Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2024 | Actualizada ás 13:06
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, defendeu a "xestión impecable" da Xunta do Bono Aluguer Mozo despois do informe do Defensor do Pobo que incluíu a Galicia entre as comunidades que tramitaran este programa de apoio financiado con fondos europeos de forma "insuficiente".
En resposta a unha interpelación parlamentaria presentada pola deputada socialista Silvia Longueira na sesión plenaria deste mércores no Parlamento de Galicia, a responsable de Vivenda da Xunta asegurou que o documento do Defensor do Pobo é "parcial" e "interesado" porque, di, non contou con información completa por parte do Goberno galego.
Tras as críticas da parlamentaria socialista, que acusou á Xunta de xestionar con "mala praxe" estas axudas enfocadas a colectivos sociais mozos con maiores dificultades para asumir o custo da vivenda, Martínez Allegue aseverou que a Xunta "executou a totalidade dos fondos e concedeu todas as axudas" ata esgotar o crédito dispoñible "sen que se producisen atrasos".
De feito, continuou, a "gran" xestión do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) permitiu alcanzar "os 5.000 beneficiarios" cando o crédito asignado a Galicia (23 millóns de euros) permitía chegar "a 4.000". Segundo a conselleira, a Xunta empezou a tramitar as peticións no mes de decembro de 2022, dous meses despois de pecharse o prazo de solicitudes en outubro, e en xaneiro de 2023 comezou a resolver os expendientes e abonar as axudas de 250 euros ao mes por beneficiario.
Unha vez iniciado o período de pago das axudas producíronse "renuncias" e problemas de "xustificación" nas condicións de acceso, polo que o crédito procedente destas peticións inicalmente concedidas reactívase para chegar a novos beneficiarios, o que permitiu chegar a 1.159 novas persoas. Este número, sempre segundo a versión ofrecida en sede parlamentaria pola conselleira, foi o empregado polo Defensor do Pobo no seu informe "e non o total de 5.000" axudas que concedeu a Xunta a través dun programa que, para Martínez Allegue, incorría en "erros" nas súas bases que "nunca" foron liquidados polo Ministerio.
16 MESES SEN RESPOSTA
Durante a súa quenda de palabra, a deputada socialista afeou á conselleira que poña en dúbida a veracidade da actuación do Defensor do Pobo e a tache de parcial, o que a levou a preguntarse se "o próximo" será tamén cuestionar a actuación do Consello de Contas. Despois de censurar as "queixas" da Xunta por "ter que gobernar", Silvia Longueira puxo o foco nas denuncias feitas por persoas que pediron a axuda e que tardaron 16 meses en recibir unha resposta da Administración galega sobre o estado da súa petición.
Para a parlamentaria, a administración "non pode ter á espera de resposta" durante un ano e medio ás persoas que solicitan axudas, especialmente aquelas que están enfocadas a persoas de baixos recursos, como é o caso dos potenciais beneficiarios do Bono Aluguer Mozo. Por último, lamentou que en "toda a publicidade" institucional da Xunta sobre estas axudas "non sae en ningún momento" o Goberno de España cando se trata de fondos europeos canalizados a través do Estado para polos en mans das comunidades. "Vostedes fan o seu 'procés' particular cando lles interesa", aseverou Longueira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.