Aprendendo de The Big Theory

Nestes tempos abundan as reflexións sobre as razóns que fan necesaria a unidade da esquerda ante as próximas eleccións xerais.

Por Emilio Martinez | Vigo | 09/10/2015

Comparte esta noticia
Abundan as iniciativas que chaman á unidade, multiplícanse os encontros, son diarias as conversas e faise notoria unha certa sensación de resignación a que a unidade non será realidade e que nos abocamos a situación bastante desalentadora para todos aqueles que temos interiorizado que ante a situación de involución democrática, de carencia de ideas estratéxicas pensadas na cidadanía e  absoluto desprezo a calquera principio moral, trazos cos que podemos definir.ao partido gobernante, en Santiago de Compostela e en Madrid, é preciso esquecer as vellas e novas liortas partidarias e pular na mesma dirección dende a mesma barca electoral. 
 
A pesares de tanto artigo, chamamento e manifesto.o comportamento dalgúns dos actores principais deste debate tráeme  á mente un capítulo da coñecida serie The Big Bang Theory. Pode que soe pouco serio, incluso a chirigotada pero deixádeme explicar. Estou seguro que moitas das persoas que leen este artigo terán reflexionado e comentado, no contexto dunha conversa sobre política cos amigos, algunha serie de televisión como por exemplo House fo Card, Borgen ou O Ala Oeste. Todas elas, e outras, son exemplo de magnífica ficción que as veces nos deixa coa boca aberta pola súa actualidade e pola capacidade dos seus guionistas de analizar o comportamento dos que se dedican á política dende o goberno ou os que pretenden chegar a el. Pero seguramente soará raro utilizar para describir a actual situación de debate político en Galicia . un episodio dunha comedia lixeira. 
 
No episodio ao que me refiro Leonard Hofstadter ten unha discusión coa súa moza, Penny. Como unha forma de superar a tensión acordan que cada un de eles vai facer unha lista das cousas que non lle gustan do outro e logo intercambiarán as listas.A idea suponse que é que cada un coñeza os defectos que o outro lle identifica e tente superalos. Feitas as listas e intercambiadas  a tensión no canto de reducirse medra e medra a medida que cada un deles vai lendo o que non se gusta del á súa parella. Non desvelo o que acontece ao final. 
 
Ese facer listas do que non nos gusta dos outros é o que semella que está a ocorrer agora mesmo en Galicia. Eu, ou sexa un ninguén, podería facer unha inmensa lista do que non me gusta do BNG, outra inmensa do que non me gusta de Podemos e o mesmo con Anova, con Esquerda Unida, con todas e cada unha das “mareas” e con todo o mundo. Postos a facer listas do que non me gusta si a podo facer da miña compañeira a ver quen me di que non a podo facer de quen me pareza.. non é así?: Non me gustan os chapeus Martiño Noriega, non me gustan as chaquetas con codeiras do alcalde da Coruña, non me gusta a barba de Beiras, non me gusta o curte de pelo de Xavier Vence, do líder de Podemos en Galicia nin sequera me gusta o nome. Sona ridículo, verdade?. Estamos de acordo.  Pero igual de ridículas soan as razóns que moitos poñen para xustificar a falta dun acordo, tan urxente como necesario. Facendo listas do que non nos gusta non solucionamos nada. Si nos empeñamos en poñer primeiro o que nos separa difícil chegar a ter oportunidade para darnos de conta da cantidade de ideas, proxectos e desexos que nos unen.  
 
Isto é un pouco como as primeiras leccións que nos aprenden nos seminarios sobre a xestión de reunións: si comezamos discutindo  por aquilo sobre o que sabemos que temos diferenzas, e ás veces diferenzas moi apreciables, nunca imos avanzar… quedarémonos nese punto, dando voltas e mais voltas, sentindo que estamos a perder o tempo, desexando que a reunión remate…  A solución para comezar dun xeito positivo semella bastante doada.
 
Desde fora do debate político mais álxido, desde fora das organizacións partidarias da a impresión de que chegar a un acordo debería ser mais doado doado. Si existe vontade, si deixamos de pensar que os intereses da nación son os que nos presupoñemos que son,. Si somos un pouco modestos. Doado si se fai con vontade. O problema do nome semella que é totalmente superable: nin o dun nin o doutro. A estas alturas non é cuestionable, por ninguén, que é preciso que se forme un grupo parlamentario propio. Isto non quere dicir que o traballo no Congreso e no Senado (para o que seguiría apostando por unha lista de consenso co PSOE) non sexa preciso coordinalo co resto de grupos parlamentarios progresistas. Un grupo parlamentario galego suporía un “chute” de autoestima para este país, que ben que o precisa, e tamén un verdadeiro golpe para a podremia política representada polo PPdG. 
 
Con respecto ao programa creo que non debería ser difícil articular unha proposta coherente si todas as partes ceden un pouco: desde logo non ten cabida pretender proclamar a independencia para Reis, nin saír do euro, nin que os deputados e senadores cobren o salario mínimo… : políticas decididas contra a corrupción que é un verdadeiro cancro para este país; políticas de creación de emprego; políticas de promoción económica e de innovación pensadas para o apoio aos sectores económicos estratéxicos e sectores emerxentes con alta capacidade de creación de riqueza, reforma da administración pública para adecuala ás necesidades dunha sociedade do século XXI, reforma da Constitución para a facilitar a transición a un Estado de corte federal (e polo momento deixemos ao rei Felipe corretear que molestar molesta bastante pouco, e ata penso que pode ter un papel positivo), recuperación do investimento en educación, I+D e sanidade, recuperación do impulso a políticas sociais que combatan a exclusión e a marxinación…, potenciar a marca país en base á solidariedade cos pobos empobrecidos para comezar non é pouco.  Hai moito no que estamos de acordo. Seguro.
 
E si unha candidatura única se fixera realidade  ademais de estar unidos pola necesidade social imperiosa de recuperar as institucións para a cidadanía, a unidade debería ser unha unidade para rato, duradeira. Debemos pensar nas xerais do 20 de decembro, nas autonómicas do ano que ven e tamén nas municipais e nas xerais próximas. Despois da noite electoral debemos saber que a candidatura non foi “un rollito dunha noite”, un deses rollitos de venres ou sábado pola noite que te espertas e non sabes moi ben que facer: si irte silenciosamente procurando que o outro non se esperte, si convidala ou convidalo a almorzar, si darlle o teléfono ou darlle un bico de bos días. Tal vez non sexa cousa de que mentres tomas o café lle fales de ir mirar por un piso para vivir xuntos e ver como andas as hipotecas, pero caben situacións intermedias. Aprendamos dos erros do bipartito, que parece que non temos memoria ningunha.
 
Citei antes un episodio de The Big Bang, vou acabar con algo un pouco mais castizo.  Quero pedirvos que recordedes unha fábula que seguramente coñeceredes, polo menos os que sodes das quintas que fixeron EXB, escrita no século XVIII: “Os dous coellos” de Tomás de Iriarte. A fábula conta a discusión de dous coellos que son perseguidos por uns cans, e que nun momento dado paran de correr enzarzados nunha discusión sobre si os cans perseguidores son galgos ou podencos. Xa vos facedes unha idea de como acaban os coellos. Mentres nos discutimos e discutimos a apenas un mes de ter que presentar unhas candidaturas outros traballar arreo para por enésima vez enganar á cidadanía.
 
Despois a culpa a terán os outros, como non. Como di aquel dito: “Entre todos la mataron y solita se murió”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.