Pontón volve tender a man a Rueda para alcanzar "grandes acordos de país": "Os seus acertos beneficiarán a Galicia"

Besteiro desexou "sorte" a Rueda e agardou "que pasados catro anos vexamos que se aproveitaron as oportunidades e que non foi unha lexislatura de oportunidades perdidas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desexou "acertos" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que toma posesión este sábado, e volveu a tender a man do Bloque para chegar a "grandes acordos de país". En declaracións aos medios antes do acto, que se celebra no parque de San Domingos de Bonaval, Pontón recoñeceu que é "evidente" que ambos teñen "moitas discrepancias políticas", pero manifestou que "os seus acertos redundarán no beneficio de Galicia". "Para o BNG o primeiro é este país, os galegos e as galegas", aseverou.

Así, volveu a tender a man ao líder do PPdeG para que poidan alcanzar "grandes acordos de país". En concreto, mencionou a defensa da sanidade pública, o dereito á vivenda e "para que haxa unha rexeneración democrática" e Galicia "avance". "Para ir nesa dirección sempre pode contar o próximo Goberno coa man tendida do BNG. Nós estamos en política para pór no centro ás persoas e desexámoslle o mellor ao país", manifestou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén ante os xornalistas tras o discurso de investidura do candidato do PP, Alfonso Rueda
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, intervén ante os xornalistas tras o discurso de investidura do candidato do PP, Alfonso Rueda | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS - Arquivo

BESTEIRO DESEXA "SORTE" A RUEDA E PÍDELLE "AMBICIÓN DE PAÍS"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desexou sorte ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e pediulle "ambición de país e diálogo" ante unha lexislatura na que espera que "aproveite as oportunidades". En declaracións aos medios antes da toma de posesión, Besteiro manifestou que espera que esta lexislatura se caracterice "pola ambición e polo diálogo, así como "por aproveitar as oportunidades". "Que pasados catro anos vexamos que se aproveitaron as oportunidades e que non foi unha lexislatura de oportunidades perdidas", afirmou o socialista.

ÓSCAR PUENTE GARANTE "COLABORACIÓN" POR PARTE DO GOBERNO CENTRAL

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, garantiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "toda a lealdade institucional" e "colaboración" por parte do Goberno central. Tras a toma de posesión do presidente galego, Puente manifestou a súa "emoción" por asistir á toma de posesión dun presidente de Galicia, xa que o seu pai naceu en 1939 na localidade lucense de Sarria.

A continuación, volveu a trasladar a súa "felicitación" a Alfonso Rueda e garantiulle "lealdade institucional". "Vivimos nun estado democrático, multinivel desde o punto de vista administrativo, no que é moi importante a colaboración e o entendemento entre distintas administracións", manifestou. Nesta liña, defendeu que o Goberno de España trasladou ao presidente Rueda "toda a lealdade institucional", así como "toda a colaboración posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta