O CSIC achega o olfacto, "o sentido invisible", aos máis pequenos coa súa primeira obra científica infantil en galego

O segundo volume da colección 'Mentes Curiosas - Curiosas Mentes' aborda explora os insectos domésticos desde unha perspectiva científica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2024 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou este mércores os dous primeiros libros científicos en galego, pensados ademais para os máis pequenos, e que abordan os insectos e o olfacto, "o sentido invisible". Coincidindo coa celebración este venres do Día das Letras Galegas, a través do Editorial CSIC e en coedición con Zahorí Books, lanzan un proxecto editorial dirixido a lectores de primaria e ESO pero con espírito "interxeracional" baixo o título 'Mentes Curiosas - Curiosas Mentes'.

Nunha rolda de prensa que tivo lugar na sede do Consello da Cultura Galega (CCG), presentáronse os dous primeiros números en galego, 'Cheirar' e 'Bechos' da man da vicepresidenta adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC e directora do CSIC, Pura Fernández; a delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González; e a investigadora Laura López-Mascaraque, do Instituto Cajal CSIC, colaboradora do libro. Tamén participou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Precisamente Álvarez reivindicou a importancia das ciencias no ámbito da cultura, "que non é só a vertente humanística", senón "todo aquilo que contribúe ao benestar dos pobos". A responsable do CCG destacou o dereito á lingua que, argumentou, é "algo que vai máis aló do feito de ter dereito a usala", tamén "a que sexa transmitida e a transmitila". Para avanzar nesta liña, considera fundamentais publicacións como as presentadas este mércores.

Para Pura Fernández, é "fundamental" transmitir o coñecemento nas linguas vernáculas, sobre todo a través do "espírito interxeracional destes libros". Ademais, apuntou que as obras recibiron unha distinción pola orixinalidade dos seus contidos na Feira do Libro de Bolonia. "Este libro tamén quere espertar vocacións (...), estimular a curiosidade, a base da ciencia, e non quedarnos no obvio", sinalou. A previsión, avanzou, é editar dous números anuais con temas moi diversos que abordarán desde a nutrición, a filosofía e ata as momias.

O OLFACTO, "O GRAN ESQUECIDO"

O primeiro número da colección leva por título 'Cheirar. Aromas, esencias, fedores e pestilencias' e, nas súas 30 páxinas, ofrece información "rigorosa e atractiva" a través dos textos e ilustracións da autora sobre o olfacto. Laura López-Mascaraque defendeu a importancia do olfacto, que definiu como o sentido "invisible". "Ninguén se dá conta do importante que é ata que o perde", apuntou, sinalando ademais que "algo bo" que trouxo o Covid-19 foi o seu coñecemento entre o público.

"Todos sabiamos que alguén que non ve é cego e alguén que non ouve é xordo, pero alguén que non cheira non sabiamos que é un aniósmico", comentou. Tal e como explicou, "cheiramos cada vez que respiramos" e iso "aféctanos no cerebro". "O primeiro que facemos cando nacemos é cheirar. Empeñámonos en darlle aos nenos libros con formas e cores cando o idioma que máis entenden é o sentido químico porque o senten", sinalou. López-Mascaraque móstrase optimista e cre que agora "chega o momento do olfacto", un sentido que, ademais, axuda a detectar enfermidades.

A obra na que colaborou cos seus coñecementos inclúe ao final un código QR a través do que se pode ver á investigadora traballando no laboratorio. Segundo contou, estivo obsesionada desde moi nova co cerebro: "Era axudante e vía que o olfacto nunca se estudaba. E eu íamo gardando, de todos os animais que estudabamos. E a partir de aí empecei. Sempre fun moi olfativa. Todos somos visuais ou auditivos... E eu preguntábame por que ninguén facía caso a esa zona (...). Unha zona das poucas do cerebro con neuronas que se seguen rexenerando e con células nai", apuntou.

TALLER NA LIBRARÍA COUCEIRO

A investigadora desenvolverá estes coñecementos e outros esta tarde na Libraría Couceiro, onde impartirá un taller dirixido a persoas de 10 a 100 anos baixo o título 'Cheirar e saborear co cerebro'. Será unha actividade divulgativa que implicará a participación activa do olfacto do público. Ademais, a investigadora asinará exemplares do libro. Esta mañá tamén se presentou o segundo número da colección, 'Bechos. A xungla na casa' con texto e ilustracións de Berta Páramo e o asesoramento científico de Óscar Soriano Hernando (investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturais - CSIC), aborda os insectos que viven nas nosas casas desde un punto de vista científico.

Presentación dos dous primeiros volúmenres, 'Cheirar' e 'Bechos' da colección 'Mentes Curiosas - Curiosas Mentes' do CSIC, en Santiago. XUNTA DE GALICIA
Presentación dos dous primeiros volúmenres, 'Cheirar' e 'Bechos' da colección 'Mentes Curiosas - Curiosas Mentes' do CSIC, en Santiago. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta