O desacougo do PPdeG

Núñez Feijoo vai acometer o derradeiro debate parlamentario sobre o estado da nación con síntomas evidentes dun desacougo crecente.

Por Xesús Veiga | Compostela | 13/10/2015

Comparte esta noticia
Sabe perfectamente que as eleccións locais do 24 de Maio provocaron unha situación moi preocupante para o PP:só goberna nunha das sete cidades galegas, perdeu a maioría en concellos moi simbólicos e unicamente xestiona a deputación da Ourense (e para iso mediante un clan familiar que actúa cun elevado nivel de autonomía).
 
A súa pretensión de que a economía galega presenta un diferencial positivo a respecto da española carece de credibilidade.A evolución seguida polos principais índices macroeconómicos demostra que a recuperación circula a unha velocidade mais lenta que a media estatal.De pouco valen as “boutades” presidenciais sobre a presunta superioridade da Facenda galega a respecto da catalana (a repetida consigna:”Galiza paga, Catalunya pide”) cando a opinión maioritaria da cidadanía non acompaña os diagnósticos optimistas que se emiten dende San Caetano.
 
Un dos activos mais propagados polos seareiros de Feijoo é a grande capacidade xestora exhibida polas súas equipas e o nivel de eficiencia demostrado na administración dos recursos públicos.Neste aspecto tamén existiu unha frase para as hemerotecas:”estamos facendo mais con menos”.Non mais co mesmo, que xa sería moito.Non.Con menos:a excelencia que só acadan os grandes executivos das principais multinacionais.Se tal hipótese fose certa, por qué pasa agora de 8 a 10 consellarías?Por qué restablece a separación entre Medio Rural e Pesca  e por qué segrega Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do anterior departamento no que figuraban con Infraestruturas e Vivenda?
 
Non.A eficiencia non foi a virtude primordial dos gabinetes habidos dende 2009 e tampouco distinguiu a xestión dos homes e mulleres que encabezaron as distintas áreas gobernamentais.Ocorre, poren, que a ficción segue cabalgando no relato dos fans mediáticos do presidente:por qué case non se reparou no despropósito que significa o cambio de responsabilidades de Beatriz Mato?Atopámonos ante unha conselleira omnisciente, que está capacitada para pasar de Traballo e Benestar a Ordenación do Territorio e Medio Ambiente sen que se note a mudanza?Tan baixo está o listón de esixencia neses ámbitos temáticos?
A lóxica utilizada por Núñez Feijoo para realizar os nomeamentos circulou por camiños diferentes dos sinalados na propaganda.Dende os primeiros momentos, o baixo perfil político dos seus acompañantes buscaba realzar o seu propio labor e neutralizar calquera tentación de opacar o seu liderado.Agora, ante as serias preocupacións explicitadas por unha boa parte dos seus rexedores municipais, corrixe parcialmente o seu criterio anterior e decide compartir o último ano da lexislatura con tres representantes do poder local do PP.Por qué non o fixo antes?Porque aínda non lle vira as orellas ao lobo.
 
O tratamento da corrupción é outro termómetro para medir o crédito político do máximo dirixente do PPdG.En todas e cada unha das operacións xudiciais abertas na Galiza nos últimos anos, aparecen involucrados cadros relevantes deste partido.Non estamos, xa que logo, ante episodios anecdóticos ou ante “catro mazás podres” nun cesto limpo.A prevención e a contundencia forman parte da retórica habitual pero tampouco acadan os niveis rexeneradores esixíbeis á primeira formación política galega.Cesar a Mª Xosé Bravo resulta, sen dúbida, adecuado pero serve para agachar a tolerancia con Roxelio Martinez (que leva imputado mais de 5 anos) e a pouca dureza practicada con Louzán (imputado na mesma operación “Patos” e premiado cun posto de asesor no grupo popular da deputación para que non teña que regresar ao seu posto de conserxe no concello de Ribadumia). 
 
A día de hoxe, o argumento de mais peso que pode manexar Feijoo para buscar un novo triunfo electoral ten que ver co panorama que presenta a oposición, excesivamente fragmentada e sen liderados consistentes.Xa se sabe que, en moitas ocasións, as eleccións non as gaña a oposición senón que as perde o goberno.No outono do vindeiro ano saberemos se Feijoo acada a vitoria por deméritos dos demais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.