A Xunta recorrerá ante o Supremo a paralización doutros sete parques eólicos

"Non podemos quedarnos de brazos cruzados", aseverou Ángeles Vázquez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2024 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, avanzou que a Xunta recorrerá ante o Tribunal Supremo a paralización por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) doutros sete parques eólicos.

En declaracións aos medios nunha visita este sábado a unha explotación gandeira no municipio lucense da Pastoriza, a responsable de Medio Ambiente da Xunta mostrou o seu convencemento de que o trámite é "impecable" e o rigor, "máximo".

"Nós recorreremos. Non podemos quedarnos de brazos cruzados", aseverou antes de apuntar que non se trata de "un problema de Galicia", xa que "se Galicia non cumpre" en materia de enerxías renovables, "España non vai cumprir". Por iso, cre que o Goberno central debe "dar un paso á fronte" para evitar acabar en "unha situación de emerxencia de enerxía", tanto para os fogares como para as industrias, sinalou.

Así mesmo, a vicepresidenta segunda en funcións defendeu que a implantación de eólicos "ten que dar lugar a que haxa beneficios no territorio" e asegurou que niso traballa o Goberno galego. "Lamentamos que isto ocorra. Seguiremos traballando co mesmo rigor, cumprindo a lei. Nun principio, púxose encima da mesa o trámite; ao final, o Supremo dixo que o trámite estaba ben, agora fálase de que poida haber incidencia. Calquera implantación no territorio ten incidencia, o que non pode ter é unha máxima incidencia e iso é polo que nós estamos a velar", resolveu.

EÓLICA MARIÑA

Do mesmo xeito, preguntada pola manifestación que se celebraba este sábado en Burela contra a eólica mariña, Ángeles Vázquez sinalou que "é o mesmo" cos parques eólicos en terra. Neste caso, criticou que o Goberno central fixo "un plan sectorial que non consultou coas comunidades nin co sector" e recoñeceu que "o díficil é o equilibrio", aínda que insistiu en que "se necesita enerxía".

"Debemos facer ben as cousas e temos que falar coa poboación, non temos que facer unha intoxicación. Pediría aos distintos grupos políticos que deixen de intoxicar e que ao final nos poñamos todos a traballar polo desenvolvemento de Galicia, que é fundamental", destacou.

Por último, puxo en valor que Galicia "se distingue" por estar "á cabeza en renovables", así como na "diminución de emisións de CO2" ou en "coidado da paisaxe", e, na súa opinión, debe estar tamén "á cabeza en desenvolvemento industrial".

A vicepresidenta segunda en funcións, Ángeles Vázquez, visita unha explotación na Pastoriza (Lugo). XUNTA
A vicepresidenta segunda en funcións, Ángeles Vázquez, visita unha explotación na Pastoriza (Lugo). XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta