Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2024 | Actualizada ás 20:22
Eduardo Vigo, condenado en 2013 a case 14 anos de cárcere por tenencia de explosivos e pertenza a organización terrorista, sairá de prisión de forma definitiva o vindeiro venres, segundo comunicou este martes o colectivo independentista Ceivar.
Vigo, vinculado pola Audiencia Nacional á organización Resistencia Galega, está recluído na prisión da Lama e beneficiarase dunha revisión de condena que lle permitirá saír en liberdade un ano e tres meses antes de cumprir os 13 anos e nove meses de prisión aos que foi sentenciado.
Esta mesma pena tamén foi imposta a Roberto Fialhega no xuízo no que a Audiencia Nacional considerou probada a existencia de Resitencia Galega e no que tamén foron procesados e condenados María Osorio e Antóm Santos, no seu caso, a 10 anos e 7 anos e nove meses de cárcere, respectivamente.
En 2014, o Tribunal Supermo ratificou a sentenza da Audiencia Nacional, que condenou a estas catro persoas por participación en organización terrorista e falsificación en documento oficial. A maiores estes delitos, a Eduardo Vigo e Roberto 'Teto' Fialhega tamén os sentenciaron por tenencia de explosivos.
Segundo trasladou Ceivar, Fialhega, recluído no centro penal de Teixeiro, podería tamén beneficiarse "nas próximas semanas" dunha redución similar á aplicada a Eduardo Vigo, que deberá cumprir outro nove anos en réxime de liberdade vixiada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.