Máis de 9 de cada 10 alumnos galegos que se presentan ás probas de competencia dixital logran aprobalas

Un total de 6.264 alumnos reciben esta acreditación, moi importante para a procura dun emprego no futuro.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/05/2024 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este venres o IES de Valadares, en Vigo, para supervisar o desenvolvemento das probas de competencia dixital do alumnado de 4º da ESO. Segundo sinalou o conselleiro, estas probas "servirán para que o alumnado que as supere poida acreditar o nivel superior". Román Rodríguez deu conta dos resultados destas probas de acreditación realizadas este curso en 2º de Bacharelato e explicou que o 91 % dos alumnos que se presentaron conseguiron aprobar o exame, que lles permite obter o nivel B2 completo.

Grazas a estas probas, subliñou Román Rodríguez, un total de 6.264 alumnos reciben esta acreditación, moi importante para a procura dun emprego no futuro, de acordo co marco normativo establecido en toda Europa. Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en habilitar un sistema específico de acreditación de competencias dixitais para o ensino, procedemento posto en marcha este curso e que beneficia a estudantes e profesores.

Así, todo o alumnado que termina a ESO consegue automaticamente o nivel A2 de iniciación en competencias dixitais, mentres que ao finalizar Bacharelato obtense o B2 parcial. Este é o nivel mínimo determinado polos currículos e, a maiores, ofrécese unha proba para que os estudantes poidan demostrar un nivel superior en base aos coñecementos adquiridos.

"Esta aposta da Xunta está na liña dos obxectivos da UE de poder alcanzar en 2030 que un mínimo do 80 % da poblacón conte con competencias dixitais, algo polo que estamos a traballar de cheo no sistema educativo galego", afirmou o conselleiro. As probas para acreditar o nivel intermedio consisten en superar 5 áreas: procura e xestión de información e datos, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas.

Tamén en FP e outros ensinos (artes plásticas e deseño, e ESO e Bacharelato para adultos) os alumnos poderán acreditar as súas competencias dixitais. Os titulados poderán obter o certificado de iniciación ou intermedio e acreditar as súas competencias por tres vías: titulando nun destes ensinos, superando unha proba específico ou combinando ambas as opcións.

O obxectivo das acreditacións é garantir a adecuada formación de alumnos e docentes para afrontar os novos retos da sociedade. No caso dos profesores, na primeira fase obtiveron esa acreditación 20.500 profesores e a previsión é que, ata finais deste curso, esa cifra aumente ata case 30.000 (dos que se estima que máis de 10.000 incrementarán o nivel inicial conseguido na primeira fase).

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisa no IES de Valadares as probas de competencia dixital
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisa no IES de Valadares as probas de competencia dixital | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta