A conxelación de óvulos comprometida pola Xunta e o acceso á fecundación 'in vitro' iniciarase en grupos prioritarios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, expuxo unha "implantación progresiva" das medidas comprometidas, co inicio primeiro en "grupos prioritarios" e logo chegar "ás mulleres que o desexen".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 30/04/2024 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, expuxo unha "implantación progresiva" das medidas comprometidas para a posibilidade de conxelar óvulos na sanidade pública e ampliar aos 45 anos o acceso á fecundación in vitro, co inicio primeiro en "grupos prioritarios" e logo chegar "ás mulleres que o desexen". Así o manifestou nunha visita á Unidade de Reprodución Humana e Fecundación in vitro do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, a primeira que se implantou en ámbito público en Galicia e á que se sumaron logo as de Vigo e Santiago de Compostela.

Foi nun acto acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e responsables do centro hospitalario, entre eles a máxima responsable da citada unidade, Mariana García, quen indicou que a mesma foi unha das primeiras públicas que se implantaron en España. Fíxoo hai 35 anos e coa incorporación de "grandes avances" nestes anos, remarcou.

Pola súa banda, o presidente da Xunta destacou o traballo "en rede" das unidades existentes en Galicia e destacou o feito de que o primeiro neno nado con fecundación in vitro no centro coruñés teña xa 34 anos. En canto ao compromiso contraído xa en campaña electoral de conxelación de óvulos na sanidade pública e ampliación da posibilidade da fecundación in vitro ata os 45 anos, sen limitación de fillos, expuxo que será unha implantación de forma progresiva, primeiro en grupos prioritarios, para "chegar ás mulleres que o desexen".

Estas manifestacións fíxoas nunha comparecencia na que, pola súa banda, o conselleiro de Sanidade destacou o traballo destes equipos. Ademais, comprometeu unha xestión á fronte da Consellería "orientada aos resultados". "Con diálogo podémolo conseguir". Mentres, cuestionado por como afectarán os cambios no Sergas á área sanitaria coruñesa, expuxo que se buscará "mellorar todo o bo que ten esta dirección", dixo sobre a xestión. "Todos os compromisos que hai aquí manteranse", apostilou Rueda en relación ao 'Novo Chuac'.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, visita a Unidade de Reprodución Humana do Materno Infantil da Coruña
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, visita a Unidade de Reprodución Humana do Materno Infantil da Coruña | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta