O Concello de Santiago aproba a licenza para que o hospital de Galeras sexa residencia universitaria e hotel

Dá luz verde ao proxecto de reparación da cuberta do pavillón municipal Quiroga Palacios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2024 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A xunta de goberno do Concello de Santiago deu luz verde á concesión da licenza á empresa que levará a cabo as obras de rehabilitación do antigo hospital de Galeras para a súa utilización como residencia de estudantes e hotel, un proxecto que conta cun orzamento de execución de 9.164.540,00 euros.

As actuacións, tal e como detallou o Consistorio compostelán nun comunicado, permitirán a rehabilitación e acondicionamento deste edificio de nove plantas e unha superficie construída total de 12.743,20 metros, que contará con 215 habitacións para residencia de estudantes e 185 habitacións para hospedaxe. A edificación está situada en chan clasificado como urbano no PXOM vixente e cualificado coa ordenanza especial cinco de Galeras.

Na súa reunión deste luns, o goberno local deu licenza para realización das obras de rehabilitación dun edificio na praza de San Martiño para o seu uso como residencia universitaria, cun proxecto cuxo orzamento de execución material será de 180.112,77 euros.

Así mesmo, no encontro, autorizouse o proxecto de reparación da cuberta do pavillón municipal Quiroga Palacios cun orzamento base de licitación de 379.438,39 euros e un prazo de execución previsto de dous meses. O proxecto aprobado este luns polo goberno municipal busca solucionar tanto as filtracións que se producen no interior do pavillón deportivo como acondicionar o patio do colexio de Quiroga Palacios.

A xunta de goberno, ademais, acordou a adxudicación do contrato da dirección facultativa das obras do proxecto para a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite por un importe de 43.318 euros. As obras de rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite, cofinanciadas con fondos Next Generation UE, conta cun orzamento global de máis de 1,3 millóns e permitirán mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade e a seguridade de complexo.

O contrato para a execución das obras foi adxudicado o pasado mes de decembro á empresa Prace, Servizos E Obras S.A. por un total de 1.209.712,72 euros, importe cofinanciado nun 80% polos fondos Next Generation EU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios (PIREP), e nun 20% polo Concello de Santiago.

Arquivo - Hospital de Galeras. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Hospital de Galeras. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta