Paulo Jablonski, de Docentes con Palestina: "Levamos a kufiya para lembrar a expulsión forzosa do 1948"

Este 15 de maio conmemórase o Día da Nakba, a "catástrofe" como consecuencia da fundación do Estado de Israel.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 14/05/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Este día 15 de maio conmemórase o Día da Nakba e desde Docentes con Palestina realizan unha iniciativa en solidariedade co pobo palestino. Paulo Jablonski, docente de Historia no IES Pedro Floriani de Redondela e membro do grupo Docentes con Palestina, explica en que consiste este día: "A Nakba é un termo árabe que quere dicir "catástrofe ou desastre" e fai referencia ao momento no que se funda o Estado colonial de Israel nos territorios de Palestina". Nesta liña, indica que se lembra o proceso "da expulsión no 1948, de máis de 700.000 persoas das súas terras, debido á creación dese Estado e despois desa primeira guerra árabe-iraelí". Co motivo de "non perder a memoria desa expulsión forzosa" conmemórase este acto e engade "que é unha expulsión continua e que se leva producindo 74 anos desde a formación do Estado de Israel". 

A iniciativa
A iniciativa | Fonte: Docentes con Palestina

A INICIATIVA: A KUFIYA COMO SÍMBOLO DE SOLIDARIEDADE

Con este contexto, desde a asociación Docentes con Palestina consideran importante levar á comunidade escolar "a realidade do xenocidio que se está cometendo en Palestina" e como acto simbólico en solidariedade co pobo palestino levar a Kufiya, o pano típico en mostra dese sentir solidario. Paulo, como mestre de secundaria, aprecia que a mocidade ten curiosidade por ver e entender o que está pasando: "Pasa por entender que a guerra actual, a masacre, o xenocidio actual, non comeza no sete de outubro cando Hamas perpetra os atentados en Israel, senón que é un proceso que vén desde os anos 40, desde a formación do propio Estado de Israel", establece. 

O que desde Docentes con Palestina procuran é trasladar ás aulas, o debate sobre o que está acontecendo como "un problema actual e contemporáneo" que se entende "desde a historia, xa que os feitos de hoxe en día, son consecuencia de procesos que veñen dunha realidade colonial". Paulo considera que este debate é necesario para conformar un espírito e coñecemento crítico do alumnado que lle permita analizar a realidade sen aceptar "como válidas consignas de certos grupos mediáticos ou político-ideolóxicos". Desde a súa perspectiva, estes pretenden explicar "o xenocidio que acontece simplemente co que pasou nos últimos sete meses". Destaca que se poñen en valor elementos como a solidariedade ou o pensamento críticos, curriculares e repetidos nos principios básicos da LOMLOE. "Son elementos de apredinzaxe que nos trasladamos a través do conflicto en Palestina", expón. 

UNHA CHAMADA A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA

Hoxe en día a información chega por múltiples canles diferentes. Neste sentido, Paulo considera que a rapazada lle sorprende percatarse de que "somos a historia que nos precede" e de que "nos mapas dos anos 30 onde hoxe Israel poñía Palestina e de que tiña selección de de fútbol". Da difusión nas redes sociais, apunta a que ao final os vídeos curtos aportan unha mirada inmediata e que o labor da docencia pasa por profundar nesa realidade. Animan a participar nas redes con esta iniciativa dun grupo de docentes de diversa procedencia, preocupados polo "xenocidio que se está cometendo en Palestina". Así, animan a que se compartan fotografías ou vídeos co cancelo #OEnsinoGalegoConPalestina. Desta maneira, poden cuantificar o impacto da acción, xerar un mapa de persoas e centros que apoiaron ou seguiron a convocatoria. 

Esta é unha iniciativa é a nivel nacional, e para calquera centro educativo, tanto para o profesorado como o alumnado. "Levar o día de mañá, que pode ser pasado mañá tamén, a Kufiya, o pano palestino, que é unha prenda bonita, cómoda e sobre todo significativa, é amosar publicamente o apoio co pobo palestino", comenta Paulo. Este docente é de Redondela e conta que leva a kufiya de forma habitual e cotiá, algo que xera sorpresa aos peregrinos do Camiño portugués que lle soen preguntar. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta