A Xunta aposta pola Intelixencia Artificial nas radiografías: "teñen un 99,5% de efectividade"

A área de Ferrol acaba de implementar esta tecnoloxía nas Urxencias do Hospital Arquitecto Marcide, cuxo principal beneficio é a rapidez,

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2024 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A semana pasada, as Urxencias do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol sumouse a outros centros sanitarios de Galicia no emprego da intelixencia artificial (IA) para analizar determinadas probas radiolóxicas. A tecnoloxía utilizada "alcanza unha efectividade do 99,5 por cento ao ofrecer un resultado negativo", é dicir, cando descarta unha patoloxía --non calquera, senón aquelas para as que foi adestrada--. No caso de que sexa positivo ou dubidoso, "non se toma ningunha decisión sen a supervisión dun médico".

Así o explica a Europa Press a directora de Soporte do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), Rocío Vílchez Simó, quen destaca o "adestramento de miles de datos", baseados en "evidencia científica publicada", ao que se someteu esta tecnoloxía para garantir a súa efectividade.

Actualmente, no hospital ferrolán emprégase en urxencias para as radiografías de tórax --para pacientes a partir dos 15 anos-- e as musculoesqueléticas --tanto para adultos como para nenos de, polo menos, dous anos de idade--. Tras a toma de imaxe, o sistema ofrece "en dous-tres minutos" catro posibilidades: un resultado positivo, negativo, dubidoso ou non avaliable. En caso de ser positivo, é a propia IA a que marca a zona onde detecta unha fractura, un derrame, unha luxación ou un tumor, etcétera, pero "todo é supervisado sempre polo radiólogo".

APRENDIZAXE CON MILES DE IMAXES

Esta intelixencia artificial está baseada no 'deep learning' --aprendizaxe profunda en inglés--, é dicir, en algoritmos que imitan o proceso de aprendizaxe humana e que está adestrada con "miles de imaxes de radiografías". "O que hai que ter claro é que (a IA) só detecta para o que está adestrada. Se estou a buscar unha osteoporose, por exemplo, non a vou a atopar. Hai que saber que é o que detecta cada programa e o que estou a buscar", explica a responsable de Soportes do CHUF.

En definitiva, Vílchez Simó manda unha mensaxe de calma á cidadanía: "Ten que saber que isto ten un experto a cargo, que hai un radiólogo e revísao. Nunca se vai a adoptar ningunha decisión sen a supervisión dun médico".

ATENCIÓN MÁIS RÁPIDA

O principal beneficio que ofrece é a rapidez nas súas conclusións, o cal redunda nun menor tempo de espera para o paciente que se achega a Urxencias. Na área sanitaria de Ferrol, que conta cunha poboación dunhas 173.000 persoas, o ano pasado realizáronse 42.000 radiografías urxentes de tórax e de óso.

Radiografía de pulmóns
Radiografía de pulmóns | Fonte: Arquivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta