A oposición pide a derrogación do decreto do plurilingüismo para selar o "pacto" polo galego, algo ao que se nega o PP

O portavoz parlamentario do PP de Galicia, Alberto Pazos Couñago, censurou que a oposición demande a derrogación do decreto do plurilingüismo como condición para sumarse ao "pacto" pola lingua galega ofrecido polo conselleiro de Cultura, José López Campos, na última sesión plenaria da Cámara galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2024 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PP de Galicia, Alberto Pazos Couñago, censurou que a oposición demande a derrogación do decreto do plurilingüismo como condición para sumarse ao "pacto" pola lingua galega ofrecido polo conselleiro de Cultura, José López Campos, na última sesión plenaria da Cámara galega.

Unha oferta sobre a que, este martes tras a reunión da xunta de portavoces, os principais grupos da oposición (BNG e PSdeG) aseguraron que non recibir ningún tipo de contacto por parte do Goberno galego para explorar un posible acordo. Así o manifestaron tanto a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, como a súa homóloga no Grupo Socialista, Elena Espinosa, a preguntas dos xornalistas na Cámara galega, onde aseguraron que a Xunta non fixo movementos desde o anuncio de López Campos o martes 14 de maio.

Pazos Couñago atribuíu esta ausencia de avances en que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude estivo "centrada" nos últimos días en celebrar de forma "adecuada" do Día das Letras Galegas. En todo caso, incidiu en que será o conselleiro quen decida "as fórmulas máis adecuadas" para tratar de alcanzar un acordo, á vez que lamentou que a oposición poña como primeira petición que se derrogue "a lexislación vixente", o que o levou a pedir que "non insinúen vetos desde o minuto un".

Xusto antes da comparecencia de prensa de Pazos Couñago, Olalla Rodil manifestara que "o primeiro" que debe facer o PP se quere alcanzar un pacto polo galego debe ser "derrogar o decreto da vergoña". Pola súa banda, Elena Espinosa defendeu que o Partido Socialista "sempre tivo unha postura coherente" sobre a defensa da lingua galego, o que contrapuxo á actitude que acusa de ter ao PP, que "vota unha cousa" en Galicia e "outra" en Madrid, como, ao seu xuízo, quedou demostrado durante o debate do uso das linguas cooficiais no Congreso.

Paula Prado e Alberto Pazos Couñago
Paula Prado e Alberto Pazos Couñago | Fonte: PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta