Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2024 | Actualizada ás 10:47
O número de parados rexistrados nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego baixou en 2.677 persoas en abril, en relación co mes anterior, o que supón un 2,08% menos que en marzo. Así se desprende das cifras publicadas este luns polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que sitúan o total de desempregados galegos nos 126.334, un 9,34% menos que hai un ano, con 13.009 persoas sen emprego menos.
Por provincias, na Coruña o parou baixou en 1.240 persoas en abril respecto de marzo, un 2,41% menos, ata 50.129 persoas sen emprego, un 10,62% menos se se compara con hai 12 meses.
En Lugo hai 12.048 desempregados, 259 menos que en marzo (-2,1%) e 907 menos que en abril de 2023 (-7%). Situación similar viviu Ourense, con 433 desempregados menos en abril, ata 14.953, un 2,81% menos, ou un 7,23% menos se se compara con hai un ano (-1.166 parados menos). Pontevedra pechou abril con 49.204 desempregados, 745 menos que hai un mes (-1,49%) e 4.980 menos que hai un ano (-9,19%).
Do total de parados galegos, un 41,9% era home e un 58,1%, muller. Ademais, case un 4% tiña menos de 25 anos. Por sectores, todos eles rexistraron un descenso do desemprego, caendo en 143 persoas na agricultura, ata 4.041 parados. Na industria a baixada foi de 281 desempregados, ata 12.448, do mesmo xeito que a construción, que quedou con 8.444 parados, 281 menos. Os servizos rexistraron unha diminución do desemprego de 1.814 persoas, ata 89.976. O colectivo de persoas sen un emprego previo supuxo 11.425 parados, 158 menos que hai un mes.
Entre outros datos, os beneficiarios por prestacións de desemprego en Galicia alcanzaron as 84.242 persoas, dos cales 38.720 percibían unha prestación contributiva. De media, estes últimos cobraban 942,7 euros ao mes, por baixo dos 981 euros de media nacional.
SEGURIDADE SOCIAL
Por outra banda, a Seguridade Social gañou en Galicia unha media de 6.740 cotizantes en abril, o que supón un 0,63% máis que en marzo, segundo datos publicados este luns polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Así, o número de ocupados no país superou os 1,06 millóns de persoas, 18.020 afiliados máis que hai un ano, subindo un 1,72%.
SINDICATOS CELEBRAN PERO PIDEN MÁIS MEDIDAS
Sindicatos valoraron a caída do paro e o crecemento do número de ocupados, aínda que pediron medidas para aumentar a contratación e mellorar as condicións dos traballadores. En concreto, UXT recoñeceu que as cifras do mes de abril recollen unha evolución "positiva" do emprego, "acorde aos resultados habitualmente obtidos neste mes", insistindo unha vez máis en que a reforma laboral de 2021 contribuíu a esta mellora.
Con todo, nun comunicado, o sindicato asegurou que agora é o momento de mellorar as condicións laborais, para avanzar na protección das persoas e garantir o dereito a recibir unha indemnización por despedimento "adecuada". Entre os "retos pendentes", UXT sinala o desemprego estrutural, que "persiste en valores moi altos", xa que o paro de longa duración segue afectando a uns 43.100 galegos. Na mesma liña pronunciouse Comisións Obreiras (CC.OO.), que celebrou as cifras de emprego, pero instou á Xunta de Galicia a tomar medidas para equiparse coa media estatal.
Neste sentido, a secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, explicou que a afiliación subiu e marcou marca a nivel nacional, "pero Galicia aínda está 20.000 empregos por baixo dos máximos alcanzados en 2008". Así, subliñou que a Comunidade creou emprego, "aínda que con menor intensidade que en marzo". Por todo isto, pediu ao Goberno galego que tome medidas e que se preocupe máis por gobernar, "no canto de apoiar estratexias do PP de ámbito estatal".
Pola súa banda, a Xunta de Galicia puxo en valor que en abril a Comunidade rexistrou a cifra de desemprego máis baixa de toda a serie histórica, que se remonta a 1996. Nun comunicado, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou os datos, aínda que apelou á "prudencia" e a seguir traballando para mellorar o mercado laboral e axustar a oferta á demanda. "É unha cifra histórica que hai que coller con prudencia e, por suposto, seguir traballando da man do tecido empresarial para mellorar o mercad laboral e a súa calidade", engadiu González.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.