no municipio.

O goberno local constrata esta cifra "coas 504 vivendas de Vigo, 422 da Coruña, 319 de Lugo, 135 de Pontevedra, 97 de Ferrol e 69 de Ourense", o que leva a sentenciar que "se a política de vivenda da Xunta no conxunto do país é deficiente, en Santiago de Compostela é especialmente decepcionante".

Para o goberno santiagués, o problema da vivenda en Santiago é consecuencia "do deixamento e pésima xestión ao longo dos últimos anos" e, nesta liña, lembra que "continúan sen ser realidade" os 36 pisos en Lamas de Abade "anunciados" polo propio responsable do IGV "e que volveron anunciar en decembro de 2023, en plena campaña electoral".

Sanmartín subliñou que na súa reunión do pasado mes de outubro de 2023 co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofreceu parcelas municipais para a construción de vivenda pública sobre as que "ata o momento, non consta interese".

Con todo, ve "lóxico" que o Goberno autonómcio "empezase" pola edificación das parcelas da súa propiedade, como é o caso dunha situada na avenida Xoán XXIII, "unha localización excepcional" para a vivenda pública "que contribuiría a fortalecer a función residencial da cidade histórica".

Así as cousas, o concello compostelán subliña o seu interese de contar cun parque de vivenda de titularidade municipal "situado no centro" a "diferenza" o que "vén ocorrendo nas últimas décadas na maior parte das cidades".

Para este fin, continúa, aposta pola rehabilitación do parque residencial existente para, ademais de "contribuír a mellorar as condicións de acceso á vivenda", apostar por un cambio de "paradigma" na vivenda pública, cuxa localización "non debería vir determinada polas cesións realizadas en execución do desenvolvemento urbanístico".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa. CONCELLO DE SANTIAGO
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta