Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2024 | Actualizada ás 12:56
O Diario Oficial de Galicia (DOG) ratifica, coa súa publicación este martes, o calendario para o próximo curso escolar 2024/2025, que rexe para todas as etapas educativas. As clases empezarán o 11 de setembro deste ano e finalizarán o 20 de xuño de 2025.
No caso de 2º curso de Bacharelato, acabarán de acordo coas datas previstas para a avaliación de acceso á universidade, ABAU. En canto ás vacacións escolares, haberá tres períodos de descanso: o de Nadal estenderase do 23 de decembro de 2024 ao 7 de xaneiro de 2025, ambos os incluídos; o do Entroido durante os días 3, 4 e 5 de marzo de 2025, e o parón de Semana Santa producirase entre o 14 e o 21 de abril de 2025.
Tampouco serán días lectivos as declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da comunidade, así como o Día do Ensino, que se celebrará o 31 de outubro.
AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO E PERÍODO DE ADAPTACIÓN
A orde de calendario tamén recolle que para o próximo curso, as probas de avaliación de diagnóstico fixadas polo Goberno do Estado a través da Lomloe para 4º curso de Primaria e para 2º de ESO realizaranse entre o 1 e o 11 de abril de 2025. En canto ao período de adaptación para o alumnado de 4º curso de Educación Infantil, os centros poden optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis aló de 17 de setembro.
E no que respecta ao servizo de comedor escolar, en todos os centros públicos funcionará desde o 11 de setembro de 2024 ata o 20 de xuño de 2025, ambos os incluídos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.