Sabes como se embalsama un corpo a día de hoxe? Sempre é preciso?

Os tanatopractores Jaume Prats e Manuel Martín expuxeron no III Congreso Internacional de Directivos Funerarios celebrado a pasada semana en Ourense, as bases do seu traballo, unha profesión que se recoñeceu oficialmente no ano 2011 e que, aínda a día de hoxe, non conta cunha guía de prácticas común, dependendo moito a forma de traballar de cada tanatopractor e da normativa de cada comunidade.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 24/05/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O falecemento dun ser querido é, probablemente, unha das experiencias máis traumáticas na vida dunha persoa. Enfrontarse a esa perda é moi difícil, pero o poder despedirse do falecido adecuadamente xoga un papel fundamental no proceso de recuperación emocional tras a morte. Neste senso, o labor dos tanatopractores é imprescindible: a preparación física da persoa para darlle o último adeus en condicións. Con todo, esta figura non foi recoñecida como profesión ata fai ben pouco: no ano 2011. A día de hoxe, e aínda que contan con certas obrigas e normativas a nivel legal e sanitario diferentes en función da comunidade autónoma, non contan cunha guía de prácticas comúns, de tal xeito que cada tanatopractor fai o traballo ao seu xeito, como mellor considere. 

Embalsamamento
Embalsamamento | Fonte: Commons

Os tanatopractores Jaume Prats e Manuel Martín expuxeron no III Congreso Internacional de Directivos Funerarios celebrado a pasada semana en Ourense, as bases do seu traballo. "Cando unha familia vén contratar un servizo funerario temos claro que está alugando o uso dunhas instalacións para realizar o velatorio, o dos vehículos, o servizo de traslado do corpo... Pero moitas veces esquecémonos dese último dereito que teñen as familias de despedirse por confrontación directa do falecido", asegura Manuel Martín, que advirte de que "a desinfección fonda dos tecidos é fundamental para que as familias poidan bicalo, collerlle a man, apartarlle o pelo...". Confesa que, "en moitos casos, os profesionais funerarios que vemos como algo normal estar todos os días dentro da funeraria esquecémonos de que as familias teñen unha barreira moi grande a estar nun tanatorio".

EXTRACCIÓN DE TECIDOS CON 4 FINALIDADES: IDENTIFICACIÓN EN CATÁSTROFES, PROBAS DE PATERNIDADE, INVESTIGACIÓN XENÉTICA OU PROBAS SEROLÓXICAS

Por unha banda, o primeiro que se adoita facer cando falece unha persoa, en caso de considerarse necesario, é proceder á extracción de tecidos con catro finalidades principais, como apunta Martín. En primeiro lugar, "para a súa identificación en catástrofes, sácase un anaco de tecido que se manda ao laboratorio e pídese a diferentes persoas ás que lles falta un membro da súa familia que manden tamén algún elemento que poida conter ADN, como roupa interior, cepillo de dentes, cuchilla de depilar... ou ben nos poñemos nós en contacto cos hospitais para ver se tivesen algunha biopsia ou mostra de sangue coa que cotexar ese tecido do falecido". En segundo lugar, "tamén se lle saca tecido aos falecidos para realizar algunha proba de paternidade, normalmente cando hai herdanzas moi custosas e hai que determinar que o fillo é lexítimo".

En terceiro lugar, procédese a extraer tecido do falecido "cando tememos que haxa algunha enfermidade herdable susceptibe de seguir algunha liña de investigación xenética, algo que de primeiras non semella moi próximo, pero que se volve máis claro cando pensamos en acudir a un hospital a certas idades para descartar o cancro de mama". Como explica Martín, no caso da medicina preditiva, "o que nos fan é un cadro de revisións en funcións dos nosos xenes para descartar certas enfermidades herdables". Esta posibilidade é algo que "a día de hoxe pódese perder facilmente, porque temos o hábito de cremar o corpo e esa posibilidade de seguemento da liña xenética pérdese, por iso antes de proceder á cremación é habitual que nos soliciten a extracción de ADN para levar ao banco de tecidos". Martín lembra que actualmente hai entre 500 e 1.000 enfermidades susceptibles de ser así investigadas.

Embalsamamento
Embalsamamento | Fonte: Commons

A TODOS OS FALECIDOS SE LLES SACAN OS ELEMENTOS QUE TEÑEN BATERÍA, MENTRES QUE IMPLANTES E ELEMENTOS TRAUMATOLÓXICOS NON SE RETIRAN

Ademais, apunta que a todos os falecidos tamén "se lles sacan os elementos que teñen batería, como os marcapasos, os desfibriladores automáticos ou, en segundo nivel por área de presenza, todos os elementos relacionados co tratamento neurolóxico, como neuroestimuladores cerebrais, que tamén posúen batería". En resumo, o que determina a súa extracción ou non é a presenza de batería, pois en caso de implantes e elementos traumatolóxicos, por exemplo, non sería preciso proceder á extracción, do mesmo xeito que hai elementos que teñen a batería na parte externa e é suficiente con desconectala e deixar a parte interna sen tocar.

Finalmente, en cuarto lugar, tamén é preciso extraer tecido do falecido para "realizar probas serolóxicas no caso de que haxa que mandar o corpo a unha universidade para que os alumnos practiquen con el e teñan claro que non hai risco, ou tamén cando un compañeiro tivo un accidente analizando un falecido, como un corte, e hai que analizar se o corpo tiña algún tipo de enfermidade transmisible". Ademais, en caso de que haxa que repatriar un corpo ata o seu país de orixe, é preciso proceder ás extraccións de tecidos antes do embalsamamento que se vai levar a cabo para garantir a conservación do corpo durante o seu traslado.

TODOS OS LÍQUIDOS EMPREGADOS PARA EMBALSAMAR LEVAN BASE DE FORMOL

No tocante aos procesos de embalsamamento co obxectivo de poder repatriar o corpo do falecido en condicións, Jaume Prats asegura que "o primeiro que facemos os tanatopractores é buscar o destino a onde se vai dirixir o corpo, pois é importante para ver que tipo de fluídos podemos usar e que tipo de técnicas si e cales non, porque non en todos os países se permiten as mesmas cousas". Ademais, incide en que "outra cousa importante é saber coa maior exactitude posible a causa da defunción, algo que viría en principio escrito no certificado de defunción, pero que non sempre nos podemos fiar de todo: por exemplo, pódenos poñer que a persoa faleceu por insuficiencia respiratoria, pero o feito de que tivese un cancro que fose o que lle levou a iso pódenos afectar moito na forma de tratar o corpo". 

Así mesmo, explica que "outra das cousas que vamos facer para calquera tipo de embalsamamento é observar o corpo, aínda que pareza unha tontería, porque se vemos que o corpo está inchado vamos facer unha preparación dunha maneira e se está seco de outra, do mesmo xeito que se ten un edema, unha chaga ou calquera outra marca usaremos un fluído ou outro". Con todo, Prats confesa que, "aínda que poida parecer que hai moitas técnicas para embalsamar un corto, ao final redúcense bastante, o que non se reducen son os fluídos que vamos a empregar". Cales son? Apunta que todos eles levan "base de formol, sobre todo para repatriacións". Agora ben, "a dureza ou porcentaxe inicial de formol será o que nós teñamos máis en conta á hora de escoller un produto ou outro, dependendo das necesidades do corpo".

CADA TANATOPRACTOR TEN AS SÚAS PREFERENCIAS Á HORA DE ELIXIR A ARTERIA NA QUE INXECTAR O LÍQUIDO PARA EMBALSAMAR

Por exemplo, "para repatriar a Perú precisamos un líquido cunha concentración de formol alto para que o corpo teña unha conservación longa, mentres que para un traslado de Galicia a Portugal cun líquido que teña unha porcentaxe de formol inicial baixa xa é suficiente, porque se supón que o corpo será enterrado entre mañá e pasado mañá e non será tan necesario conservar os seus tecidos". Agora ben, tamén hai que ter en conta que cada corpo é distinto e que hai un amplo abano de tecidos para traballar con eles. Ademais, como apunta Prats, "cada profesional é especialista en prepararse a súa propia mestura". E tampouco todos escollen a mesma arteria para inxectar dita mestura. E é que ese líquido que se prepara para proceder á conservación do corpo ten que ser inxectado nel a través dunha arteria.

Como adoita dicirse, cada mestriño ten o seu libriño, e neste caso igual: cada tanatopractor ten a súa forma de traballar e as súas preferencias. No caso de Prats, "eu para elixir unha ou outra arteria o primeiro que fago é mirar a roupa que lle van poñer ao defunto: se a leva máis escotada ou menos, para que non se vexa demasiado". No seu caso adoita ir pola arteria braquial, que é de fácil extracción, pero recoñece que é pouco usada polo resto de compañeiros, que prefiren as carótidas ou femorais porque teñen máis fácil acceso a elas. No caso de Manuel Martín recoñece que el a que máis usa é a carótida pola súa drenaxe, porque leva máis sangue. Ademais, apunta que "á hora de decidir a cantidade de líquido a inxectar e a súa concentración tamén se ten en conta o estado inicial no que se colle o corpo: podes enviar un corpo nunha repatriación cun 1 % de formol inicial se está fresco e non manifesta síntomas de descomposición; en cambio, podes ter que trasladar un corpo ao día seguinte ao crematorio a 20 quilómetros e precisar concentracións moi altas".

ANTES DE INXECTAR NADA NO CORPO HAI QUE PROCEDER Á SÚA DESINFECCIÓN

Con todo, o máis importante antes de proceder a inxectar nada ao corpo é a súa desinfección. "Pode semellar algo obvio, pero hai larvas de moscas que se depositaron sobre todo nas mucosas do nariz e da boca e iso hai que quitalo, limpiando e desinfectando", explica Prats, ao que Martín engade que "contamos cun fluído concreto para a desinfección de cadáveres, que se pasa por todas as áreas do corpo incidindo máis nos orificios naturais". Ademais, no seu caso tamén adoita poñer pañais aos falecidos para evitar que perdan líquidos a futuro procedentes do ano, da vaxina e outros orificios. Só despois desta desinfección é cando se poderá proceder a realizar a técnica do embalsamamento.

"Comezaremos extraendo a arteria e inxectando o fluído conservante preparado", apunta Prats, que engade que, o seguinte paso é "facer unha masaxe moi directa enriba das extremidades para acompañar a que ese fluído entre cara todas as extremidades xunto ao sangue que xa vai estar medio coagulado dentro das veas, para que chegue de novo ao corazón". Explica que "un dos motivos polos que tentamos facer drenaxe cardíaca é porque todo o sangue vai á aurícula dereita do corazón". En concreto, sobre a cantidade de líquido a inxectar, tamén apunta que cada tanatopractor ten a súa idea, no seu caso inxecta un litro e medio. "Eu preparo 4 ou 5 litros, non máis, se o corpo logo precisa máis xa os prepararei, pero a cantidade de sangue que vou retirar do corpo nunca vai ser máis de 5 litros e o que non podemos facere é inchar o corpo: se consigo retirar do corpo 3 ou 4 litros de sangue non podo inxectar 12 do preparado aínda que o corpo teña que ir moi ben conservado".

TRAS INTRODUCIR O LÍQUIDO PÁSASE Á SUTURA DEIXANDO UNHA ABERTURA PARA EXTRAER O FLUÍDO DE CAVIDADES ANTES DE PECHAR DE TODO

Seguidamente, unha vez todo o corpo está inxectado e masaxeado para garantir a súa correcta conservación, pasaríase á sutura: "Deixamos só a abertura da punción para poder proceder a extraer o fluído de cavidades". No caso de Martín este ten na súa práctica que "todos os líquidos que poidamos extraer do corpo os extraemos, recuperando sempre o máximo", aínda que é consciente de que "moita xente difire neste senso e deixa o líquido de cavidades porque cre que contribúe a conservar o corpo". Feita esa extracción do líquido de cavidades (ou non, en función do tanatopractor), péchase a sutura e pódese proceder á reconstrución en caso de ser precisa. Prats advirte de que esa reconstrución nunca se debería facer antes porque "é precisa a reafirmación de tecidos que provoca o formol para que poidamos engadir os produtos de recheo que sexan necesarios".

Unha vez se determina que é preciso reconstruír algo no corpo, Prats explica que "normalmene o primeiro que facemos é valorar o tamaño que poida ter a zona a reconstruír e os materias que vamos a precisar para poder realizar esa reconstrución". Por exemplo, apunta que "se se trata dunha pequena ferida na cara ás veces chega con ceras blandas, e se é máis grande xa se procede a suturas intradérmicas; ás veces mesmo se é algo moi pequeniño que ten na piel e que hai que corrixir empregando spray e papel é máis que suficiente". Feita a reconstrución, "pasaríamos ao lavado final do corpo para que este quede ben desinfectado e limpo". Finalmente, procederíase ao enfriamento e, acto seguido, ao vestiario.

REFLEXIÓNS A FUTURO: REDUCIR O NÚMERO DE PRODUTOS QUÍMICOS EMPREGADOS E TER EN CONTA A POSICIÓN DO CORPO NO CADALEITO

A xeito de reflexión, Prats invita a "reducir ao máximo o número de produtos químicos empregados para evitar a violencia cara a terra e o medio ambiente" e, por outra banda, a "pensar ben a posición do corpo dentro do cadaleito, pois nos velatorios a xente pasa a maior parte do tempo sentada e deberíase alzar o corpo o máximo posible para que se poida ver frontalmente, polo que canto máis altas sexan as almofadas dos féretros moito mellor". Ademais, tamén apunta que "moitas veces óbviase que o embalsamamento non remata cando ti inxectas o fluído no corpo ou lle pos a maquillaxe, senón cando se consegue que a familia se poida despedir del en condicións: darlle un bico e velo o mellor posible: se o vén ben está estudado psicolóxicamente que a angustia da perda redúcese un pouco". Por iso, o traballo dos tanatopractores é fundamental e axuda moito no loito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta