Rueda non quere ter en Galicia o clima de "crispación" que hai en Madrid

"Eu celebro que ata agora en Galicia ese clima non existe, aínda que sempre hai momentos máis ou menos complicados.Creo que deberiamos estar todos comprometidos, todas as forzas políticas, en mantelo así", di.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, lamentou a "crispación" que sofre na actualidade a política estatal, pero celebrou que en Galicia, ao seu xuízo, ese clima "non existe".

Así o sinalou na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego levado a cabo este xoves, onde foi preguntado polas palabras do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, que dixo que a clase política é a peor dos últimos 45 anos. Tras recoñecer que non escoitara esas declaracións de Feijóo, Rueda dixo que "non todos os políticos son iguais" nin teñen "as mesmas actitudes".

"A pesar de que levo uns cantos anos nisto, tampouco coñezo as circunstancias dos últimos 45 anos en detalle, nin a moitas persoas, pero acepto que o nivel de crispación que existe a nivel nacional agora mesmo non creo que sexa bo nin que dea boa imaxe da política nin dos políticos", dixo.

Aínda así, explicou que habería que analizar o por que desta crispación, referíndose a as informacións que se coñeceron nas últimas semanas, "todas referidas a membros ou práctica totalidade de membros do PSOE". Con todo, o presidente galego celebrou que ata agora en Galicia ese clima "non existe", aínda que "sempre con momentos máis ou menos complicados".

"Creo que deberiamos estar todos comprometidos, todas as forzas políticas, en mantelo así, porque creo que é o que piden os cidadáns, onde se pode conseguir que as cousas funcionen. O goberno gobernando e a oposición facendo oposición", engadiu, pedindo acabar coa "crispación feroz" que existe, "sobre todo a nivel nacional".

LEI DE CASTELA E LEÓN

Entre outra orde de cousas, preguntado sobre se apoiaría unha normativa como a Lei de Concordia de Castela e León, rexistrada polo PP e por Vox e que non recolle ningunha condena expresa á ditadura franquista, Rueda dixo que os galegos opinaron hai pouco máis dun mes que Vox non tiña que ter representación no Parlamento.

"Por tanto, as súas iniciativas tampouco. Creo que isto é unha situación da que, desde logo, felicítome e a xente, vendo que opinan nas eleccións, tamén", indicou, evitando facer supostos "sobre algo que non se vai a producir". "Non se dá esa posibilidade, e creo que é bo para Galicia, e creo que coas eleccións autonómicas tan recentes, pouco máis hai que dicir", sentenciou.

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, nun coloquio
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, nun coloquio | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta