O Consello da Cultura Galega analiza este martes nunha xornada a galeguización da Igrexa na Transición

Ademais, a xornada servirá tamén de homenaxe a Alfonso Zulueta de Haz, quen tivo un papel destacado na tradución da Biblia ao galego, cando se fan 100 anos do seu nacemento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2024 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

'Igrexa e lingua na Transición' é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) analizará este martes os movementos e iniciativas a favor da galeguización da Igrexa neste período. Ademais, a xornada servirá tamén de homenaxe a Alfonso Zulueta de Haz, quen tivo un papel destacado na tradución da Biblia ao galego, cando se fan 100 anos do seu nacemento.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto co coordinador da xornada, Silvestre Gómez Xurxo, inaugurarán esta cita que se poderá seguir en directo desde a web e as redes sociais da institución. Precisamente, a xornada arrincará cunha intervención de Silvestre Gómez na que falará sobre "o desafío" da tradución da Biblia. A continuación, Xosé Fernández Lago, teólogo e un dos máximos impulsores do proxecto que permitiu publicar catro edicións da Biblia, ofrecerá un relatorio titulado 'A palabra de Deus achégase á nosa xente'.

Haberá tamén unha intervención do profesor da USC Lois Ferradás Branco titulada 'Coloquios e romaxes' e outra de Pilar Wirtz Molezún sobre 'A lingua no Concilio Pastoral de Galicia'. A última intervención, previa a un coloquio de todos os relatores co público, será a do teólogo Andrés Torres Queiruga, que falará sobre a revista Encrucillada.

A Catedral de Santiago de Compostela
A Catedral de Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta