Temas: FRASEOLOXíA

“Non saber a cantas anda[ando, andas...]”, equivalente ó fraseoloxismo castelán “no enterarse de la vaina”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 19/05/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para manifestar que alguén está ou se atopa nun estado mental de despiste, aloulamento, atoallamento, apampamento, obnubilación ou semellante, e/ou que se amosa desafortunado ou torpe naquilo que está a facer ou ten que facer, en castelán non é nada estraño escoitar dicir que no se entera de la vaina.

Camareiros serven nunha terraza
Camareiros serven nunha terraza | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Sen entrarmos a valorar, pois non temos competencia nin coñecementos abondos como para o facer, o tema de se o verbo enteirar (ou mesmo, como calco importado ó dereito do castelán, enterar) debería de ser unha voz que formase parte da normativa, e malia sermos conscientes de que se trata dunha forma que hoxe en día practicamente o cen por cento dos galegofalantes usa de xeito natural (iso si, a maior parte na súa forma acastelanada) e de coidarmos que non hai unha soa voz ou locución verbal en galego que cubra todo o espectro de usos do dito verbo [en función dos contextos habería que recorrer a diversas opcións, como informar(se), apercibir(se), saber, decatarse, darse (de) conta...], o que está claro é que o fraseoloxismo *non enterarse da vaina é espurio na nosa lingua.

De feito, dispomos dun fraseoloxismo propio que cobre practicamente o seu mesmo “significado”, que é o de non saber a cantas anda[ando, andas...], á parte doutros que en función de cada contexto concreto tamén se poderían empregar. Imos, pois, ver algúns deles:

(Estar/Andar que) No enterarse de la vaina

{= Estar/Andar alguén mentalmente despistado, aloulado, atoallado, apampado, obnubilado..., e/ou amosarse desafortunado ou torpe naquilo que está a facer.}

(Estar/Andar que) Non/Nin saber a cantas anda[ando, andas...]

Ex.: Parece que hoy tienes un mal día, ¿eh?, que no te enteras de la vaina.

Parece que hoxe tes un mal día, ¿eh?, que non/nin sabes a cantas andas.

Ex.: ¡A ver si nos centramos, eh, chaval, que parece que no te enteras de la vaina!

¡A ver se nos centramos, eh, rapaz, que parece que non sabes a cantas andas!

Ex.:  Lo siento, macho, ya sé que me lo explicaste antes, pero es que hoy no me entero de la vaina.

Síntoo, macho, xa sei que mo explicaches antes, pero é que hoxe estou que non sei a cantas ando.

● Tamén, en bastantes contextos, e máis ou menos axeitadas en función de cada un:

(Estar/Andar que) Non/Nin ver a boia && (Estar/Andar que) Non/Nin ver a boia nin os toletes && (Estar/Andar que) Non/Nin guipar a boia

[E MAIS]:

(Estar/Andar que) Non/Nin as ver && (Estar/Andar que) Non/Nin as cheirar && (Estar/Andar que) Non/Nin as ulir

[E TAMÉN]:

(Estar/Andar que) Non ver camiño nin carreiro && (Estar/Andar que) Non/Nin ver a pataca && (Estar/Andar que) Non/Nin ver a vara

[E MAIS TAMÉN]:

Estar/Andar a velas vir && Estar/Andar na inopia

Ex.: Parece que hoxe tes un mal día, ¿eh?, que non/nin ves a boia que nin as ves que nin as cheiras que non ves camiño nin carreiro que andas na inopia.

Ex.: ¡A ver si nos centramos, eh, chaval, que parece que no te enteras de la vaina!

¡A ver se nos centramos, eh, rapaz, que parece que non ves a boia que non guipas a boia que non as ves que non as cheiras que non ves camiño nin carreiro que andas na inopia!

Ex.:  Lo siento, macho, ya sé que me lo explicaste antes, pero es que hoy no me entero de la vaina.

Síntoo, macho, xa sei que mo explicaches antes, pero é que hoxe ando que nin vexo a boia ando que nin as cheiro ando que non vexo camiño nin carreiro ando na inopia.

● Inda tamén, en contextos:

Estar atontado

Estar aparvado # aboiado # atrofiado # atoallado # apalermado # aloulado # atordado # pampo # apampado # pámpano # aparrulado # anoiado # amaragotado # apaxotado # apisallado # entorpecido && [E MAIS, ASOCIADA A CONTEXTOS DE USO MOI POPULARES E FAMILIARES, E MESMO A UN NIVEL DE LINGUA VULGAR]: Estar apirolado

● E mesmo, só en certos contextos, as seguintes expresións (que, amais, se adoitan empregar para indicar que alguén non se dá de conta de algo evidente):

Estar/Andar na horta e non/nin ver as verzas && Estar/Andar na parra e non/nin ver as uvas && Estar/Andar na horta e non/nin ver as coles && Estar/Andar na leira e non/nin ver as coles && Estar/Andar na leira e non/nin ver os coleiros && Estar/Andar na corte e non/nin ver as vacas && Estar/Andar nas verzas e non/nin ver a horta && (Estar/Andar que) Ir á fonte e non ver a auga && (Estar/Andar que) Ir ó río e non ver a auga && Estar/Andar na aldea e non ver as casas && Estar/Andar no lugar e non ver as casas && Estar/Andar na igrexa e non ver os altares && Estar/Andar en Galicia e non ver os toxos

[E MAIS TAMÉN]:

(Estar/Andar que) Buscar a burra e ir (de) a cabalo dela && (Estar que) Andar buscando a besta e ir/andar (de) a cabalo dela && (Estar que) Ir a (de) a cabalo do burro e andar ó seu procuro && (Estar que) Andar buscando o cesto e levalo na cabeza && (Estar/Andar que) Non ver tres curas encima dun montón de cal

NOTAS:

1. Obviamente, e como acontece sempre nestes artigos, as expresións que aparecen neles son empregables para os “significados” ou contextos de uso que se especifican.

Dicímolo porque a secuencia non saber a cantas anda[ando, andas...] non é susceptible de emprego para aqueles contextos en que se dá a entender que alguén non se apercibe, decata ou dá de conta de algo:

Ex.: El tío aquel de la barra no hace más que guiñarle el ojo a su chica, pero este ni se entera (de la vaina).

O tío aquel da barra non fai máis ca chiscarlle o ollo á súa moza, pero este nin se apercibe pero este nin se decata pero este nin se dá (de) conta pero este nin as cheira pero este nin as ve.

2. Con respecto á secuencia fraseolóxica non/nin ver a boia, cómpre dicir que, cando menos nos nosos tempos mozos e pola zona de quen isto está a escribir (ou sexa, máis ou menos pola comarca do Barbanza e por sitios da Ría de Arousa), era usada tamén, como calco do galego cara ó castelán, por xente que falaba nesta última lingua.

Ex.: ¡A ver, chaval, espabila, que hoy no ves la boya!

Pola súa banda, a secuencia non/nin guipar a boia é totalmente sinónima da anterior, pois o verbo guipar (que teño de meu de xeito natural, pronunciado con gheada) cobre o significado tanto de ver coma de mirar.

3. En liña co que comentabamos máis arriba en relación co uso natural para os máis dos galegofalantes do verbo enterar(se) –uso natural distinto, na nosa opinión, ó de casos de *calle, *carretera, *fecha... no canto de rúa, estrada, data..., en que nos atopamos ante un simple exercicio de conmutación léxica, o cal, como xa demos a entender, non ocorre co referido verbo–, ou, na súa forma axeitada ás características internas do sistema lingüístico galego, enteirar(se), tamén temos rexistradas as seguintes secuencias (que, insistimos, estarían fóra, cando menos a día de hoxe, do prescrito pola norma):

(Andar/Estar que) No enterarse (de nada) && (Andar/Estar que) No enterarse de la película # de la movida # de la historia && (Andar/Estar que) No enterarse del rollo

(Estar/Andar que) Non se enterar (de nada) && (Estar/Andar que) Non se enterar da boia # da boia nin dos toletes && (Estar/Andar que) Non se enterar da película # da movida # da historia # do conto # do choio # da choia # da gaita # da leria

4. Malia que resulta obvio que a voz apirolado deriva directamente de pirola (isto é, o membro viril masculino), tamén o temos rexistrado na súa forma feminina (ou sexa, como apirolada) enunciado por persoas do sexo feminino.

Ex.: Mellor que hoxe non mo expliques, ¡ho!, que ando apirolada.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Buján Otero, Patricia & Ferro Ruibal, Xesús & Paz Roca, Mª Carmen & Rodríguez Añón, Marta & Vidal Castiñeira, Ana: “Refraneiro do Seminario de Santiago (1947-1958)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 173-343. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Ferro Ruibal, Xesús (Coord.): “Diccionario de Fraseoloxía Galega. Estado actual dos fondos e dos traballos”. Nas Actas do I Coloquio galego de Fraseoloxía (1997), páxs. 289-311. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Fraseoloxía Carcamana. Dentro do blog Historia e historias da Arousa.

- Garrido Palacios, Manuel: Los 400 refranes recogidos en la aldea de Fonfría (Lugo)”. Tirado do url http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/los-400-refranes-recogidos-en-la-aldea-de-fonfria-lugo/html/

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Losada Álvarez, Ramón & Fernández Pampín, Vanesa: “Falares de Boqueixón”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 151-213. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta