A estrada AC-452 ao seu paso por Infesta, en Betanzos: dous quilómetros con 7 puntos negros para coches e veciños

Vías secundarias con difícil incorporación á estrada principal, curvas estreitas e sen visibilidade, vehículos a altas velocidades pasando por unha zona de casas na que non hai nin beirarrúas nin pasos de peóns... Dende a Plataforma Veciñal de Infesta, un dos seus portavoces, Antón Lois, cóntanos o perigo que corren cada día ao saír das casas.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 19/05/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Para ninguén é un segredo que o estado das estradas en moitas zonas de Galicia é lamentable. Ás veces esta problemática ten que ver con malentendidos nas competencias por parte das Administracións, outras veces con falta de interese na súa mellora ou reparación e, outras, simplemente, con que se trata de estradas que no seu día non foron pensadas para soportar tanto tráfico rodado como o que hoxe concentran. O problema aínda se agrava máis se nos fixamos nas zonas do rural, ás aforas de grandes núcleos de poboación, onde hai parroquias e aldeas que se atopan completamente desamparadas no que a seguridade vial se refire. Lugares nos que tamén se debe ter en conta que a maior parte dos seus veciños son anciáns, o que aumenta o risco de que acontezan accidentes graves. 

Accidente cunha menor ferida na AC-542 ao seu paso por Infesta, en Betanzos
Accidente cunha menor ferida na AC-542 ao seu paso por Infesta, en Betanzos | Fonte: La Voz - Arquivo

Este é o caso da aldea de Infesta, na parroquia de Requián, no concello de Betanzos, un lugar onde habitan 500 veciños, sendo o lugar máis poboado fóra do núcleo urbano, onde nun tramo de apenas dous quilómetros de lonxitude da AC-542 (de titularidade autonómica) hai 7 desvíos cara viais municipais (de titularidade do propio Concello) que supoñen un verdadeiro perigo pola súa baixa visibilidade e polo seu estado de conservación. Ao que se suma que en tramos nos que hai casas a ambos os lados e marquesiñas de autobús das que fan uso veciños de avanzada idade para poder baixar ata Betanzos cidade non beirarrúas ben acondicionadas, ou directamente non as hai, nin pasos de peóns ou semáforos que permitan aos habitantes cruzar dun lado a outro da estrada sen ter que facelo guiándose polo seu olfato ao ver que non veñen coches. Esta situación non é algo novo, vense arrastrando dende fai polo menos 20 anos, e dende o Galicia Confidencial falamos con Antón Tenreiro, un dos portavoces da Plataforma Veciñal de Infesta, para que nos conte máis sobre o problema.

"NON É NORMAL ESTAR VIVINDO DENDE HAI DECENIOS NUNHA SITUACIÓN DE INSEGURIDADE FÍSICA"

"Dende a plataforma veciñal o que reclamamos é que se acometan dunha vez por todas as mínimas medidas de seguridade vial e de acceso á estrada principal dende as vías secundarias para poder garantizar tanto a seguridade dos vehículos como das persoas, viandantes e ciclistas", explica Antón, que asegura que "o que non é normal é estar vivindo continuamente nunha situación de inseguridade física e que dende hai lustros e decenios non se teña investido practicamente nada ou nada en solucionar todos estes problemas con un tráfico que foi aumentando ano tras ano pola evoluación normal da sociedade". Ademais, tamén destaca que este se trata "dun vial moi importante porque vén de Ferrol e comunica coa capital de Galicia, con Santiago", coa cantidade de vehículos que iso supón ao día, e tendo en conta que hai nas inmediacións varios polígonos industriais e unha estación de tren. 

En concreto, sobre a curva máis problemática de todo o tramo, a que supón unha ponte que pasa por enriba da vía do tren dirección Lugo, na que mesmo chegou a haber un accidente con vítimas mortais, Antón comenta que "non ten beirarrúas nin a unha nin a outra marxe e, nalgúns puntos, nin sequerá ten arcén, pois é moi estreito o que hai". As persoas teñen que camiñar practicamente pegadas aos coches que pasan pola estrada a gran velocidade, nunha zona na que, ademais, "non hai visibilidade". "Aparecen os coches de repente e entran a gran velocidade, nunha curva que se vai estreitando cada vez máis ata chegar á vía do tren", explica este veciño. Por se isto fose pouco, no medio e medio da curva tamén hai un acceso a un vial secundario que leva cara a aldea do Farragoto: "o acceso sae directamente ao centro da curva e os coches que saen ou entran ao Farragoto teñen que xirar aí mesmo, mentres os vehículos que veñen a gran velocidade e sen visibilidade se atopan con eles de súpeto". "Isto constitúe un verdadeiro perigo", afirma Antón.

Accidente que se saldou co falecemento dun octoxenario na AC-542 ao seu paso por Infesta, en Betanzos
Accidente que se saldou co falecemento dun octoxenario na AC-542 ao seu paso por Infesta, en Betanzos | Fonte: Faro de Vigo - Arquivo

UNHA CURVA QUE PASA SOBRE A VÍA DO TREN SEN VISIBILIDADE NIN BEIRARRÚAS QUE XA SE COBROU VIDAS

Os peóns transitan esta curva para poder chegar dende o núcleo de Casas Novas ata a aldea do Farragoto e "só contan cun estreito arcén, por chamarlle dalgunha maneira, porque nin arcén é". Mentres, a escasos centímetros deles, pasan coches e tamén tráfico pesado, "procedente dun polígono que hai máis abaixo, o de Piadela, que dá acceso tamén á madeireira de Betanzos HB, e da propia autovía". As beirarrúas non existen, nin tampouco ningún paso de peóns, nin na zona nin máis adiante, xa chegando ao núcleo de Casas Novas, onde hai outro acceso cara un vial secundario. Nese lugar hai unha marquesiña "onde os veciños deste núcleo de poboación toman o autobús para baixar a Betanzos, tendo que arriscar todos os días a vida para cruzar a estrada". Os que veñen de abaixo, desa curva complicada, non teñen visibilidade e aparecen repentinamente. Ademais, Antón critica que "nin sequera se fixeron labores de ampliación da estrada, habendo espazo tanto para ampliala como para poñer beirarrúas, despois dos múltiples accidentes que houbo na zona".

Por outra banda, este veciño de Infesta lamenta que a zona tamén é moi transitada por un clube ciclista no que hai numerosos rapaces que circulan pola AC-542 e que "se xogan a vida cada vez que saen, porque realmente non hai espazo tampouco para a circulación de bicicletas, xa que non o hai nin para a de persoas, para canto máis". Ao longo de toda a estrada, "non hai máis que un paso de peóns nun tramo de dous quilómetros que ten tres ou catro marquesiñas que usan os veciños da zona, maiores na súa maioría, para coller o autobús". Ademais, Antón pon énfase en que "nas beiras permítese o aparcamento de vehículos mesmo ata as esquinas dos viais de acceso ás diferentes aldeas, o que impide que haxa visibilidade para os vehículos que se queren incorporar dende eles á estrada principal". "Levamos 20 anos con esta demanda e ninguén fixo nunca nada, nin Xunta nin Concello, a estrada está como estaba hai 20 ou 25 anos", lamenta.

"XUNTA E CONCELLO DEBEN SENTAR A FALAR PARA BUSCAR SOLUCIÓNS DEFINITIVAS, PORQUE O PROBLEMA ATINXE A AMBAS ADMINISTRACIÓNS"

E é que como explica Antón, "aquí non só se trata de poñerlle as pilas á Xunta, que tamén, porque é responsable desta estrada AC-542, senón tamén ao Concello de Betanzos, para que ambas administracións se senten a falar e busquen solucións definitivas a todo isto, porque os sete cruces que hai de aldeas cara o vial principal e viceversa atinxen a unha e outra administración". De feito, asegura que "cando lle dis o problema ao Concello din que xa enviaron cartas e se comunicaron coa Xunta, sen entender que non se trata de enviar cartas, senón de que se teñen que sentar a falar para buscar solucións a un problema que afecta ao redor de 500 veciños e a todos os que pasan en tránsito polo lugar". E é que, segundo nos conta Antón, "ese núcleo de Infesta é practicamente un núcleo urbano agora mesmo, a efectos reais, con moitas casas, vehículos, no que ninguén respecta o límite de velocidade que é de 50 km/h e no que mesmo chegou a haber unha morte sobre esa curva que pasa por enriba da vía do tren".

Lamenta que "Betanzos é un lugar marabilloso, cunha potencialidade impresionante, pero está caendo a cachos, polo casco histórico pouco menos hai que ir con casco por el para que non che caia unha cornixa enriba", e "se xa está abandonado o casco histórico, para canto máis o rural, esquecido de todo o mundo absolutamente: cunha rede de saneamento obsoleta que rompe por todos os lados e cheira, desbroces que non se executan deixando que as herbas medren ata un metro ou máis, cunetas que non se limpan, dous parques infantís que temos que se están pudrindo...". "Dá moita pena todo isto", asegura Antón, que volve poñer o foco "nunha poboación nativamente avellentada, pois os nativos de aquí son vellos que saen a pasear por un lugar no que non hai beirarrúas, aumentando o risco de que algún día se produzan accidentes graves, pois semella que todo está pensado para os coches".

OUTROS PUNTOS NEGROS

Outro dos puntos negros da estrada AC-542 aparece na súa saída de Betanzos cara Santiago, onde se accede á nacional sexta en dirección A Coruña e, un pouco máis adiante, á nacional sexta (N-6) pero en dirección Lugo. Trátase dun cruce "moi perigoso", xa que "tampouco hai paso de peóns nin beirarrúa enfronte". "Esta estrada soporta unha gran cantidade de vehículos que van camiño de Santiago, por unha banda, para poder chegar a múltiples polígonos, ou cara A Coruña e Lugo, por outra banda", explica Antón, que tamén critica o "estado de abandono da vía". No acceso á N-6 dirección Lugo, asegura que "tampouco hai pasos de peóns e a beirarrúa que se habilitou apenas ten medio metro de anchura en moitos tramos". Pouco máis arriba está o centro de Pai Menni (que presta atención integral a persoas con diversidade funcional), cuxos usuarios "arríscanse cada vez que baixan a Betanzos ou van facer algunha excursión". 

Así mesmo, o cruce de acceso á aldea do Farragoto tamén supón un problema no seu acceso. "Os coches para acceder a el teñen que dar unha volta de case tres quilómetros ata a rotonda da autoestrada ou ben acceder dende unha curva moi perigosa", explica Antón, que apunta que "neste tramo hai unha beirarrúa estreitísima de apenas medio metro e logo outra tramo que directamente non ten beirarrúas", no cal "os vehículos baixan a bastante velocidade, habendo un doble carril de subida". Trátase, por tanto, como considera este veciño, "dun núcleo de poboación que queda practicamente incomunicado". Outro punto negro sería o acceso da aldea do Camiño Real cara Betanzos, no que a xente "ten que cruzar a estrada AC-542 por un camiño moi estreito e de dobre sentido de circulación". "Se entra ou sae algún coche desa pista xérase no medio e medio da estrada un problema", explica, e apunta que "tampouco hai para os veciños ningún paso de peóns, só unha beirarrúa estreita por un lateral e polo outro nin iso".

Estrada AC-542 cos seus cruzamentos ao seu paso por Infesta, no concello de Betanzos
Estrada AC-542 cos seus cruzamentos ao seu paso por Infesta, no concello de Betanzos | Fonte: Google Maps
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta